Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 12ª xornada
Interesante estase poñendo esta competición na que case todos xogan coa intención de coarse entre os catro primeiros. Onde estaban As Pontes e Compostela fai tan só tres xornadas?, pois mirando cara a abaixo e hoxe son terceiros e cuartos. Como consecuencia da súa mala clasificación os santiagueses saldaron o seu adestrador, colocando no seu posto a Fredi e de súpeto fíxose a luz; tres vitorias consecutivas erguéronos á cuarta praza. Algúns agarrásense a estes datos e extraerán as conclusións que máis lles interesen, facendo ver os seus xogadores que eles tamén poden.
Tres é o número que máis repite este ano. Como isto vai por refachos, tres derrotas envíante a visitar os que están máis próximos ao inferno e tres vitorias a soñar con pasar un fin de semana no paraíso. Consecuencia de todo isto, uns dirán por que non? eu tamén aspiro, e os que levan sen gañar tres partidos verán a parte positiva: se só estou a unha vitoria de filtrarme entre os catro primeiros.
Posiblemente só hai algo no que coincidamos todos e é que o Rácing de Ferrol xoga outra liga. E como non, tres foron os goles que lle fixo o Ordes a un Pontevedra que navega en mares revoltos e confirman o seu rival desta semana como outro máis a poder aspirar, co dato indiscutible de cinco vitorias seguidas como local.
No grupo de cola, nova rebelión e tres vitorias de equipos destinados a sufrir, Betanzos, Dorneda e Bergantiños, este último con moito mérito pois derrotou ao Celta B xogando con 10 máis de medio partido. ÿ curioso que sendo o terceiro equipo máis novo da categoría as súas dúas vitorias fosen cos outros dous equipos máis novos e ademais filiais Depor B e Celta B.
O que tampouco faltou á cita foi Joselu, que co seu gol ante o Céltiga xa suma 14 materializados, cantidade de goles á que aínda non chegaron 11 equipos da categoría.
Importante a vitoria do Villalonga, que desta forma rompe a dinámica negativa dos últimos partidos con tres derrotas seguidas e pola dificultade de xogar en inferioridade numérica máis de 20 minutos e ante un Cerceda ao que lle está a faltar regularidade para acreditarse como un sólido candidato a figurar na parte nobre da clasificación.
Pois ben pola situación na táboa, pola súa liña de resultados e polo significativo que poida ser, o partido da próxima xornada eliximos o Pontevedra-As Pontes. Os locais teñen que reaccionar xa e os visitantes tratar de defender esa posición e que ninguén poida dicir que soñar non é moi bonito.
REXIONAL PREFERENTE
Victoria contundente do líder no Carballiño, co que acumula xa dez partidos sen perder, e tropezóns do seu rival inmediato seguidor en Pontellas por un contundente 3-0. Non menos grave foi que o Sanxenxo non conseguise traerse os tres puntos de Ourense ante o ponte, que con este empate son só tres puntos os que ten. Outro dos que regresou de baleiro foi o Atios que caeu na súa visita ao Pontevedra B e como consecuencia tres puntos de ouro para os cachorros granates que lle dan vida para non se colocar en zona de descenso.
Menos sorprendente xa por habitual foi a vitoria do Valladares na Lomba de Vilagarcía, que deste xeito presenta a súa candidatura para algo máis que salvar a categoría. O cadro vigués suma seis vitorias consecutivas como visitante, e isto xa son palabras maiores, co engadido dun só un gol encaixado.
O partido que non decepcionou foi o disputado na Senra entre dous equipos que o seu xogo invita a ver goles. Houbo cinco, con alternativas, rivalidade e emoción ata o asubío final. Polo demais freada ao Choco no seu camiño cara ás primeiras posicións, se ben é certo ante outro equipo que está a mellorar as súas cifras, e vitoria contundente do Gondomar ante un preocupante Marín.
O partido elixido da próxima xornada é o Valladares-Ribadumia, os locais para intentar confirma a súa dinámica de resultados cunha vitoria na casa que se lle resiste, e os do Salnés porque de perder, cun terzo de liga despachado, pode dicir adeus, especialmente se o Barco logra gañar ao Estradense.
12.11.2012