Francisco Freire Vila
Fármacos naturais
Nesta vida estase convertendo todo, sen escrúpulos, en negocio incluso as enfermidades crónicas (diabete, cancro, obesidade, alerxias, hipertensión, colesterol, etcétera), son un filón inesgotable de beneficios para a industria farmacéutica e agora unha forma cruel de recadación para os gobernos coa introdución do copago despois de termos xa o céntimo sanitario. Doutra banda, é unha ruindade que os gobernos estean sometidos aos intereses da industria farmacéutica atrasando ou ocultando, dunha forma vergoñenta, os coñecementos que certos tratamentos teñen para a saúde. Aquí ten moito que dicir a sabedoría popular dos nosos avós e avoas do rural, que desgraciadamente estase a perder. Seguramente, estimado lector ou lectora escoitaches máis dunha vez dos nosos maiores algún remedio con plantas medicinais dos nosos montes, leiras, corredoiras, etc., e que foi transmitido de xeración en xeración.
Igual de ruín é que o Goberno lles faga pagar os fármacos ás persoas enfermas, por exemplo, de cancro, moitas delas son maiores en fase terminal. Non é mellor reducir os gastos sanitarios coa prevención e remedios naturais? Parece que algunhas enfermidades crónicas poderían, en boa parte, evitarse ou curarse cun cambio cara a unha alimentación máis natural, aproveitando as propiedades de moitas plantas medicinais, que podemos obter cun custo ridículo, fronte ao espolio descarado que a industria farmacéutica exerce sobre o orzamento sanitario público.
Ante isto, non é raro que algúns só atopen explicacións en teorías da conspiración: a industria farmacéutica obrígalles aos investigadores a reconverter un fármaco que podería curar unha enfermidade noutro que a perpetúe como crónica para obter suculentos e criminais beneficios; ou aqueloutra que se apoia na creación dun plan premeditado para reducir a poboación ante o seu vertixinoso crecemento que esgotaría os recursos do planeta en pouco tempo.
De calquera xeito, e céntrome no cancro porque todos coñecemos algún caso cercano, creo que os oncólogos responsables, os enfermos de cancro e a sociedade en xeral temos que esixir que se varíen os protocolos de investigación que poñen trabas ao traballo dos oncólogos abertos a terapias naturais e ao avance cara a terapias sinxelas e efectivas que, sen dúbida, suporían grandes aforros en custos sanitarios.
Estou seguro de que, moitas persoas, no periodo que vai do diagnóstico do tumor á cirurxía, estarían dispostas a autorizar, no canto da radio ou quimioterapia, ser obxecto de estudo tomando plantas como o kalanchoe ou a graviola, para valorar despois a redución de tumor no momento da intervención. Se xa determinados pobos indíxenas as tomaban para combater enfermidades tumorais, investiguemos e analicemos, pois, se son efectivas ou non.
A estevia é outra planta ben coñecida polas súas propiedades beneficiosas e coma ela temos milleiros de plantas ao noso alcance con propiedades extraordinarias e descoñecidas para moitos. Pois en vez de queimar os nosos montes e reixeitar o rural e os nosos saberes populares, poñámolos en valor en pro do conxunto da sociedade.