Tribuna Viva
Comunicado da Xunta de Persoal ante unha nova mesa de negociación
No día de onte as organización sindicais con representantes na Xunta de Persoal recibiron a convocatoria dunha nova mesa xeral de negociación para o vindeiro xoves 28 de outubro.
A orde do día é practicamente idéntica á anterior no entanto na documentación se aprecian levísimas melloras respecto a certos asuntos. Esas melloras non responden a ningunha negociación xa que, como sabedes, non estamos acudindo ás mesas, e poñen en evidencia a técnica empregada unha e outra vez por esta administración, que consiste en facer unha primeira oferta insultante para aparentar que a súa oferta mínima, non menos insultante, pareza froito do diálogo.
En resumo, este goberno está máis preocupado de crear unha apariencia de negociación que pola negociación mesma (xa o comprobamos ao abordar outras cuestións, como os horarios de distintos corpos, o réxime de permisos e ausencias e, como non, o desbotamento do estudo da organización acordado en abril de 2019) e só avanza naquelas cuestións que lle veñen impostas por sentenza e que son aplicadas con demora e tentando minimizar os dereitos recoñecidos ao persoal.
Porén, non se nos ocurre unha manifestación máis groseira e de mala fe que o feito de modificar, sen intervención sindical, unha proposta que xa fóra sometida a asambleas de traballadores.
Todo isto é unha nova manifestación da ignorancia e incapacidade dos interlocutores elixidos polo grupo de goberno para xestionar os asuntos relativos ao persoal, polo que a reunión co Alcalde que esiximos dende hai meses resulta imprescindible para reconducir esta situación.
Xunta de Personal do Concello de Pontevedra