Héctor Santaló
Experimentos con gaseosa
Con esta popular frase Eugenio D’Ors reprendeu a un camareiro que nun descoido derramou unha botella de champaña, moi cara, por riba do seu traxe. Esta anécdota emprégase en política cando se toma unha decisión sen pensar nas consecuencias.
Un exemplo disto o poidemos contemplar na rolda de prensa que, con voz entrecortada, deu onte a voceira do goberno municipal de Pontevedra explicando as novidades que se acababan de introducir no sistema de selección do persoal, entre outras, que o tribunal que examina xa non vai ter que elixir as preguntas ao chou, senón que o fará entre os temas "máis relevantes".
Aos que nos adicamos a isto da función pública déronos arrepíos. Cómpre lembrarlle a todas as persoas que se tomen a molestia de ler estas liñas que o acceso á función pública é un dereito constitucional, e que como tal ten que realizarse consonte os principios de igualdade, mérito, capacidade, transparencia e seguridade xurídica, principios que pareceron esquecer os que se encargan da política de persoal no Concello de Pontevedra.
No entanto cómpre ollar cara o pó do que provén esta lameira, e nos atoparemos con dúas cousas:
A primeira de elas é que non se puideron cubrir todas as prazas ofertadas o ano pasado porque non houbo suficientes aprobados. Poderíamos botarlle a culpa ás persoas que opositan, que non se esforzan o suficiente (malia que algunha delas contase cunha dilatada experiencia), mais o feito de que a administración recoñeza que nun programa de oposición hai temas que son relevantes e outros que non o son dá unha pista de por onde vai o problema.
A outra é a manida falta de negociación colectiva, que levamos meses denunciando é que parece que só nos atinxe ao funcionariado, pero que logo implica cousas como esta que estamos a presenciar (dito sexa de paso, esta modificación tampouco foi negociada) e que pon en risco o exercicio de certos dereitos por parte da cidadanía.
Pero en fín, nós seguimos agardando a que o señor alcalde nos reciba, para facer valer os dereitos, nos só dos traballadores e traballadoras que representamos senón tamén daqueles e aquelas que nun futuro teremos a honra de representar.
E porque xa está ben de experimentos con gaseosa!!!.