Pedro J. Peón Estévez
Benvidos Mr e Mrs Lindbergh
Foi un 12 de novembro de 1933 cando aqueles norteamericanos -o matrimonio Lindbergh- nos fixeran unha visita tan sorprendente e fugaz como aquela de Mr Marshall. A grande diferencia entre estes dous feitos consistiu en que un -a película- foi froito do talentoso maxín de Berlanga, mentres que o outro foi, sinxelamente, real.
O río Minho xa vai canso de tanto andar cando pasa por entre Banhos de Tui, desta parte, e Friestas en Portugal. Aquel 12 de novembro, as xentes de acá e de alá ficaban ocupadas nos seus labores, básicamente agrícolas. Non hai diferencia entre unha e outra ribeira banhadas pola mesma auga, nin nas paisaxes, nin nas xentes, que respiran do mesmo aire, língua e cultura.
Era tempo de invernía, o Miho retinha sobre o val un manto de mesta néboa, néboa que se viu traspasada subitamente por un grande inxenio voante no medio dun atronador balbordo, ás 14:20 exactamente. Aquela "cousa" pousou no río e esvarou sobre el un longo treito erguendo enormes fervenzas a ambos costados. Nunca en Friestas nin en Caldelas de Tui se tinha visto cousa tal. As xentes -fóra o abraio inicial- fóronse achegando con cautela. Parecía cousa do outro mundo pero, realmente, era un avión monomotor modelo Sirius-8 fabricado por Lockheed, mercado e pilotado polo matrimonio Lindbergh para facer unha longa viaxe de 30.000 milhas arredor do mundo. Era o primeiro avión que se tinha visto naquela comarca desde que o mundo era mundo.
Charles Lindbergh foi arrimando habilmente o aparato á ínsua do Crasto, onde ficou ben amarrado coa axuda dos primeiros curiosos que se achegaron desde Friestas. Cando o aparato se detivo, xurdiron del a fermosa senhora Ann Morrow, en traxe de faena e o seu garrido marido o coronel Charles Lindberg, sempre traxeado e con gravata. Alí acudiu unha chea de curiosos das dúas beiras do río; autoridades de ámbolos países, fotógrafos, xornalistas e vecinhos. Nas novas dos xornais chamaron "Albatros" á aeronave e "Águia do Far West" ó seu piloto, nesta teima que algúns plumilhas tenhen polo sensacionalismo. Disque existe unha reportaxe chamada "Lindbergh em Portugal" filmada in situ por un tal Aquilino Mendes pero foime imposible de atopar, o que me leva a pensar nalgún tipo de censura. Pero recuemos un bocado.
Brevemente; O coronel Charles Lindberg fixérase famoso por ter sido o primeiro piloto en facer a travesía do Atlántico en solitario a bordo daquel mítico avión Spirit of St. Louis. Na película " The Spirit of St. Louis" ou " El héroe solitario" en Espanha, represéntase esta fazanha. Despois el maila súa dona Ann Morrow (tamén piloto e escritora) houberon de sufrir o horrible secuestro e asasinato do seu filho de meses. Logo aceptaron o trabalho de cartografiar futuras rutas aéreas para a aviación comercial e tratar de esquecer, no posible, o seu tremendo drama. Mercaron e transformaron o Sirius 8 en hidro e, tras algunhas provas, afrontaron a sua longa e arriscada viaxe. Unha destas etapas iría desde o lago Constanza ate Lisboa, pero o mal estado do tempo fíxoos amarar en Santoña. Non tardando moito, o afouto Lindbergh despegou para completar a etapa pero a costa cantábrica estaba moi batida polo temporal e optou por atravesar Galiza en diagonal pero por alí tampouco pintaba moi ben a cousa, con escasa visibilidade por mor da brétema e facendo un gasto excesivo de combustible por voar tanto tempo contra vento, non lhes quedou outra que acuatizar no río, si ou si. Despois de cumplimentar sendas invitacións en Valença e Tui e reponñer gasolina, tres días despois os Lindberg seguiron viaxe a Lisboa, onde chegaron con ben. Da arribada do Sirius ó esteiro do Texo en Lisboa, si existe unha interesante filmación.
Epílogo; Os Lindberg foron de Lisboa ao sur de África e, desde alí ate o Brasil a través do Atlántico sur. Cara finais de 1933 amerizaban na costa de Nova Iorque, rematando aquela súa extraordinaria odisea. Aquel lendario avión, matriculado NR - 211 e bautizado TINGMISSARTOQ ( o que voa coma un paxaro) polos esquimós Inuit de Groenlandia, fica arestora disfrutando dun merecidísimo descanso no Museo Nacional do Aire e o Espazo. Da sua aventura minhota fica en Friestas un monumento- homenaxe cunha placa que reza: "
Homenagem histórica a Charles Lindberg (1902 - 1974)
PIloto aviador americano que em 1927 fez a travessia do Atlântico Norte. Em novembro de 1933, amarou, com o seu hidroavião nesta freguesia de Friestas, em pleno rio Minho a 800 m. deste local.
Colaboradores:
Junta de freguesia
Empresa - Pedra do Minho
Câmara municipal
Embaixada americana
E alá segue para lembrar, a propios e extranhos, que unha vez alguén voou sobre a raia húmida, raia que un chisco cara o leste, entre Monção e Salvaterra, inspirou a João Verde, o poeta monçanense:
Vendo-os assim tão pertinho,
a Galiza e Portugal
são como dois namorados
que o Minho traz separados,
para bem ou para mal,
quasi desde o nascimento.
Deixa-los, pois, namorar
ja que os pais, para casar,
lhes não dão consentimento.
Certo. Madrid e Lisboa endexamais estiveron polo labor. Pero esa é outra historia...