Tribuna Viva
Denuncian a "nefasta" xestión do PAC de Baltar
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo denunciamos, unha vez máis, a nefasta xestión do PAC de Baltar en particular e en toda a área sanitaria Pontevedra - O Salnés, por extensión.
O PAC de Baltar leva dúas fins de semana consecutivas sen médico de reforzo xa que o facultativo que ten praza no mesmo, envíanno a cubrir baixas noutros PACs da área ( O Grove, Bueu, Vilagarcía,…).
Esta fin de semana pasada, á hora de facer as quendas, non tiveron en conta que existe persoal que está de baixa nin ao que está de vacacións, incorporándoo ás gardas a pesar de non estaren en activo.
Unha vez feitas as quendas, enviaron as notificacións ao Centro de Saúde de Baltar en vez ao PAC, notificacións que nunca chegaron aos seus destinatarios: en primeiro lugar porque ao estar de baixa e vacacións non acuden ao seu centro de traballo, e en segundo lugar, porque un dos destinatarios pertence ao PAC de Cambados (quen viría a suplir a praza do médico de Baltar que enviaron, esta fin de semana, a O Grove e a Bueu).
O resultado deste descontrol foi que o PAC de Baltar quedase o domingo sen médico ningún durante dúas horas, que nestas últimas fins de semana non houbera médico de reforzo e que o domingo tiveran que botar man dun médico do PAC de Vilagarcía mentras o que corresponde a Baltar estaba en Bueu.
Á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo non nos vale a escusa de que non hai médicos, nin enfermeiras, nin celadores…, os problemas son outros: a área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, e en concreto, o Centro de Saúde de Baltar é a área sanitaria de toda Galicia con contratos e condicións laborais máis precarizadas. De feito, veñen de aumentar a cada facultativo 250h. anuais, polo que terán, como moito, unha fin de semana libre cada seis.
Ante esta situación é normal que os xa poucos profesionais sanitarios formados rematen prestando os seus servizos fóra. Das tres vacantes que existen en Baltar, ningunha foi cuberta polos traslados, e dos 6 novos facultativos de AP que se formaron na Área Sanitaria só solicitaron e quedaron nesta, dous.
Consello Fundacional da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo