Julio C. Piñeiro
Crítica de cine: Los amos del barrio (The Watch)
A factoría Saturday Night Live, principal timón da comedia norteamericana dende finais dos '70, reúne a dúas xeracións consecutivas do seu inagotable manantial de actores, guionistas e directores, nesta buddy movie cun compoñente claramente paródico e referencial, como son os relatos de invasións alieníxenas, cun convidado especial en representación do mellor humor absurdo recente de selo británico, Richard Ayoade (principalmente coñecido pola serie The IT Crowd).
As risadas non son tan sonoras coma noutras propostas desta veterana escola da comedia. A parodia non é tan explícita, recoñecible e eficaz como en Paul, nas que se combinaron as boiantes tendencias estadounidense e inglesa neste subxénero. E dende logo, fica bastante lonxe das cotas de humor negro e mensaxe social subxacente da británica Attack the block, unha das grandes sorpresas da pasada temporada, tendo sido Los amos del barrio vista por algunhas voces precisamente como unha vaga e pueril resposta de Hollywood a aquela.
Con todo, o filme cumpre con certa solvencia o seu principal e básico cometido: presentar un relato lixeiro e fluído co que facer rir e se mofar de certos códigos cinematográficos. Os clichés, non sempre inevitábeis, altérnanse con situacións e liñas de diálogo bastante lúcidas. A narración vira a un ton algo máis serio nalgún que outro momento, perxudicando ao ritmo pero axudando ao tempo cómico global. Tamén contrastan o excesivo histrionismo de Vince Vaughn coa destacada papeleta de Jonah Hill como inxenuo desequilibrado ou a eminencia freak (literalmente) de Ayoade.
En liñas xerais, unha comedia correcta á altura das súas modestas aspiracións.
Ficha técnica:
Título: Los amos del barrio - The Watch (Neighborhood Watch)
Duración: 98 min.
Director: Akiva Schaffer
Guión: Evan Goldberg, Seth Rogen
Música: Christophe Beck
Fotografía: Barry Peterson
Reparto: Ben Stiller, Vince Vaughn, Jonah Hill, Richard Ayoade, Rosemarie DeWitt
12.11.2012