Marta Rodríguez Engroba
Tanto tes, tanto vales
Non vou a entrar nas particularidades do caso que transcenderon, precisamente por iso, porque son de sobra coñecidas, e, porque, ademais, non son a razón que me leva a referirme hoxe a el, se non outra diferente.
O caso do asasinato de Déborah foi pechado sen que se confirmara a identidade do culpable, e no medio de innumerables dúbidas e receos acerca da investigación e da posterior decisión xudicial, algo que a familia manifestou aberta e reiteradamente, e que recolleron, puntualmente, ao longo de todos estes anos os medios de comunicación, entre eles varios programas de televisión, o que deixou claro que a familia de Déborah tiña, ten, recursos abondo, así como os contactos e influencias convenientes para, polo menos, tentar que o caso non caera no esquecemento.
Así as cousas, e despois de que esta situación se mantivera durante dez anos, foron quen, facendo uso deses recursos que, sen dúbida, non calquera do común dos mortais temos ao noso alcance, de que antes da prescrición do caso, en Maio do 2022, o caso fora reaberto, e o corpo da rapaza exhumado, nun intento de que, por fin, o culpable sexa identificado e pague polo seu crime, tras o cal, as aparicións da familia de Déborah nos medios e redes sociais se incrementou de xeito notable, así como a celebración de actos nos que participan desde certos colectivos feministas, ata famosos, deixando de novo en evidencia os contactos aos que esta xente ten acceso, pedindo todos eles xustiza e que o de Déborah sexa considerado un caso de violencia de xénero, algo, entendo, por certo, que, independentemente de quen sexa o culpable, non debe ser cuestionado en ningún momento.
Non vou a entrar, non obstante este matiz, en certas consideracións como que non acabo de entender moi ben que eses movementos feministas non tiveran nada que dicir ata xustamente agora, que o caso está a acadar cotas mediáticas aínda maiores das que xa tiña, algo isto no que a participación de certos famosos ten moito que ver, nin se decataran de que non se lle estaba a dar ao asasinato desta rapaza o tratamento de crime machista, algo que me resulta como mínimo curioso, e quero deixar ben claro, meridianamente claro, que entendo perfectamente a postura da familia, xa que imaxino a inconmesurable dor que ten que supoñer engadir a perda de alguén tan querido a de saber que o seu asasino está libre e, polo menos de momento, impune, e supoño que, de atoparme nas mesmas circunstancias, e de dispoñer de iguais recursos que eles, tanto económicos como a nivel de contactos e relacións, non dubidaría en loitar ata o derradeiro extremo para que se fixera xustiza, e aí xustamente é a onde quería chegar.
As reivindicacións, os desexos, as esixencias, ou como se lles queira chamar, da familia de Déborah, son perfectamente lexítimas, un dereito, que debería estar ao alcance de todo o mundo que o precise, e non soamente daqueles que gocen dunha situación, uns contactos ou unha economía privilexiados.
Son moitos os crimes machistas que quedan sen resolver, ou non polo menos do xeito que se debería, desde aqueles que se cobran a vida de mulleres e mesmo menores, que debendo estar sendo protexidos non o estaban, sen que se depuren responsabilidades nin se contemple sequera tal posibilidade, ata aqueles que quedan impunes porque "non hai probas", pasando polos que, e isto é aínda mais noxento se cabe, sendo o presunto culpable alguén coñecido, público, ou con "posibles", vamos, o que ven sendo un "VIP", quedan "esquecidos" para sempre nun caixón da comisaría ou xulgado de turno.
Cantos familiares de vítimas anónimas teñen acceso a despachos de mandos policiais, xuíces ou fiscais? Non vou dicir ningún, porque algún haberá, supoño, pero tamén teño claro que son contados.
Cantos famosos se prestarían a participar nun acto no que se pedira xustiza, por exemplo, para algunha das mulleres que tendo unha orde de afastamento en vigor, foron asasinadas nos últimos meses, cantos?
Cantos medios de comunicación lle dan cobertura máis alá do primeiro momento no que se coñece o delito a casos como, por falar dun ao azar, o da muller que estivo presa pola súa parella dous anos sen que ningún veciño dos que escoitaban os golpes e os berros fixeran nada agás insonorizar a parede da súa vivenda para que non os molestara?
Algún se tomou a molestia de tentar saber se foi tomada algunha media ao respecto, se se lles aplicou a eses veciños o castigo que procedería?
Obviamente, non, porque eso non vende.
Por outra banda, se hai algún concepto que se está a manexar ultimamente, sobre todo por parte de tanto "experto" en violencia de xénero que xurde cada día, é o de "presunción de inocencia", un concepto que, guste ou non, se debe ter en conta ata que exista unha condena, e que fai que mais dunha vez, os que traballamos con vítimas de violencia machista, nos mordamos as uñas impotentes, porque tendo como temos a certeza da culpabilidade do agresor, temos que, ante a falta desa condena, polos motivos que sexa, cuidarnos moito de respectala escrupulosamente, porque, se non hai condena, non hai culpable.
Non obstante, no caso de Déborah, se ben é certo que unha gran parte das veces os seus achegados se refiren a súa ex parella como "sospeitoso", outras moitas o acusan directamente, e o cualifican claramente de "culpable", sen que isto lles traiga consecuencia ningunha... Que explicación ten isto?
Acaso as leis non son as mesmas para todo o mundo?
Evidentemente, si. Outra cousa é como se apliquen segundo e a quen afecte esa aplicación, e o que é delito para uns, non ten relevancia ningunha para outros.
Así de inxusto, e así de real.
Oxalá esta familia atope por fin unha resposta e poida, dentro do que cabe, aliviar a dor da perda de Déborah, pero oxalá tamén isto nos servise para tomar conciencia de que, ante a mesma dor, ante as mesmas inxustizas, soamente certos privilexiados van obter unha resposta, porque, por desgraza, neste incualificable sistema que nos toca sufrir, mesmo para isto, para sufrir, para pedir xustiza, hai clases.
Como di o refrán que, seguramente, todos escoitamos máis dunha vez, sobre todo aos nosos maiores, "Tanto tes, tanto vales".
Asociación Si, hai saída