Tribuna Viva
Estudan denunciar ante Europa o conflito entre bateeiros e percebeiros
Tras a reunión da Directora Xeral de Pesca cos Presidentes das Federacións Galega e Provinciais de Confrarías de Pescadores do pasado 29 de setembro en Santiago, no día de onte os/as Patróns/as Maiores das Confrarías de Pescadores con sector de percebe da provincia de Pontevedra xuntáronse na sede da súa Federación Provincial, co obxecto de analizar os resultados da antedita xuntanza, na que se tratou da problemática existente entre os sectores percebeiro e bateeiro pola extracción de semente de mexillón en bancos naturais.
Cítanse a seguir algúns dos cualificativos xurdidos no encontro de onte en Arcade: "máis do mesmo", "engano tras engano", "voltas en círculo", "inoperancia", "inmobilismo", "deixadez", "parálise", "promesas incumpridas", "falta de capacidade e valentía", etc. e todo para "gañar tempo" por parte da Consellería do Mar, e así non ter que implicarse en resolver un conflito social que pode derivar en enfrontamentos a pé de costa.
Dous anos – sí, dous anos – sen avances e sen atisbos de solución, e cando o primeiro de decembro está á porta para iniciarse unha nova campaña extractiva de mexilla, onde as zonas máis ricas de percebe voltarán a ser arrasadas de forma indiscriminada por grupos de bateeiros que non respectan en absoluto a sostibilidade dos recursos mariños, sendo amparados por unha norma obsoleta que data do ano 2000, a que non regula en absoluto a realidade existente na actividade extractiva de semente de mexillón.
"Permanecemos no punto de partida e só estivemos a perder o tempo, pois a Directora Xeral de Pesca presentóunos en Santiago o mesmo borrador de orde que regula a extracción de mexilla, o que únicamente se puxera a disposición do sector bateeiro e o que nos chegou hai máis de tres meses ás confrarías pola porta de atrás".
O texto deste documento é o mesmo que por aquel entón, sen contemplar ningunha das zonas de reserva propostas polas confrarías para evitar a extracción de mexilla, a pesar de saberse sobradamente na Consellería como están de asoladas as rochas de ditos bancos naturais. "Unha burla en toda regra e unha total falta de respecto ao sector percebeiro galego".
A este respecto, os acordos adoptados por unanimidade das Confrarías de Pontevedra en defensa do medio de vida dos percebeiros, foron os seguintes:
- De chegar á data de apertura de extracción de mexilla no mes de decembro nestas condicións, as confrarías de percebe están dispostas a recurrir aos tribunais de xustiza competentes para denunciar a tramitación da futura orde reguladora e tamén o presunto dano ecolóxico que están a ocasionar certos grupos de bateeiros no litoral galego.
- Defender con "uñas e dentes" o sustento de moitas familias que dependen das capturas de percebe e que observan atónitas, como por culpa da inacción e a irresponsabilidade da Consellería do Mar, se están a destruir as poboacións máis sensibles deste recurso específico. Iso sí, as consecuencias de calquera tipo de enfrontamento entre colectivos só terán un responsable, a propia Consellería do Mar.
- Retomar as actuacións paralizadas ante as promesas -incumpridas- da Consellería do Mar, tales como a entrega dos currículos dos percebeiros demandando un posto de traballo na administración galega.
- Reiterar a solicitude dunha reunión coa Conselleira de Medio Ambiente a fin de dar a coñecer os efectos prexudiciais da extracción de semente de mexillón en zonas específicas da costa galega.
- Solicitar de inmediato reunións con todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, co obxecto de transmitirlles de primeira man o conflito social existente e instándolles a presentar cantas iniciativas sexan necesarias para que a Consellería do Mar deixe de enredar e se poña dunha vez a traballar en serio para tentar garantir a convivencia entre dous sectores produtivos do mar galego e tamén co obxectivo de velar pola salvagarda dos recursos mariños, neste caso do percebe.
- Demostrar con probas documentadas e evidentes ante os organismos competentes da U.E., os efectos prexudiciais da extracción de mexilla en moitas zonas da costa galega e os que conlevan á situación de conflito social existente entre os sectores percebeiro e mexilloeiro.
- Valorar incluso o inicio de mobilizacións ante a Consellería do Mar, invitando á participación de todo o sector percebeiro galego e esixindo as responsabilidades que se consideren oportunas ante o Presidente da Xunta de Galicia.
En definitiva, as confrarías de percebe da provincia de Pontevedra decidiron reanudar a súa folla de ruta, e de cuxas accións a emprender se dará puntual información ante a opinión pública.
Arcade, 2 de outubro de 2021
O PRESIDENTE
Fdo./ José Manuel Rosas Otero