Pedro J. Peón Estévez
A volta ó mundo de Gonzalo de Vigo (II)
A estadía en Guam, ó longo de case vinte días, foi do máis enriquecedor. Charo e eu trabalhamos arreo; filmamos miles de minutos de imaxes, gravamos centos de entrevistas...Na capital (Aganha) corrémolo todo, rexistrámolo todo: música, cántigas, mitoloxía, gastronomía e mesmo as zonas turísticas. OS ianquis amosáronnos algunhas instalacións militares pero a grande distancia e con moito aquel. Os ianquis son moi teimudos, moi seus, moi gringos. Engado, como curiosidade, a teima dos chamorros mozos e velhos por agradar a Charo,
sincerándoselhe nas entrevistas, facéndolhe as beiras, cousa quen non era de estrañar; Charinho era probablemente a mulher máis fermosa que viran na súa vida. Eu divertíame cos seus cortexos e agasalhos, simulando non decatarme, e coa maestría dela para desfacerse sutilmente de tanta galantería. Non eran tanto así elas comigo. Probablemente non me vían un bo pai, cousa que me tranquilizaba enormemente. Pola noitinha e na intimidade do cuarto de hotel, almacenabamos todo o material obtido en pendrives facendo de paso un pouco de pre-producción pero a meirande parte ía para Vigo vía satélite. Despois gardabamos ben as ferramentas; portátiles, móbiles, cámaras, anotacións manuscritas e debuxos e a dormir para madrugar de manhancinha. Do "outro" nada. Non facía parte do trabalho. Nin dentro nin fóra del. Só me resta engadir que atopamos a proba palpable da estadía naquelas terras de Gonzalo de Vigo e algo máis importante se cadra: descendentes seus de catorce-quinceava xeración, conhecedores, vía oral da historia da súa estirpe: da linaxe dos Vigo de Guam !
Benquerido sempre amigo Costas: Un certo día dixo vostede, e dixo ben, que a vida de Gonzalo de Vigo pedía a berros un libro, película, serie ou algo así e a min pareceume un bonito proxecto. Desconhecía eu personaxe ta importante por varias razóns: 1)-Por ser de Vigo, porto de sona, abérto ó mundo. Coido que foi outro vigués quen dixera: "os mares unen pobos; as terras sepárannos" 2)-Por ser integrante da escuadra que circundou a terra por vez primeira e a conexión entre as de Magalhaēs- Elcano e Marqués de Loaisa, as dúas de épica pero desgrazada historia. GOnzalo foi desertor da primeira e valedor-guía-intérprete da segunda. A súa pista pérdese nas Molucas. 3)-Por ter desertado en Guam (Guaján) que é unha ilha moi especial. Guam foi descuberta por Magalhāes e ficou catro séculos de colonia espanhola. O seu porto foi de vital importancia para o comercio entre as Filipinas e México. Entregouna Espanha xunto con Filipinas, Cuba e Puerto Rico na guerra cos Estados Unidos en 1898 ( a rendición de Guam é digna dun filme de Berlanga ) Sufriu a invasión do Xapón na IIGM e a posterior reconquista polos ianquis en 1944. Vinte e sete anos despois atoparon na selva un soldado xaponés, un tal Soichi Yokoi, que dicía estar en guerra cos EEUU (o famoso conto aquel do soldado xaponés despistado, en Guam foi algo real) Na minha historia é un descendente de Gonzalo de treceava xeración ( Orencio de Vigo ) quen o atopa. O narrador de todos estes feitos é o último descendente do noso marinheiro, un tal Sumahi de Vigo (ou cousa así) que veu a Vigo, a gastos pagos, a referir a vida e anédotas da súa longa estirpe no sureste de Asia, tal e como vinhan facendo desde cinco séculos atrás os herdeiros do insigne marinheiro. A última foi o acolhoamento que pasou aquela xente co intercambio de bravatas entre o Trump e o coreano coa base militar de Guam no punto de mira dos mísiles de Corea do Norte. Ós pobres dos chamorros tocoulhes sé-la avanzadinha estratéxica dos ianquis no Lonxano Oriente. A can fraco todo se lhe volven pulgas!
Vaia!, mira ti oque me foi acordar. Disque as mulleres de Guam non poden casar virxes e existe o personaxe do Desvirgador para tal fin. Pois resulta que todo é un conto, como cabía esperar. Pero un conto que tamén atopou cabida na minha historia pois foi a causa da morte, a mans dos aboríxens, dos dous portugueses que desertaran con Gonzalo e que abordaron ás chamorras cunhas pretensións un tanto erradas. Agora imos co resto de contado:
O Estrela de Vigo é o noso xornal-emisora dixital, o noso cuartel xeral que cabe, a duras penas, nun apartamento do Príncipe, un verdaeiro bule-bule desde que sae o sol ata ben entrada a noite. Para poder trabalhar alí é preciso entenderse e levarse ben, non queda outra. Aquela manhá en que Sumahi Vigo, Charinho e máis eu, traspasamos a porta formouse unha festa con toda sorte de benvidas e parabéns. Sumahi recibía os saúdos cun lene sorriso e on olhar entre curioso e suspicaz. @s companheir@s xa foran avisados por nós, vía teléfono, de non abraialo en demasía. Algúns falábanlle, lento e alto, nunha xerga chea de infinitivos como se fose un daqueles pseudo-indios das películas, pero sorprendéronse de oílo contestar nunha mistura de castelhano e galego clásicos con algunha intercalación (escasas) en inglés ou chamorro e unha soltura non esperada nun humilde aborixe das antípodas recén chegado ó "primeiro mundo". Mentras Sumahi curioseaba todo canto alí había, os demais dispuxemos todo para que aquela mesma tarde o noso convidado iniciase unha xeira de relatos ante os nosos micros coa expectación dos nosos siareiros, postos a cotío en antecedentes polos companheiros desde os inicios da nosa sorprendente aventura. Mentras tanto, Charo foi a encargada de acompanhar ó guamés na súa primeira visita de Vigo sen reparar en gastos, dada a xenerosidade dos nosos, xa moitos, patrocinadores. Pola súa parte, Sumahi, que podía contar entre corenta e sesenta anos, nin el mesmo o sabía, sentía boa fachenda de verse acompanhado por tan boa moza; "ai se os seus paisanos poideran velo!". Aquela tarde, a redacción do Estrela parecía o camarote dos Marx.
E chegou a tan ansiada hora. Trala pertinente presentación, Sumahi Vigo comezou o relato:
" O primeiro avó Vigo deixou dito que nacera entre séculos no remate da Terra Grande, moito máis alá da India e a China, tralo caminho do sol e fronte onde este cae no mar. E deixou dito ós seus filhos, os segundos avós Vigo, que contasen a súa historia ós filhos deles e estes aos seus sen xamais se esquecer de contar a vida dos antergos e a súa propia facendo así un libro de folhas que non leve o vento, nin apoderzan coa auga, nin ardan no lume, nin as poidan roubar ninguén, un libro con xa máis de cinco séculos de idade".
Sumahi bebeu un grolo de cervexa antes de proseguir elevando o olhar ó teito como facendo memoria.