Antón Roel Villanueva
O alba nunca chegou. En memoria dos mariñeiros do Villa de Pitanxo
Brúa o vento ferinte no peirao do mar de Marín. Un vello mariñeiro xubilado pendura un ramo de camelias, as flores de Galicia, á auga na memoria dos compañeiros falecidos noutro mar moi lonxe, de augas moito mais bravas, de tempestades de sal, onde só as estrelas son iguais, esperando que as mareas as leven á beira dos compañeiros da alma.
Alí só fronte ao mar de vida e morte lembra cando el andaba naqueles mares lonxanos, en Terranova e no Gran Sol, sós nun barco que parecía un cascarón. Nun mar embravecido que non se deixa arrebatar a súa riqueza. Ao capricho de ondas de dez metros. A xogar co barco no medio de temporais e trebóns, que parecía que o ceo lles ía a caer encima. Co anceio de encher as adegas pronto para poder regresar canto antes e saír vivos daquel inferno e volver cos seus seres queridos.
Lembrase que tivo compañeiros de todas as razas pero nun barco só había unha patria común: o mar e tratar de sobrevivir para levar o diñeiro para as familias poder comer.
Lembra con tristeza ao seu veciño Ricardo Arias que xa sobreviviu a outro naufraxio, pero hai que comer todos os días, e tivo que volver ao mar esta vez sen sorte.
Agora as familias están sen esperanzas de recuperar os seus seres queridos para enterralos e poder rezarlles e poñerlles flores. Pensando con cólera que fomos os primeiros en mandar unha fragata a Ucraína, onde nada se nos perdeu e non fomos quen de mandar un barco para buscar aos nosos compatriotas.
Morreron traballadores do mar e nin unha ministra galega de traballo o viño para arroupar. Nin o presidente do Goberno, seguramente porque non había eleccións en Galicia e non había votos que rascar.
Volve o vello mariñeiro lobo de mar afeito ás traxedias con perdida de amigos, pero non pode impedir que unhas bágoas de salitre esvaren polas súas fazulas cheas de surcos como cantís. Alí quedaron as camelias que se murcharán co tempo.
Namentres, nas lonxas de Galicia e nos mercados de Madrid queixámonos do caro que vai o peixe.
Oxalá que no mar de Terranova os paíños, que son os paxariños que guían aos mariñeiros nas tormentas para volver a terra, guíen aos mariñeiros do Villa de Pitanxo preto das nosas costas e podamos encher o mar de Marín de flores na a súa memoria.
Antón Roel Villanueva