Tribuna Viva
Cisma na parroquia de Lourizán?
O xoves, 16 de Setembro un grupo de Catequistas de Lourizán reunímonos co Vicario Episcopal de Pontevedra e o sacerdote recén nomeado (a día 24 de Xullo) como encargado da nosa Parroquia. Nesta reunión léuselles o seguinte escrito elaborado por nós mesmos e que recolle as necesidades máis acucientes da nosa parroquia en canto ao desenvolvemento da catequese, e outros servizos relixiosos que as Asociacións, Confrarías da Parroquia e moitos ferigreses nos fixeron chegar.
A nosa Igrexa precísanos. A Parroquia é a casa común, onde se celebra a ledicia do encontro, centro da vida parroquial e comunitaria. Esta é a definición xunto co lema da catequese deste novo curso, e sérvenos para reivindicar a nosa condición de parroquia: Santo André de Lourizán (a máis grande do municipio de Pontevedra en territorio e case en ferigreses). Tres lugares, ata hai un par de anos, de culto (Pontemuiños, Igresario de Lourizán e Igrexa de Placeres) centralizados hoxe nun só, o de Placeres, onde nos reuníamos cada sábado e Domingo a celebrar as eucaristías e a catequese .
A asistencia dos fieis a ditas celebracións sempre foi moi boa, ás veces masiva. Era o noso sinal de identidade e de reunión . A partir destas xuntanzas renovábase o grupo de catequistas, ano tras ano, formábanse novas cofradías, comisión de festas, novos socios para as Asociacións relixiosas xa existentes. etc. Agora sabemos que non interesa a ninguén, tanto aos políticos como a propia Igrexa, que esta parroquia siga viva. Temos xigantes ao noso redor que intentan fundirnos e ata eliminarnos como pobo, e dóenos na alma desaparecer e morrer como parroquia, polo respecto que nos merecen os nosos maiores que tanto loitaron e sacrificaron horas do seu tempo libre axudando voluntariamente nas Igrexas de Lourizán.
A xente nova segue querendo celebrar os Sacramentos nesta Igrexa, que para eles é a súa segunda casa, onde foron recibidos, onde se casaron e onde despediron aos seus seres queridos. Os país e nais dos 87 rapaces, que asisten cada domingo a liturxia da palabra e a preparación para as Comunións, nos preguntan a diario pola data de comezo do catecismo e sobre todo insisten en que a celebracións sexan aquí, se non é así din que se van a outra. Entendémolo e compartímolo. Tamén quéixanse de que non haxa eucaristía os días de celebracións importantes como Difuntos, Semana Santa e ata os Domingos, posto que a liturxia só a facemos nós e sempre que hai catecismo, en periodo vacacional está pechada a Igrexa.
Dámonos conta todos de que o servizo que nos presta o cura párroco da parroquia limítrofe redúcese aos enterros, defuntos, algún bautizo, ou Comunión individual e pouco máis. Non queremos entrar a cuestionar nin a valorar a súa implicación no cometido, que según nos dixeron ten asignado dende o Arzobispado de Santiago na nosa parroquia, pero sí temos que loitar porque nos presten (dende a diócese o Arzobispado) a atención que merecemos:
A Igrexa de Lourizán está pechada e sen revisar hai xa moito tempo ao igual que a súa casa rectoral.
A Igrexa de Placeres require arranxos imprescindibles para continuar celebrando o culto nela.
As persoas voluntarias que axudan nas celebracións e na posta a punto da Igrexa ( limpeza, desinfecións, arranxos florais..) están xa cansas e apáticas ante o desinterese mostrado pola seu labor ou implicación tanto dentro como fora do entorno da mesma. Dá igual que chova dentro, que a herba esté alta ou que non soe a campá.
Necesitamos presencia, ánimo e motivación dun pastor que nos guie, que se preocupe polo desenvolvemento da catequese, que se reúna con nós, coas confrarías da parroquia, que impulse unha nova comisión parroquial e que se involucre no mantemento e na continuidade da nosa existencia como parroquia.
Sabemos da falta de vocacións sacerdotais que implica un desbordamento de traballo por parte dos sacerdotes existentes, pero consideramos que si nós estivemos durante máis de dous anos conservando e ata diríamos que ampliando o número de ferigreses, contando só ( por desgracia) coa atención, ánimo e a ilusión que nos transmitía dende o seu internamento hospitalario o noso anterior párroco, por qué agora, dende a nosa diócese ou vicaría, non se poden seguir encargando da continuidade desta parroquia e dos seus feligreses?
Nós seguimos dispostos sempre que teñamos apoio, presencia e atención dun sacerdote implicado en seguir traballando coa ferigresía. Se non é así corremos o risco de que a nosa casa común e centro da vida parroquial sexa pronto historia ou monumento a visitar, trasladado pedra a pedra, eso sí, a outro lugar onde non impida a evolución do progreso industrial da zona.
Permitirá a nosa diócese que isto ocurra?
Despois de escoitar o texto aquí reproducido, recibimos unha resposta vergoñante, sorprendente e decepcionante para todos nós. Dende ataques persoais ata a relativización e case ninguneo do noso labor durante anos (nalgúns casos maís de 30) ao servizo da catequese e da Igrexa de Lourizán, chegando incluso a facernos chegar comentarios dos propios ferigreses sobre a inutilidade do noso servizo nunha parroquia que consideran apagada e morta, cando é todo o contrario.
Consideran, tamén, que as parroquias tenden a desaparecer e que non é importante esta reivindicación. Despois trasladóusenos as intencións de facer unha catequese itinerante é dicir, que os rapaces e os catequistas nos desplazemos cada domingo a unha das dúas parroquias das que o sacerdote se encarga, e se nos deron novas indicacións (que nos fixeron lembrar tempos xa pasados) para vindeiras xuntanzas e uso dos espazos relixiosos.
Ante estas respostas, e outras que preferimos omitir, os catequistas de Lourizán queremos facer chegar aos ferigreses a intención de deixar de prestar o noso tempo, cheo sempre de ilusión e gañas, como catequistas.
Agradecemos a todos os país e nais e rapaces a súa confianza, colaboración e apoio en todos estes anos, e animámolos a seguir perseverando na fe, co exemplo de Xesús e a súa mensaxe, se pode ser dende a nosa querida e viva parroquia.
Atrevémonos tamén a facer un chamamento á Igrexa galega, ao noso Arzobispado, para que escoite as inquedanzas dos segrares que traballan para e pola súa Igrexa a diario ( moitas delas expostas no escrito) e vexan as necesidades relixiosas reais da nosa parroquia.
CATEQUISTAS DE LOURIZÁN