Pedro J. Peón Estévez
Toponimia nada nimia
Todo colonizador ten un obxectivo prioritario: arramplar con todo canto recurso pilhe que sexa altamente lucrativo sen reparar nunca en se ten dereito ou non. O dereito danlho o terror imperial armado pre, in e post saqueo. O colono, para quen todo é ganancia, non se para moito a escolher e bota man indiscriminadamente de terras, minerais, madeiras, colheitas, excravos...e por onde pasa, rouba, tortura, viola e mata no nome dunha xerarquía e/ou deidade que os nativos nin conhecen nin entenden e que lhe imponhen con sangue así como a fala e outras lindezas coas que agasalhan, xenerosos, ós sometidos...como se estes non tiveran xa de seu.
Non contento con iso, o colonizador quere te-la razón e, de feito, impona. Do mesmo xeito que impón a súa língua, historia, deuses, modas, costumes, vicios, supersticións, erros...con total desprezo polos locais. Isto ten diferentes obxectivos:
1 ) Facer que o invasor se sinta tan cómodo como na súa casa.
2 ) Relembrarlhe ós aboríxes o " aquí mando eu e fago o que me peta "
E 3 ) e máis importante; intentar anular calquera vestixio de identidade vernácula; borrar todo atisbo de idiosincrasia, toda peculariedade que o sometido tenha " de seu ". Deixándolhe moi claro que el, maila súa familia, só tenhen valor como mercaduría.
Todo isto vén a propósito da escandalosa denominación de sendos proxectos de parques eólicos na comarca de Tabeirós-Montes abranguendo terras dos concelhos de Estrada, Forcarei e Cerdedo con nomes tan extravagantes como TRAMONTANA e SIROCO, amosando total desprezo pola Xente e a Cultura da terra que pretenden ocupar. Sen embargo quero referirme primeiro á Terra en que nacín e que sofre este problema desde moito tempo atrás.
Nacín nas Cocheiras, sublugar de Gandarela chamado así por mor dos garaxes do "Trole", da histórica empresa Tranvía Eléctrico de Pontevedra, sita na estrada a Marín ( a tristemente célebre PO - 546.) Ese sublugar vai desde Pontemuínhos ata rebasar o caminho de Gandarela, xusto antes da entrada de ence. Hoxe en día este tramo foi absurdamente alongado cara Marín perdendo así todo significado. Perto daí parte o novo corredor a Marín e o viaducto inmediato foi irracionalmente bautizado como "VIADUCTO da IGREXA "...pero, a quen se lhe ocorre ?, porque non preguntan ?, dalhes vergonha ?, desde cando Gandarela é Igrexa ? Con la iglesia hemos topado, amigo Sancho...?
Un pouco cara Pontevedra atopamos un grupo de sinais. Unha delas sinala á dereita e un pouco en ascendente indicando o barrio, urbanización ou o que sexa, de Pontemuínhos ( antes poboado de celulosas ). Pois non é así, non senhor. Pónhanlle ó seu barrio como lhes pete e se utilizan un topónimo existente, tanto melhor pero que iso non suponha que o Pontemuínhos histórico e real fique sen el. Os topónimos adóptanse, non se rouban. Alguén debería de correxir estes temas pois hai catro espabilados que andan esparrunhando nestas cousas e despois venhen os sinaleiros a darlles a razón e perpretar os erros. Vexamos outro caso. Na rede vén un mapa desa zona onde alguén nomeou varias pistas internas de ence como Rosalía Castro e Linhares. Eses topónimos corresponden a un tramo da estrada a Marín e ó barrio dos Linhares nos Praceres que, dito sexa de paso, carecen de nomes no devandito mapa. Repito: os topónimos adóptanse, non se rouban nin se cambian de lugar a capricho.
A actual desfeita na sinalización e un mal xeralizado que vai ter consecuencias futuras negativas. Tras elo, sempre se albisca un afán de usurpación. Co sistema do "deixa andar" estase a facer moito dano. Tal vez só se pretenda favorecer os plans do colonizador...quen o sabe ?. Xa quedou dito de entrada: primeiro van a polo lucro desatado e despois pola memoria. Non é asunto nimio. Ten máis importancia da que parece. Na minha parroquia, tempo hai que desapareceu, así polas boas, un lugar enteiro chamado San Gregorio. E todos tan felices. Outra aberración, e non canso de repetilo, é a de Marisma de Lourizán sen número, como enderezo de ence. Aí nunca houbo tal marisma senón mar, costa, litoral. A única marisma da zona é a de Gandarela. Ou é que chamándolhe "marisma" o delicto ecolóxico parece menor ? A celulosa (e non canso de repetilo) foi erguida na enseada de Lourizán entre o velho recheo do ferrocarril e un muro de contención de cantería (malchamado "autovía de orillamar" en correcto castrapo) recheando todo con area do banco marisqueiro, banco ó que Lourizán debe a súa existencia e non a ningunha Biofóbica franquista. O tal muro foi utilizado para o tráfico rodado...6 anos despois de comezar as actividades celulósicas !! co obxecto de camuflalo como servizo público. Pese a sentirme amigo da cultura e o patrimonio galegos, non tería incomenente en que nomeasen a Enseada de Lourizán como aqueloutra cubana onde ianquis e contras tanto fixeron o ridículo: Bahía Cochinos. Melhor así, pois os topónimos sempre aportan moita información sobre o lugar que denominan.
Sopran malos ventos...O colonialista sempre chega ben provisto de gardas, ténicos, máquinas, curas e outros elementos represivos ( chairego-falantes, por suposto ) pero nunca antropólogos, historiadores, filólogos e mesmo psicólogos ou calquera sabio que se prece para melhor achegarse e entender, no posíble, as terras e xentes que pensan invadir con iso tan manido que eles dan en chamar "progreso". Para eles só existe o progreso comercial, mercantil. Os outros progresos; social, cultural, histórico, artístico... xa non tenhen razón de ser nestes tempos tan xubilosos de economía "NEO-CON", malchamada De Mercado.
Así, non lhes queda outra que, aparte os proxectos, tamén traian con eles os nomes ( como se aquí non houbera ) nomes tran extravagantes como Proxecto TRAMONTANA e Proxecto SIROCO, dous ventos mediterráneos ben fodidos. O primeiro vén do norte, alén os Pirineos e barre canto atopa perante uns días con rachas de máis de 100 km/h. e un frío de mil demos. É parecido ó noso nordés pero máis violento. Disque provoca dor de cabeza e non é de extranhar. O segundo vén dos desertos africanos cargado de area e po, soe vir acompanhado de tormentas de barro e dinlhe vento da loucura e coido que con moita razón. Velaí pois con que intencións venhen estes novos colonos; a roubarnos terra e vento pero tamén a amolarnos a cabeza. Xa o din os portugueses: "De Espanha, nem bom vento nem bom casamento". Hai cousas que non cambian nunca .
Última: ( que non derradeira ) A xunta do capitán Feihook desenténdese dos estudos de impacto ambiental que deben de acompanhar os proxectos de parque eólicos deixándoos en mans privadas así como a avaliazón das alegacións....¿?... Estamos malucos ?...a iso temos chegado...? Tá bom; tá de caralho, pá !
E xa postos a alterar nomes, proponho que o vicepresidente da Xunta ( delfín de Feihook e vice-conseguidor da celulosa ) ), no canto de Alfonso, pase a chamarse Cándido. Acáelhe melhor.
De tanto reivindicar a República convertéronnos nunha república "electro-eucaliteira" ...e mineira tamén. E con tanto burato de encoros e minas a ceo aberto, a quen nos vexa desde o espazo exterior ha lhe parecer que este recuncho ibérico recibiu unha chuva de asteroides. E chuva é, pero de caciques.