Marta Rodríguez Engroba
Unha vez máis, un titular ditou sentenza
Se hai algo que me preocupa enormemente, tanto a nivel persoal, como desde Si, hai saída, e que levamos xa moito tempo detectando, é a lixeireza cada vez mais estendida coa que moita xente se pronuncia sobre certos casos que acadan sona mediática falando de resolucións xudiciais, autos, sentencias... coma se todos eles fosen xuíces ou avogados, baseándose sinxelamente en titulares dos medios de comunicación, sen coñecer, obviamente, o seu contido completo, nin as razóns que moitas veces levan a resolucións que nos parecen incomprensibles, ilóxicas, pero, que de coñecelos na súa totalidade, tal vez chegaríamos non sei se a compartir, pero si tal vez a entendelos mellor.
E agora vou explicar a que vén isto.
O pasado Domingo saltaba aos medios unha noticia encabezada por un titular que dicía o seguinte:
'
Inmediatamente, as redes sociais comezaban a arder, tanto contra esa resolución como contra a xuíza que a ditou e, por suposto, contra esa definición da "Galicia profunda", e ante todo isto, a min gustaríame facer unha reflexión, e pregaría que se intentara entender o que vou dicir.
Para comezar, quero deixar CLARA, MOI CLARA, a miña rotunda e absoluta condena para esa definición, manifestamente pexorativa para Galicia e, concretamente para esa parroquia, totalmente desafortunada, e intolerable en calquera contexto, pero especialmente no xudicial, e particularmente nunha resolución.
Se mire por onde se mire, non ten xustificación ningunha.
Agora ben, tentemos non mesturar nin confundir conceptos, porque unha cousa é esa tremenda barbaridade, esa falta de respecto para Galicia e, porén, para todos os galegos e galegas, e outra moi diferente a problemática xudicial que atinxe única e exclusivamente á parella, e que recollerá ese auto que, supoño, ningún dos que alzaron as voces, ou, polo menos, unha gran maioría, coñece, como é lóxico.
Eu, desde logo, non.
Tamén é verdade que, unha vez máis, debo ser a única, porque dá a sensación de que todo o mundo, uha de dúas, ou o leu, ou conviviu coa parella e o seu fillo, e, en consecuencia, poden opinar acerca das particularidades do caso, algo isto, de calquera xeito, máis que discutible, xa que é algo que lles compete única e exclusivamente a eles.
Algún de nós coñece a esa parella? Sabemos o que pasou realmente entre eles?
Coñecemos os motivos polos que ela decidiu marchar de Marbella co seu fillo sen ter en conta para nada, supostamente ao outro proxenitor, co que compartía a custodia?
E digo supostamente porque non sabemos, obviamente, máis que o que reflicten os medios de comunicación.
Por non saber, tampouco sabemos, como é lóxico, se os acontecementos sucederon así, ou se en realidade o pai era coñecedor das súas intencións e agora di o contrario.....
Quen o sabe? Eles.
Poñámonos agora noutro suposto: e se fose á inversa, se fose el o que, presuntamente, marchase co neno en contra da vontade da nai... que diriamos, que pensariamos, dariamolo por ben feito????.
Evidentemente, non.
Alguén se parou a pensar que, ao mellor o problema non é onde vai residir esa nai co seu fillo, que, obviamente, non o é, se non o xeito de vida que vai levar?
Ou que ningún dos dous proxenitores estea a dicir toda a verdade, máis preocupados de lanzarse dardos envelenados un ao outro que do benestar do seu fillo?
E ollo, pregaría que ninguén saque todo isto que estou a dicir de contexto, algo que non sería a primeira vez que ocorre, porque son meras conxecturas, xa que, evidentemente, non teño nin idea.
Para que así fose, tería que coñecer, ademais de todas as circunstancias relativas ao caso, o auto xudicial na súa totalidade, algo que, por suposto, non fixen, e que, entendo, todos os que se lanzaron a opinar, a condenar, sen saber do que están a falar, tampouco.
O único que coñecen é un titular, pero semella que con isto abonda, non soamente para mesturar dous conceptos totalmente diferentes como son a inapropiada e imperdoable descualificación que a xuíza fai de Galicia, e un proceso xudicial, intúo que complexo, como tantos outros, se non para que se comece a facer un xuízo paralelo deses que cada vez proliferan máis, e que, desde o salón da casa, fan un dano irreparable.
Aínda non acabamos de aprender que un titular é tan so iso, un titular, e que, baseándose nel, se xulgue e se condene ten a mesma xustificación que a descrición que a xuíza fixo desa "Galiza profunda", como ela di: NINGUNHA.
Por non mencionar o feito de que, polo momento, non existe unha sentenza, como di o titular, se non un auto que recolle unhas medidas provisionais.
Hai algo que, pola contra, si teño claro: desgraciadamente, unha vez mais, un neno está a ser utilizado como moeda de cambio, e non soamente entre os proxenitores, senón entre todos aqueles que están sacando rendemento desta noticia ou, polo menos, tentando facelo, que non son poucos.
Unha vez máis, a desgraza dun menor, porque para calquera neno ese tira e puxa entre os seus proxenitores é unha desgraza, se está tentando politizar e sacarlle rendemento, e a mostra disto témola, unha vez mais, entre outras, por exemplo, na inmediata aparición en escena da presidenta da asociación Clara Campoamor, excelente sabuxo que sabe cheirar coma ninguén as causas mediáticas e converterse no foco de atención, impoñendo a súa intervención, malia que esta sexa rexeitada, como sucedeu no caso do pequeno Gabriel, asasinado pola parella do seu pai, no que os propios pais do neno lle pregaron que desistise de entremeterse no caso mentres ela facía caso omiso dos seus rogos estendéndose a pracer diante de cámaras e micrófonos
Non creo, así mesmo, que sexa de recibo que se alce voz ningunha desde o eido político instando á Xunta a brindarlle asesoramento xurídico á nai do neno.....
A santo de que?, porque, ata onde sabemos, esta muller está perfectamente representada e asesorada por un avogado, do que se deduce que dispón de recursos, cando hai tantas e tantas mulleres, entre as que se contan, por certo, numerosas vítimas de violencia de xénero que, non estando, polo motivo que sexa, debidamente asesoradas ou defendidas, como moitas veces sucede, por máis que se negue ou se pretenda ignorar, saen prexudicadas dos procesos ou optan, sentíndose impotentes, sinxelamente por non seguir adiante con eles.
Pero claro, os seus casos non chegan aos medios de comunicación, e non interesan, porén, a ninguén, porque ningún beneficio van reportar.
Pronunciarse deste xeito non soamente é imprudente, senón que fai dano, moito dano.
Estase, repito, a mesturar dúas problemáticas que nada teñen que ver.
Unha cousa é a falta de respecto cara Galicia da xuíza, e outra moi diferente os múltiples factores que puideron motivar esa resolución, que non coñecemos e que, supoño, reitero, supoño, porque non o sei, haberá, pero que, en calquera caso, non é un "culebrón" ou un reality sobre o que calquera poida opinar, nin moito menos xulgar, perigoso costume que cada vez se está a practicar mais, co dano que isto implica.
E, por favor, sobre todo, non esquezamos que estamos a falar dun neno, da súa vida, da súa felicidade, non dunha ferramenta política nin mediática.
Asociación Si, hai saída