Tribuna Viva
Sobre as declaracións de Rafa Domínguez sobre o proxecto dos pasos subterráneos nos Praceres
Sobre as declaracións de Rafael Domínguez do PP de Pontevedra ao respecto dos pasos subterráneos dos Praceres responsabilizando ao PSOE e librando de culpas ao seu partido, só podemos calificalas como un desprezo á memoria do noso pobo. Un exemplo de posverdade, unha manipulación dos feitos obxectivos.
Acaso é necesario recordarlle a Domínguez que foi o goberno de Aznar quen construíu o tren en 2001, e que o Ministerio de Fomento, dirixido por Álvarez Cascos, ante a prohibición da lei de facer pasos a nivel en zonas urbanizadas, alegou que Os Praceres era "un descampado". Hai que recordarlle o importante papel que tiveron Fraga e Cuíña. Ou que o proxecto que agora se quere realizar foi sometido a exposición pública en 2013, sendo Ana Pastor a Ministra de Fomento. E que esta era a opción defendida a capa e espada por José Benito Suárez, presidente da Autoridade Portuaria, argumentando que "enterrar o tren supoñía unha perda económica moi grande para o Porto de Marín".
Así que a postura do seu partido sobre a supresión dos pasos a nivel nos Praceres sempre foi clara: Mellor enterrar ás persoas que enterrar o tren.
Se ademais o poñemos en relación co outros temas que afectan a Lourizán, como o da ampliación da depuradora ou o da proposta de adscrición dos terreos ocupados por Ence ao Porto de Marín, o futuro que defenden para Os Praceres é funesto, primando os intereses políticos e económicos sobre a veciñanza: quedaría rodeado de escalextric, asteleiro, depuradora e Ence, e dividida a praza polo tren; pero ademais Os Praceres quedaría integrado dentro do Porto de Marín, triplicando o tamaño da depuradora e cos pasos subterráneos para que as persoas crucen dun lado a outro da praza.
No único que ten razón Domínguez é que o actual goberno central PSOE-UP é o que finalmente o aproba. Pero o proxecto non é deles, como afirma. O proxecto vén de atrás, de 2013, do goberno anterior, do seu partido.
O Concello de Pontevedra fixo alegacións contra o proxecto básico en 2013, na fase de información pública, e volveu manifestar a súa disconformidade en 2019 no período de consultas a requerimento de ADIF. A Lei 39/2003 do Sector Ferroviario establece que no caso de que algunha Administración manifestara disconformidade, o expediente ten que ser elevado ao Consello de Ministros. E iso sucedeu o 14 de abril de 2020 no que o Consello de Ministros do goberno actual autorizou este proxecto.
Pero tamén é certo que ante o acordo do Consello de Ministros cabía interpor recurso contencioso-administrativo no Tribunal Supremo, así como recurso de reposición ante o propio Consello de Ministros, e que o Concello de Pontevedra non o fixo.
Acaso cre Domínguez que se estivera o seu partido no goberno central, teríase oposto ao proxecto de pasos subterráneos? Pode xustificar por que durante todos estes anos a Xunta de Galicia, en mans do PP, non moveu nunca nin un dedo para frear este proxecto tan lesivo para Os Praceres? De ter estado Domínguez á fronte do Concello de Pontevedra, tamén se tería oposto? Son preguntas retóricas. Non é necesario que responda.
Así que, agora que estamos en Semana Santa, resulta apropiada a frase: "o que estea libre de pecado que tire a primeira pedra". Tamén sería moi acaído aquilo de: "entre todos la mataron y ella sola se murió". Aínda que hai que recoñecer o papel protagonista do seu partido.
Se aínda non está convencido do papel fundamental desempeñado polo seu partido no asasinato do noso pobo, recomendámoslle que vexa este vídeo (Min. 2´43´´).
Asociación Estriceres