Tribuna Viva
Petición de reposición da praza de pediatría no Centro de Saúde de Cuntis
Un grupo de nais de Cuntis comezamos no mes de setembro unha recollida de sinaturas a fin de manifestar o noso descontento coa ausencia de pediatra no Centro de Saúde da nosa vila. No día de onte, 30 de novembro de 2021, presentamos un total de 1616 sinaturas de pais, nais e veciños/as en xeral de Cuntis no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixindo ao SERGAS a nosa petición para que se repoña de inmediato a praza de pediatría en Cuntis, tal e como viña sendo habitual despois de cada verán.
As persoas asinantes manifestamos a nosa preocupación ante a posibilidade de que o noso concello remate por quedar definitivamente sen pediatra. Tampouco nos tranquiliza a falta de concreción da Consellaría de Sanidade, que todos os anos repite a mesma situación. Tememos que algún día a supresión da praza será definitiva e xa non haberá volta atrás. As consultas e urxencias pediátricas deberan requirir unha maior sensibilidade por parte das autoridades, xa que se trata da saúde dos nosos fillos e fillas, moitas veces en idades moi temperás. Cuntis conta con aproximadamente 500 nenos e nenas de atención pediátrica, e non cremos xusto que teñamos que desprazarnos ata Caldas para recibir un servizo público digno.
A atención sanitaria en Cuntis presenta múltiples carencias. Ausencias reiteradas de facultativos, listas de agarda demasiado longas, carencias estruturais no edificio, humidades, etc. A falta de pediatras que agora argumenta a Xunta de Galicia débese ás políticas de precariedade laboral coas que se vén tratando aos profesionais sanitarios, antes os/as pediatras, agora os/as enfermeiras. O SERGAS non ofrece estabilidade laboral e as consecuencias pagámolas todos e todas, sufríndoas con especial énfase nas vilas do rural.
Levamos a cabo esta recollida de sinaturas coa única motivación de loitar pola defensa da Pediatría en Cuntis, para esixir a fin dos recortes en sanidade e para negarnos a aceptar que non hai outra solución máis que asumir que a saúde dos nosos fillos e fillas dependerá de ata onde teñamos que desprazarnos para recibir atención sanitaria
Ma Jesús Gómez Cortes
María Ferreiro Couso