Luis Bará
O patrimonio cultural, un valor de futuro
O Concello de Pontevedra posúe un valioso e diverso patrimonio cultural, do que forman parte os bens arqueolóxicos, etnográficos, arquitectónicos e de infraestruturas. Despois dunha atención continuada e intensa á recuperación e dinamización do Centro Histórico, no presente mandato aprobouse un plan do patrimonio rural, que ten tres obxectivos básicos: o reforzo da autoestima e da identidade galega arredor dos bens históricos e culturais; o aproveitamento do patrimonio como factor de cohesión e mobilización social; e o desevolvemento económico do territorio.
Partindo do plan aprobado, estanse desenvolvendo actuacións de conservación, restauración, protección, divulgación e dinamización dos bens patrimoniais. No eido da conservación e restauración estanse levando a cabo os seguintes programas
- Espazo etnográfico e arqueolóxico de Salcedo e Val de Tomeza: rematouse a primeira actuación na contorna dos muíños do Batán e estanse inciando os traballos de posta en valor do Castro das Croas; tamén se contempla a sinalización e interpretación do espazo mediante paneis explicativos, audioguías, recursos web, etc. O proecto compleméntase con un programa de dinalización arredor de diferentes núcleos temáticos: o poboamento do territorio ao longo da historia; a memoria do río; a terra e os cultivos; os movementos sociais.
- Programa de restauración de cruceiros: prevense actuacións nuns 30 cruceiros ao longo de 3 anos, con un investimento estimado de 150.000 euros, así como actuacións divulgativas como guías, conferencias e roteiros;nos vindeiros meses están previstas actuacións en Campañó (Casal do Mendo), Santa María de Xeve (Gatomorto), Alba, Salcedo e Lérez;
- Plan de restauración de pontes: despois da actuación realizada en Ponte Bora (río Almofrei), están en marcha restauracións no río da Gándara (Alba) e río dos Gafos. Neste ámbito tamén se realizaou unha exposición e unha publicación divulgativa sobre as pontes na historia e na vida do concello.
- Programa de recuperación de infraestruturas hidráulicas tradicionais: prevese a recuperación de levadas, canles, infraestruturas de abastecemento e de regadío... que até ben pouco tempo cumprían unha importante na ordenación do espazo e no modo de vida tradicional.
Con respecto á protección, está en marcha unha revisión e actualización do catálogo de bens patrimoniais das parroquias. Prevese unha exposición pública da relación de bens e da súa localización, para recoller achegas e propostas da veciñanza.
Unha parte importante do traballo céntrase en accións de divulgación e dinamización social arredor dos bens patrimoniais. Este labor vese favorecido por un compromiso crecente de asociacións e colectivos veciñais, que están participando activamente en proxectos de conservación, limpeza e recuperación de bens coma muiños, fontes, canles, lavadoiros, etc. A cooperación veciñal tamén está permitindo localizar e salvagardar varios cruceiros que estaban depositados en vivendas particulares.
A masiva e entusiasta resposta cidadá aos programas de divulgación do patrimonio (roteiros, viaxes, xeiras, exposicións...) tamén constitúe un sinal positivo que demostra o compromiso e sensibilidade dun sector crecente da poboación, e un estímulo para desenvolver futuras campañas dirixidas a grupos específicos coma centros de ensino, asociacións culturais e veciñais, terceira idade, mocidade, etc. Con vistas ao futuro, prevese potenciar o traballo en rede, a cooperación con outras institucións, o voluntariado e, en xeral, os programas de contribúan a establecer vínculos de cohesión social, convivencia, diálogo interxeracional e solidariedade arredor do patrimonio cultural.
Porque o patrimonio non é só unha valiosa herdanza do pasado. ÿ, sobre todo, un espazo para crear vencellos, sentimentos de pertenza e de comunidade. ÿ unha poderosa ferramenta de desevolvemento social e económico. Un valor de futuro.