Marta Rodríguez Engroba
Somos mulleres, non rastrexadoras de maltratadores ou potenciais asasinos
Cando hai xa moitos anos coñecín ao que a piques estivo de converterse no meu asasino... polo moito que me amaba, dicía, non se me ocorreu pensar, en ningún momento, que estaba deixando entrar na miña vida a un desalmado que tentaría, no nome do amor, rematar con ela.
Tampouco, evidentemente, se me pasou pola cabeza poñerme a facer pescudas sobre a súa vida anterior, porque, coma persoas normais que se daba por sentado que eramos, abondou co que me contou por iniciativa propia, como se supón que é lóxico, nin percibín motivo algún para desconfiar.
Sinxelamente, coñecín a unha persoa que dicía quererme, o mesmo que a meu fillo, algo isto fundamental para min, e que, ademais o demostraba cada día con mil detalles.
Si me falou dunha relación anterior, e mesmo duns fillos froito da mesma, nada estraño, dado que eramos persoas adultas e, porén, cun pasado as costas.
Tan so despois de mais dun ano e medio de calvario, no que me foi minando día a día ata deixarme sen forzas para reaccionar, nin case para respirar, cando xa o medo, o terror, se instalara na miña vida, e uns días antes de que unha das súas brutais agresións, mais salvaxe que calquera das anteriores, non rematou coa miña vida grazas ao valor dun neno de tan so 7 anos, meu fillo, que non dubidou en interpoñerse entre os dous para protexerme e tentar que deixara de bater golpes sobre min, souben, ía dicir por casualidade, pero realmente non foi así , se non porque a súa ex parella, que aínda arrastraba unha dependencia psicolóxica del que eu, por fortuna, nunca cheguei a ter, o que facilitou enormemente, sen dúbida, a miña recuperación, tras conseguir coñecer a miña identidade, contactou comigo, inicialmente para chamarme de todo, mais para, con posterioridade,contarme que, o mesmo que eu, ela tamén fora brutalmente maltratada por el, e non soamente eso, se non para falarme da existencia doutra ex parella, coa que tivera unha relación paralela a súa, e que aínda non rematara de todo, da que, igualmente que na mantida con ela, chegou a haber fillos, e a que, pouco despois , coñecín.
Semella incríble, non si?.
Pois podo asegurar que esta historia é real, moi real, e que, no tempo que durou esa relación envelenada, nada me fixo sospeitar da existencia desas ex parellas, deses fillos, e que foi tan hábil para alternar as visitas a esas dúas familias que agochaba como para levar, ao mesmo tempo, unha vida aparentemente normal ao meu carón, finxindo que me quería, aínda que controlando todos e cada un dos meus movementos, e matándome pouco a pouco, día a día.
Eran outros tempos, e, malia que, como xa dixen, este malnacido maltratara a súas ex parellas, e que polo menos todas as que tivemos, ata aquel momento, a desgraza de tropezar con el corremos a mesma sorte, no hipotético caso de ter desconfiado del e tentar pescudar acerca do seu pasado, non existía, como é doado supoñer, denuncia algunha, polo que este malnacido non contaba con antecedentes de ningunha clase.
Tampouco no caso de que os tivera, habería, naqueles tempos, os anos 90, nos que a violencia de xénero sinxelamente non existía, se acaso algunha muller a que "lle pegaba o marido" ou, xa nos casos mais extremos, deses que saían nos xornais, algún "crime pasional", forma de que eu os chegara a coñecer.
En calquera caso, insisto, non se me pasou pola cabeza, cando o coñecín, converterme nunha especie de Mrs. Marple indagando aquí e alá.
Por qué conto isto agora?.
Moi sinxelo.
Porque estou furiosa,indignada e anoxada despois de días escoitando, lendo, como, tras o brutal asasinato de Mónica Marcos, acoitelada na Coruña pola súa parella hai pouco máis dunha semana, tras coñecerse que este contaba con antecedentes por violencia de xénero cometida contra dúas parellas anteriores, como se cuestiona se Mónica era coñecedora de tales antecedentes, comentarios, por certo, na súa maioría, procedentes, de mulleres, o que fai todo isto aínda máis deleznable.
Por qué tería Mónica que coñecelos?.
Era, acaso, a súa obriga estar ao tanto deste tipo de cuestións?.
Non escoitei, nin lin, pola contra, que ningunha destas persoas cuestionaran o feito de que, malia ter tales antecedentes, este individuo circulara tranquilamente pola vida, sen control ningún, porque, que se saiba, coma a case todos os da súa calaña, non se lle estaba a facer seguimento de ningún tipo... Disto, mellor non falar, non si?.
Mellor facer recaer a responsabilidade, a culpa, directamente sobre a vítima, neste caso sobre Mónica.
Ninguén menciona a un sistema que, lonxe de protexernos as mulleres, nos pon aos pés dos cabalos, e, cando sucede o irreparable, cando nos matan, cando alguén, cun micrófono ou unha cámara na man, lle pregunta a alguén con, supostamente competencias no tema no consabido minuto de silencio, como é posible que con tales antecedentes, o asasino estivera na rúa ou non se exercera vixilancia algunha sobre él, se escusan alegando que "había denuncias, pero non fora condenado", para, acto seguido, saír os políticos, os "activistas" de sempre, reclamando recursos e, manda truco......falando de prevención!.
É así unha e outra vez, asasinato machista tras asasinato machista.
Somos, polo que se ve, as propias mulleres, as que temos a obriga de ir pola vida desconfiando de todo aquel que se achegue a nos, co piloto vermello permanentemente acendido, xogando aos detectives cada vez que nos plantexemos iniciar unha relación, e se temos a desgraza de cruzarnos cun maltratador, cun asasino, no noso camiño, a culpa é nosa.
Como xa dixen en máis dunha ocasión, creo que podo asegurar sen temor a errar que a violencia de xénero é o único delito no cal a vítima ten case todas as papeletas para pasar de ser xustamente iso, vítima, a automaticamente sospeitosa, cando non culpable, ou polo menos, cuestionada.
E por se isto non abondara, polo que se ve, tamén, se queremos evitar correr riscos cando coñecemos a alguén con quen pensemos en iniciar unha relación, debemos converternos en rastrexadoras de maltratadores ou potenciais asasinos para protexernos deles.
De dar discursos baleiros, de protagonizar minutos de silencio, e, o máis importante, de cobrar, xa sobra quen se encargue, non si?.
Asociación Si, hai saída