Antón Roel Villanueva
As feridas do Carballo de Santa Margarida
Alarmados polo acontecido cas àrbores da Alameda onde teñen que talar bastantes deles, sobor de todo Carballos que levan moito tempo facéndonos compaña dende os tempos que estudabamos no instituto Valle Inclán e nos recreos utilizábamolos de portería nos partidos de fútbol. Tamén nas festas da Peregrina, sentados ca súa sombriza nas terrazas das churrerías escoitando a musica das casetas das atraccións, ou a carón do palco da banda da música, fomos a visitar ao avò de todos eles, o Carballo de Santa Margarida.
O vello e entrañabel Carballo, todo un símbolo para nós, un patrimonio da natureza que leva moitísimos anos ao noso carón e temos a obriga de coidar e dar aloumiños, a nosa árbore de Guernica. Con gran disgusto cóntanos un velliño veciño do lugar que a árbore leva todo o verán soportando o peso dunhas pólas secas que, segundo el coa sabedoria que dan moitos anos coidando árbores, hai tempo que tiña que podarse para non cargalo máis de peso co risco de dobrar e do perigo que iso supón e, de paso, retirar o cemento que ten arredor do tronco que non o deixa respirar. Eu ainda que me encantan non entendo moito de árbores e de podas e coidados, pero penso que se debería facer todo o posibel para salvar o noso Carballo Maior do Reino. Sería unha mágoa e unha desgraza para nós esperar, como se fixo cos da Alameda cando xa non tiñan arranxo. Ninguén quixera formar parte da xeneración que veu morrer o carballo, todo un símbolo para moitas xeneracions, tamén para a nosa.
É bastante triste que, durante moito tempo, as árbores se esvaezan da nosa paixase e só nos lembremos delas cando non están ou cando acontece unha desgraza como cando caen e, por mala sorte, morre unha persoa. Non nos preocupamos da súa saúde, só nos decatamos cando xa é demasiado tarde, cando xa só queda o arboricidio como o acontecido na Alameda. Sería máis doado facer máis a cotío estudos da saúde de todas as árbores da cidade, non só as da Alameda por estar no centro. Os veciños estiveron moito tempo solicitando que se podara o Olmo da rúa de Pardo de Cela e agora, por fin logo de moito insistir, o podaron. Aínda está sen trasplantar a Oliveira da Praza de España, que pedian os veciños, e cando non haxa máis remedio que talar unha árbore por vella, enferma ou en perigo de derruba, axiña prantar outra no seu lugar, que non aconteza como cando talaron o Laranxo que dá nome a unha rúa e aínda non prantaron outro como pedían os veciños.