Tribuna Viva
A Plataforma Asieólicosnon denuncia a invasión eólica
O domingo 2 de xaneiro houbo unha xuntanza entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Plataforma Asieólicosnon, na cal participaron 7 representantes da Plataforma e 3 representantes do Concello.
Dende Plataforma fixéronse as seguintes peticións:
- Que o Concello emita informes técnicos rigurosos e completos sobre todos os ámbitos afectados.
- Que o Concello emita as súas propias alegacións rexeitando o Parque Eólico en fase de exposición pública e pida a paralización inmediata do mesmo.
- Que dende o Concello insten a todas as entidades consultadas (augas de Galicia, Patrimonio, medio ambiente…) a que emitan os informes que se lles solicitan cando o parque estea en exposición pública.
- Que unha vez emitidos estes informes, sexan públicos para que os veciños poidan consultalos.
-Tamén lle solicitamos que inclúa á Comunidade de Montes de Aguasantas nas reunións das comunidades, xa que é unha parroquia que se vai ver afectada polos diferentes impactos do Parque Eólico.
- Dende a plataforma tamén lle comunicamos que secundaremos a concentración que o concello quere convocar diante do Concello o día 9 de xaneiro. Pero tamén lle transmitimos a importancia de levar tal concentración ás portas da Xunta convocando outra concentración na Subdelegación da Xunta en Pontevedra, proposta coa que non se quixo comprometer.
Insistimos en que a Plataforma AsíeolicosNon é unha plataforma veciñal, autónoma, que non so traballa en contra do Parque dos Cotos, senón que traballa para defender a todo o Concello de esta invasión eólica (actualmente o Concello de Cerdedo-Cotobade está afectado por 14 proxectos de Parques eólicos).
Plataforma AsíeolicosNon