José Freire
Volve a burra ao trigo
O pasado día 16 co gallo da visita do Director Xeral da Policía a Vigo e Pontevedra, o Sindicato Unificado de Policía manifestouse para preguntarlle: ¿Onde estaba a paga extra de Nadal do ano 2012?. ¿Por que os nosos soldos seguen conxelados?. ¿Por que permítese que un Policía teña que vir enfermo a traballar para evitar que lle quiten o 50% do seu xa minguado soldo?. ¿Por que cada ano a contía de Acción Social baixa cada vez máis teméndonos que chegue a desaparecer?. ¿Cando nos van devolver os días de antigüidade que nos roubaron?. ¿Por que non temos unha Xornada Laboral xusta?. ¿Por que faltan medios para prestar un mellor servizo especialmente na loita contra a delincuencia organizada?. ¿Por que non se inviste en formación para todos os Policías?. ¿Por que a repartición de condecoracións cada ano é máis inxusta?. ¿Por que utilízase a Policía para sacar réditos políticos? E a pesares de todo isto, ¿Por que o Corpo Nacional de Policía é ano tras ano unha das institucións máis valoradas polos Españois?.
Pois por facer isto, algúns compañeiros, e algún mando, tachounos de roxos, socialistas e elementos que facían perigar a estabilidade da Institución. Como é mentira, non nos cansaremos de explicalo. O Sindicato Unificado de Policía é unha organización independente, profesional e plural. Os nosos Estatutos sinalan que defendemos unha policía civil e ao servizo da comunidade, sobre os alicerces xurídicos que establecen a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Constitución Española e os principios básicos de Actuación da Lei orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade. Fóra do respecto a estas normas non existe a civilización de Occidente, o Estado de Dereito, nin as garantías básicas do funcionamento das nosas sociedades.
Asemade, como organización sindical, temos a obriga de actuar na defensa dos intereses laborais, profesionais, económicos e sociais dos seus afiliados e afiliadas, e de quen forma o Corpo Nacional de Policía, que garanten o libre exercicio dos dereitos e liberdades e a seguridade da cidadanía. Quen, por apoiar estes principios profesionais e sindicais, nos acusan de ser socialistas, roxos ou alborotadores, queren a volta ao pasado, á sociedades onde os ditadores e os señores feudais tiñan plenos dereitos sobre a vida e facenda dos súbditos, que non cidadáns, suxeitos mesmo ao dereito de pernada dos seus amos.
No S.U.P. nunca preguntamos a ninguén pola súa ideoloxía política; énos indiferente que un político, un cidadán ou un policía sexan de dereitas, de esquerdas ou medio-pensionista, porque a rapadoira que usamos para medir é a honradez e a decencia fronte ao delincuente e o corrupto. Ser policía nesta sociedade pasa, inevitablemente, por defender as leis e a Constitución onde se consagran estes principios, así que, aqueles que por defendelos nos acusan de tales cousas, ou non saben o que din, ou non saben en que país están, ou simplemente son antisistema que queren unha volta atrás nos dereitos de todos. Eses son como os talibáns, os que queren unha sociedade civil sen dereitos, de escravos, e unha policía militar como cans gardiáns do campo de concentración. Os que se deixan enganar por eses discursos son torpes.
Reto a quenquera que nos explique a diferenza entre política de dereitas ou de esquerdas aplicadas por un e outro partido no Ministerio do Interior, porque nós non notamos ningún troco, salvo o derivado da condición persoal e talante dos xestores políticos e a cúpula policial que nomearon.
E os houbo bos e malos en ámbolos dous partidos. Foron bos xestores segundo o noso criterio Ángel Acebes (o mellor ministro de Interior), a subsecretaria Ana Pastor, ou o director xeral da Policía Agustín Díaz de Mera (o mellor director xeral). E foron malos xestores o actual Ministro do Interior e o Director xeral (o peor con moita diferenza), ou os ministros José Luís Corcuera e Jaime Mayor Oreja.
Resumindo, que no S.U.P. se respectan tódalas ideas persoais e nos levaremos ben ou mal, mellor ou peor co Goberno dependendo do que faga na Policía e non do partido político que o sosteña. Se o fai con desprezo e sen diálogo, haberá conflito, como está a ocorrer co actual Ministro e Director Xeral, e se o fai como Ángel Acebes, Asunción ou Astarloa, etc. haberá acordos e entendemento. Depende deles, non de nós. Aquí valoramos a xente honrada e decente sexa de esquerdas ou dereitas e desprezamos os corruptos, que os hai na esquerda, na dereita e ata na Policía.
A burra tira ao trigo.