Marta Rodríguez Engroba
Non te vou matar porque temo que me rexeiten cun minuto de silencio
Imposible, non si?.
É máis, estou imaxinando a moitos e moitas lendo este titular e pensando, "Pero que parvada está a dicir esta?".
Efectivamente, é unha parvada, porque ninguén no seu san xuízo podería concibir tal cousa, pero que, sen embargo, se contradí de cheo con esa reiterada teimosía que fai que, cada vez que unha muller é asasinada se repita esa posta en escena que, para o único que serve, é para deixarse ver, e con todo o respecto o digo para aqueles que participan neles de corazón, que algúns hai, por suposto, pero que obviamente,nin disuaden aos feminicidas, nin protexen as vítimas.
Con cada asasinato machista, o mesmo, unha e outra vez, sen que, unha vez rematado o espectáculo, nada mude, nin nada se faga para que así sexa.
O caso de Mónica, a muller asasinada na Coruña esta mesma semana, non foi unha excepción.
Cando apenas se levantara o cadáver, e nin sequera se confirmara aínda que se trataba dun novo crime machista, xa se estaban a celebrar minutos de silencio e a anunciar moitos máis, entre os que se contaban, naturalmente, os convocados polas Institucións, e por determinados colectivos, para contarnos o que xa escoitamos ata a saciedade, e que, máis que unha homenaxe para Mónica neste caso, e para todas as mulleres e menores que a precederon e que, de seguro, por desgraza, a seguirán, constitúe case unha ofensa, porque se isto é o que se vai continuar a facer por todos eles, mellor que sigan cada un ao seu e se deixen de tanto espectáculo, pero claro, hai que saír na foto, e soltar, se é posible, ese discurso baleiro que xa todos nos sabemos máis que de sobra, discurso, por certo, no que, moi habilmente, sempre se obvia o que non interesa que se escoite, aquelo sobre o que é mellor pasar por riba sen deterse.
Por exemplo, que o asasino de Mónica tiña antecedentes por violencia de xénero de dúas relacións anteriores.
Descoñezo, evidentemente, as circunstancias concretas deses casos, pero o feito certo é que este individuo, coma todos os da súa calaña, era unha bomba de reloxería, un perigo latente para toda aquela muller a que se achegara, malia o cal, ademais de andar libremente pola rúa, e como tamén sempre sucede, ata onde sabemos, non se lle estaba a facer ningún tipo de seguimento, porque,inexplicablemente, cando un maltratador sae libre, independentemente das circunstancias nas que se lle conceda esa liberdade, eso no suposto de que se lle chegue a privar dela nalgún momento, e malia estar demostrado algo que, a estas alturas, xa deberíamos ter todos presente, e máis aínda a xustiza e os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que o que maltrata unha vez o vai volver facer, xa se lle da por redimido, rematou o conto, cando os tráxicos feitos demostran unha e outra vez que non é así.
Desde que o asasinato de Mónica se soubo, escoitei, sen embargo, coma máis duna persoa preguntaba se ela coñecería eses episodios da súa parella.....
Unha vez máis se lle traslada a responsabilidade a vítima.
Que máis ten que o soubera ou non?. Namorouse dun home, ou creu namorarse. Punto. Nin era a súa obriga investigar os seus antecedentes, nin era de recibo.
Non se supón que temos un sistema que nos protexe?. Que é o que está a facer para que esa protección sexa real?.
Me temo que todos coñecemos a resposta, guste ou non admitila.
Obviamente, se a xustiza, a lei, actuaran coa contundencia que procede ante un delito tan grave como é a violencia de xénero, as probabilidades de que unha alimaña de tal calibre se cruzara no camiño de Mónica ou de calquera outra muller, serían considerablemente menores.
Escoitei tamén como unha das nosas políticas, despois de rematar o pousado dun deses minutos de silencio, pedía, "Recursos, recursos, recursos", así, por triplicado.
Pois ben, eu diríalle, tamén así, por triplicado,ou cantas veces faga falta, que, malia que os recursos son moi importantes, que dúbida cabe, o primeiro, o imprescindible, e do que carecemos, é "Conciencia, conciencia, conciencia", e, se me permite, tamén, "Humildade, humildade, humildade", a que lles falta a moitos deles que son incapaces de asumir que non coñecen a realidade da violencia de xénero, pero que nada fan por remedialo, porque, por riba de todo, están os seus intereses.
De que nos serven todos os recursos do mundo se as vítimas están desprotexidas, se os maltratadores campan libremente, coa sensación, fundada, por certo, de que son practicamente impunes?.
De que nos serven se, lonxe de traballar para que a sociedade tome conciencia da tremenda e gravísima realidade que é a violencia de xénero, algo do que, por máis que se congratulen do contrario, aínda nos atopamos a anos luz, estamos nas mans dun goberno que é o primeiro que se lanza a cegas a apoiar canta causa mediática aparece, sen saber o que apoia, se é ou non certa, sen coñecer os detalles máis imprescindibles, sinxelamente a golpe de titular, na única procura de acadar notoriedade,protagonismo, votos....en definitiva, os seus propios intereses, fomentando, ademais, que a cidadanía faga o mesmo, ignorando, sen embargo, o inferno que tantas e tantas mulleres anónimas, os seus fillos, están a vivir, ou aqueles aos que xa lles arrebataron a vida?
Porque no que atinxe aos recursos, non se trata soamente de dispoñer deles, se non, e isto é o máis importante, como e en que se invisten, e o exemplo ben claro o temos soamente con observar o que está a acontecer desde que Setembro comezou.
Semella que se levantou o pano e que comezou a función, tal é o despregue de eventos organizados polos "elixidos", que, loxicamente, custan miles e miles de euros, mentres ninguén semella preocuparse de que se empreguen máis deses recursos polos que tanto claman en algo que sería tan básico como establecer un certo control sobre os maltratadores reincidentes, reforzar as medidas de protección as vítimas,aos seus fillos, asegurarse de seleccionar máis persoal para este fin non soamente coa formación adoitada, se non coa sensibilidade, coa empatía que require, e, por riba de todo, con auténtica vocación, non porque lles tocou, porque as condicións laborais lle son máis favorables, ou porque é amigo, coñecido ou simpatizante de.......
Os eventos, as campañas mediáticas, anegar os medios, as paredes, con carteis, con slogans, non é malo, claro que non, e, en maior ou menor grado, algo sempre calan, pero se, previamente, non se constrúe unha base sólida, de pouco serven.
Cando estas liñas vexan a luz, novas concentracións, novos minutos de silencio, estarán a piques de celebrarse, e, eu pregunto, alguén pensa nin por un segundo que van disuadir de matar a quen pensa facelo, ou que quen xa o fixo se vai sentir mal por isto?.
Sexamos serios, por favor.
E, xa para rematar, unha reflexión:
Mentres todos e cada un de nos non tomemos conciencia de que calquera muller pode chegar a ser vítima de violencia de xénero, SI, CALQUERA, e isto tamén vai por Vds., de feito, especialmente por Vds., señoras e señores políticos, membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, xuíces, avogados.....As súas fillas, as súas irmáns, as súas amigas, Vds. mesmas, todo é inútil, ou acaso consideran que os minutos de silencio, as concentracións, as protexerían abondo, que disuadirían aos seus agresores de seguir maltratándoas?.
Asociación Si, hai saída