Marta Rodríguez Engroba
Tentar camuflar o cheiro a lixo con perfume, a práctica que non cesa na "loita" contra a violencia de xénero
E para mostra, unha máis!, un botón.
Madrugada do pasado Domingo, 10 de outubro.
Un despoxo humano, porque non se me ocorre un cualificativo que o describa máis fielmente, circula pola Praza Roxa arrastrando polo chan a unha rapaza, que resultou ser a súa moza, completamente inconsciente.
O medio que recolle a noticia desta aberración, ou polo menos un deles (ignoro se apareceu nalgún outro), aclara que se descoñece o motivo polo que a arrastraba, malia, puntualiza, o estado de ebriedade dela.
Se ve que, polo visto, si pode existir un motivo que xustifique que un desalmado arrastre a unha muller polo chan, e, moi importante, iso si,! deixarnos claro que ela estaba ebria.
Acto seguido, o xornalista describe como o suxeito en cuestión se enfronta aos sanitarios que acudiron ao lugar dos feitos para asistir a rapaza, interferindo no seu traballo, e aos axentes de policía que tamén se presentaron, proferindo ameazas, insultos e chegando mesmo a tentar agredir a un deles, sendo detido por atentado contra a autoridade.
De feito, ao comezo da noticia, di, literalmente, "El arresto se debió a que el chico trató de agredir a uno de los agentes de la Policía Nacional que acudieron a la zona".
Dito doutro xeito, o feito de que arrastrara a súa moza polo chan non tivo nada que ver co seu arresto, que se debeu, única e exclusivamente ao seu enfrontamento cos axentes e o intento de agresión a un deles.
Deixando aparte a redacción da noticia, que é, na miña opinión, como mínimo, para que o seu autor pida desculpas polo arrecendo a machismo que desprende, e pola enorme falta de respecto que implica para a vítima desta agresión, para todas as vítimas de violencia de xénero, en realidade, e para todas as mulleres en xeral, gustaríame suliñar uns cantos puntos que, creo, outorgan significado ao título deste artigo.
Creo que, se se supón que en algo concordaremos todos os que nos podemos chamar seres humanos é no deleznable destes feitos, por mor dos cales, unha muller foi maltratada non soamente pola súa parella, se non tamén pola institución que, supostamente, ou polo menos así o reflicte a noticia, ignora totalmente a gravísima agresión da que foi obxecto, castigando o autor tan só pola cometida contra un dos seus, como polo xornalista que da conta dos feitos, co seu ton, reitero, machista e humillante para ela, xa que o feito de estar ou non ebria non é para nada relevante nin moito menos xustifica tal ataque.
Por outra banda, por se alguén non se decatou, para esta rapaza humillada, aldraxada, arrastrada, literalmente, polo chan, non hai rastro de hashtag tipo #non estás soa, nin berros de "Si tocan a unha tócannos a todas", nin, por suposto, convocatoria ningunha para unha concentración desas que cada vez abondan máis, para manifestarlle o seu apoio que certo sector do "feminismo" reserva para casos de máis sona, e, por suposto, susceptibles de chamar a atención de medios con máis "ensulla", e onde estean un plató ou unha cámara.......!.
Menos aínda temos twitter nocturno dunha ministra que, sempre ao quite, abondo ten con controlar que non se lle escape ningún caso mediático, de celebrar xuntanzas ou facer aparicións públicas onde e con quen a favoreza, e, por suposto, do proceso de selección dun equipo acorde co seu perfil.
En calquera caso, xusto é recoñecelo, nin ela, nin ese sector do "feminismo" ao que aludín, están a facer nada novo que non fixeran cantos e cantas as precederon, e, ao paso que imos, quen veña detrás: Ignorar a raíz do problema e eludir todo aquelo que poida nin rozalo: As eivas no sistema policial.
Tema tabú onde os haxa, é coidadosa e reiteradamente eludido, tentando tapalo con capas e máis capas de "solucións máxicas", malia ser conscientes de que as capas, máis pronto que tarde, acaban por quebrarse.
Nesta semana foron aprobados os Presupostos Xerais do Estado sendo as principais partidas de Igualdade destinadas a conciliación e a loita contra a violencia de xénero.
525 millóns de Euros, o 54% dos cales, é dicir, 284 millóns de euros se empregarán, supostamente, na loita contra a violencia machista e ao cumplimento dos acordos do Pacto do Estado contra a violencia machista, e eu pregunto, como?, facendo que?.......Carteis, campañas publicitarias, organizando evento tras evento.....?.
Acaso aínda ninguén se decatou de que todo isto de nada serve se non se aborda dunha vez por todas a raíz do problema, de que mentres non se faga unha reforma total e rotunda no eido policial, revisando e modificando os criterios empregados ata agora para seleccionar os axentes que asisten e asesoran as vítimas da violencia machista, todo o demais é superfluo, fume, castelos de papel?.
Xa que temos unha ministra que semella estar a facer grandes descubrimentos no que atinxe a violencia de xénero, (non esquezamos que neste ano descubriu, por exemplo, a violencia vicaria da man dunha famosa, agora semella acabar de decatarse da complexidade aínda maior que as situacións de violencia machista implican para as mulleres do rural, algo que, polo que se ve, tamén é novo, e non soamente para ela... Inconcibible a estas alturas!, etc, etc....), e que, con cada descubrimento, asegúrase de organizar xuntanzas que dean fe das medidas case máxicas que vai tomar, gustaríame facerlle unha pregunta:
Podemos albergar a esperanza, por pequena que sexa, de que Vd. se decate e tome conciencia da gravidade do problema de base, do que se refire ao sistema policial e se decida a reunirse e tratalo coa seriedade e co rigor que require con quen procede, co Ministro do Interior?.
Igual isto si axudaría a salvar vidas de mulleres, de menores, a que diminuíra o número de nenos e nenas orfos por mor da violencia machista.
Claro que para que isto sucedera, sería condición sine qua non, ademais de ter vontade, que as coñecera Vd. en profundidade, e, non sei por que, chámeme suspicaz, teño as miñas dúbidas ao respecto de que isto chegue a producirse, como, ata onde eu sei, ocorrera nunca, todo hai que dicilo.
Namentres, de continuar na mesma tesitura, por máis e máis orzamentos que se dilapiden, esa suposta loita é, nin máis nin menos, e por moi mal que soe, como tentar camuflar o cheiro a lixo con perfume, nin máis nin menos.
Semella ter sido eliminado durante uns momentos, pero, irremediablemente, reaparece porque nunca se foi.
Asociación Si, hai saída