Pedro J. Peón Estévez
Contade con nós!!!
Empregados de ence: Eis a alternativa que sempre reclamastes de nós. Alternativa que nunca tivemos nós os desprazados, os ninguneados, os refuxiados nas súas casinhas feitas de peixe, marisco e terra; as vítimas desta patética colonización, os que na emigración atopamos pan e acougo, os que voltamos por amor á terra e atopámola baixo un mesto eucalital e unha densa nube tóxica. Pensastes algunha vez en nós ? Non ! Non, ate agora que vos venhen torcidas. Agora reclamades solidariedade, vós que na vida fostes solidarios. Pese a todo, contade con NÓS ! Pero antes cómpre ponher en claro certas cuestións.
A primeira das cuestións évos ben sinxela: controlade, vixiade, fiscalizade á empresa que esa foi, é, e será sempre a función dun comité de empresa: denunciar as manobras da empresa e velar polas condicións de trabalho. Lembrade; non sodes intermediarios, nin portavoces, nin valedores da empresa. Nada que ver con aqueles fachendosos que foron unha vez a Finlandia a gastos pagos con portafolios e aires de executivo coa única misión de desconvocar unha folga, como así foi. Nada que ver con aqueles que arman o paripé de enfrontarse ós que intentan defenderse da tal empresa mentres os seus dirixentes, conselheiros, accionistas e politi-valedores se forran e organizan a fuxida pola porta datrás...Mirastes cantos deles tenhen off-shores ? Nada de darlhe patadas á empresa no cu do Concello, Defensa da Ría etc. que hai xa lustros que se vos viu o plumacho. Repito; vixilade á empresa porque está a piques de deixarvos co cu ó aire. Nunca fagades eco das consignas da empresa, para iso bástase Pepeluí e os seu Cocorocós
Sempre mirastes ó povo de Lourizán por encima do ombreiro con olhar de misioneiro pero iso ten que rematar. Lourizán ten moitas carencias, moitas delas provocadas pola presenza da factoría. Lourizán soporta a depuradora de Pontevedra, o tren de Marín, a terceiro- mundista estrada dos camións eucalipteiros, a malchamada "carretera vieja de Marín"; soportou e/ou soporta a carbonilla, o mercurio, o cloro, os mercaptanos, o xofre, a sosa cáustica e varias infraestructuras que en nada benefician á parroquia: AP9, corredor das praias. Pero todo isto mirádelo como se non fora con vós. Todo pasa por Lourizán de calquera maneira. Todo pasa de largo e nada redunda en beneficio de Parroquia. Pero, claro, a vós nin vos vai, nin vos vén porque non sodes de nin vos sentides de Lourizán; unha especie de extraterrestres; o "motor" de Pontevedra...
Nada temos contra vós. Soamente queremos esa factoría lonxe, moi lonxe da ría. Lourizán, por se non o sabedes, é un povo marinheiro e o espazo que ocupa a celulosa, a outrora enseada, vén que nin pintada para estructuras relacionadas co mar: conserveiras, lonxa de bivalvos, cetáreas, acuicultura, porto de embarcacións menores, laboratorios...Desgrazadamente o mar é un vertedoiro de plásticos e o futuro do peixe está en terra, en cultivos marinhos. Aínda estamos a tempo de ser a piscifactoría de Europa.
Sen arrogancias, insultos, ameazas. Con boa vontade e ganas poderemos afrontar proxectos conxuntos. Daquela, contade connosco.