Pedro J. Peón Estévez
Magical Mystery Tour II (Retorno a Suíza)
(Segunda parte de Magical Mystery Tour I (Retorno a Suíza))
Xantamos espléndidamente na acolhedora casa dos profes de Sainte Croix e dispuxémosnos a baixar de novo ó Val de Travers. Deixamos momentáneamente as netas xogando con outros nenos e a cargo deses amigos. A vila está inmersa nunha mesta fraga. Comenta o noso anfitrión que non acordaba un só incendio forestal en toda aquela serra. Entón pregunteilhe cantos eucaliptos había e contestou que ningún. " Así se explica ", concluín.
Axinha pasamos o alto do Col des Etroits. Nese lugar, a estrada interrompe unha longa ringleira de bloques de formigón que alí chaman "Toblerones" pola semellanza que gardan con eses doces de chocolate. Trátase de defensas antitanque para deter unha posible invasión nazi ó cantón de Neuchâtel na segunda guerra mundial. Por sorte non foron necesarias pero non impediron que pasase o medo e a fame e mesmo algunha escaramuza aérea. Baixamos pola beira dun incipiente río Buttes na encaixada gorxa de Noirvaux onde o Ninho da Águia, a Pedra Furada e, xa abocando a chaira, a grota-manantío da Baume de Longeaigue, provedora do Buttes en tempo de desxeo. A este tramo da estrada chámanlhe Faubourg. Camuflados entre a fraga nas beiras hai fortíns e máis linhas de "Toblerones". E, a propósito disto, falareilhes da minha antiga vecinha Madam Adam. Era esta boa muller unha encantadora anciá que aínda reponhía a súa cava regularmente de alimentos imperecedoiros en previsión dunha posible guerra. Era o máis perecido a avoínha de Heidi. Viviamos na mesma casona; ela no baixo e nós no ático. Sentíase moi orgulhosa de dicirme unha frase en espanhol cada vez que nos atopabamos: "Que aprovechi !" Séxa moi feliz onde queira que estea, adorable Mme. Adam.
Rebasadas as primeiras casas, unha estrada parte pola esquerda cara un lugar próximo á fronteira con Francia, un lugar descrito por Rousseau, de máxico e misterioso nome: COSTA DAS FADAS. A seguir vén a casa onde vivimos nós, Mme. Adam, Mme. Cornuz, Pepe Montes, Manolo, Victor, Mme. Renate e, máis tarde, o patrón e a súa grande familia. Trátase dunha sólida e antiquísima construcción tradicional renovada a mediados do século XX. A continuación está a casa onde vivía quen era o meu meirande amigo suízo: Jean Claude Bovet. Loor meu amigo da alma, saúde e bonanza onde queira que te atopes! Poucos cambios vin ó meu redor pero algúns hai: A porta sa casa de Bovet foi cegada; o campo de fútbol desapareceu, no seu lugar hai unha moderna reloxeira e, falando de reloxos, a centenaria fábrica Buttes Watch, creadora da marca Buttex, pechou. Desapareceron os bares do Círculo Popular, La Cloche, Buffet de la Gare e no edificio chamado a Scierie artelhouse o Albergue das Fadas, un hotel-restaurante de sona a carón do arranque do télésiège. A minha fábrica seica segue con parecida actividade pero baixo outra xerencia. O télésiège Buttes - La Robella non existia entón. As primitivas cadeiras fixéronse na Verisia e mesmo eu participei na súa feitura. Outros cambios salientables habidos no Val de Travers (tamén chamado Vallon, é dicir; pequeno val) foron a desaparición da poderosa fábrica Dubied, na vila de Couvet, lugar de trabalho da metade da xente do Val; a fusión de tódalas comunas (agás dúas) nunha única chamada Comuna Val de Travers; e a legalización, despois dun século de proibición, da Absinta, a popular Fée Verte, unha bebida espirituosa feita a partir da destilación das herbas Absinto, Fiúncho e Anís (irónicamente chamadas Santísima Trinidade). Foi a bebida favorita de xenios tales como Van Gog, Picasso, Oscar Wilde, Degas, Hemingway (faltaría máis!), Manet ou Toulouse Lautrec que andaba de cote enchoupado nesta beberaxe. Din que foi un invento francés dun tal Pierre Ordinaire (o nome ten conha) en 1792 pero realmente a vila suíza de Couvet foi o seu berce, para se converter, en nada de tempo, na bebida por excelencia da Revolución Francesa (en diante). Cando eu estiven aló de mozo, a absintha estaba proibida mais non había casa que non tivese a súa garrafinha nin aldea onde non houbera varios alambiques clandestinos malia que o forte cheiro a anís delatáraos. Estaría proibida pero tod@s lhe entraban. Podería ser a bebida nacional da francofonía e vecinhanza malia a proibición e o Val de Travers, a meca da destilación. O cambio, para min máis salientable, a nivel estatal foi a legalización do voto feminino xeral aprobado por referendum o 07-02-1971. O referendum é un medio de consulta moi utilizado en Suíza. Non son alérxicos como os mandaricas espanhois.
E sen máis delongamento, imos á vila de Motiers, ó encontro do segundo ilustrado. Deixamos atrás a belida Buttes e axinha acadamos Fleurier, capital do val, fermosa, reloxeira e florida como o seu nome suxire. Contra a esquerda e dentro dun xigantesco círculo montanhoso, fica a vila de Saint Sulpice no caminho de Francia, miles de veces percorrido pol@s nos@s paisan@s de ida e volta das vacacións. Nesta vila xurde por unha cova do monte, o río Areuse, principal arteria do val. O magnífico restaurante Chapeau de Napoleón fítanos desde o máis alto da montanha cando nos imos indo. E acadamos Motiers, onde o xinebrino Jean Jacques Russeau, o eterno desterrado, viviu de 1762 a 1765. Neses tres anos andou por todo o val, como botánico clasificou as suas plantas, como xeógrafo estableceu a formación xeolóxica do val, como filósofo e antropólogo fixo un estudo sociolóxico das súas xentes e costumes. Todo isto está plasmado nas súas Cartas ó Mariscal de Luxemburgo, as primeiras letras que lin deste home. Alegreime moito de que citase a Buttes e tamén a Côte aux Fées coa súa Gruta das Fadas como lugares máxicos e misteriosos. Todos estes enclaves existen realmente. Pois nada, cando estabamos procurando o xeito de entrar no museo Rousseau, sito na mesma casa onde el vivira ( casa que fora apedrada pola chusma con grande disgusto do sabio. Nas súas Reveries escribiu o seguinte apunte: " O povo, que foi o meu ídolo, ve em min soamente unha perruca mal peiteada e un home perseguido ") achegóusenos unha parella que resultaron ser galegos. Xuntos visitamos aquel centro e logo el aconselhounos de irmos ver a fervenza. E alá fumos caminhando pola beira do río Areuse, despois internámosnos no monte e subimos un tramo ata o pé da fervenza que só levaba un fío de auga. Mágoa, deberiamos de ir no desxeo. Pero tanto tinha, foi emocionante estar no xusto sitio que pisara o gran Rousseau uns 250 anos antes. Merquei o libro da senhora Simone no Museo Rexional que compartía edificio co outro. Por sorte aínda quedaban algúns exemplares. O noso guía e paisano é persoa moi sobranceira en Suíza e non direi nada acerca del sen o seu permiso. Despedímosnos deles e emprendemos axinha o caminho de volta. En Buttes, díxenlhe á profe que detivese o carro por mor de que Mme. Bach me firmase o seu libro. Sería demasiada sorte non só atopala senón que tamén estivera disposta a aturar as minhas impertinencias. Aínda que, por outra parte, semelhaba que, nesta nosa micro-odisea, había algunha fada boa que ía diante de nós póndonos cada cousa á man. E así foi; a senhora estaba no mesmo sitio da manhá, sentada no xardín, co mesmo companheiro e tomando algunha bebida quente. Dedicoume o libro amablemente con estas palabras: "A Pedro, retornado a Buttes despois de 50 anos. Cordialmente, Simone Bach." A nosa filha achegóusenos e pediulhe licencia á escritora para tirarnos unha foto, ao que accedeu amablemente. É un amor esta Mme. Simone Jennins Bach née Lebet e o seu libro, unha pasada! Deséxolhe unha moi longa e feliz vida! Seguimos viaxe cara a Ste. Croix atravesando todo Buttes. Na derradeira casa vivía a minha primeira moza...que será dela? Tanto ten. Onde queira que se atope, que sexa moi feliz ela e toda a súa familia. Eu son moi feliz coa minha. Hay cousas que é melhor non tocalas. Nesta visita a Buttes só quixen ser alguén voando sobre o ninho do cuco. Chegados ó alto, a profe entra por unha estreita e retorta estrada que descorre a fraga monte arriba. Non tenho idea de onde nos leva pero non lhe dicimos nada porque sempre sabe moi ben o que fai. Paramos nun pequeno claro a carón dun fermoso restaurante de madeira e acometemos un tramo de carreiro ascendente ata un mirador semicircular con varanda metálica. Entrei nel e cando miro abaixo, asaltoume unha tremenda vertixe. Estabamos suspendidos sobre un precipicio de centos de metros sobre uhas formacións rochosas verticais chamadas Agulhas de Baulmes ! Cando ergo a vista vexo a larga chaira suíza e, como longuíncuo telón de fondo, o impresionante cordal dos Alpes e nel, a imponhente pirámide branca do Mont Blanc !! Aínda estaba abraiado cando volvemos onde o carro e sinto un mozo falar da épica viaxe do pesqueiro "O Xurelo" á foxa atlántica para denunciar o asulagamento de resíduos radiactivos no mar. Falaba dun dos seus tripulantes, do noso admirado profesor Manuel Anxo Méndez de Moranha. Non podo dicir quen era porque ata nin tempo tivemos para presentacións pero funme dalí pensando que ou o noso país abarcaba moito ou que nós eramos unha raza moi cosmopolita. Ali mesmo nos despedimos do noso xeneroso anfitrión. Alá fica coa súa furga- caravana; ca súa bici coa que acode a dar clases ó colexio de L'Auberson, pequena vila de montanha que acolhe o máis importante museo de caixas de música do mundo. Alá queda trabalhando arreo nun método pedagóxico da súa invención para aprenderlhe sintaxe @s nen@s. Mil grazas profesor. Sé moi feliz xunto a túa xentil profesora na vosa casinha de madeira de Sainte Croix !
Chegamos á bela Lausanne na boca da noite. Xantamos algo e entregámosnos ó descanso para afrontar, na seguinte xornada, a visita á cosmopolita Xenebra, berce do talentoso Jean Jacques Rousseau. Conto con aprender algo desta grande cidade. De mozo, o máis preto que estiven dela foi trabalhando en Versoix a tan só oito quilómetros pero non cheguei a ver nin vila, lago, chafariz nin Alpes. Sempre trabalhamos na contorna das grandes vilas pero nunca dentro delas. O único que me soaba de Xenebra era o licor do mesmo nome, o surtidor do lago (que chaman Jet D'eau), o da ONU e tamén o da Convención de Xenebra, iso que sempre citan nas películas bélicas americanas pero que ninguén cumpre. Boa noite.