Marta Rodríguez Engroba
As cousas polo seu nome
"As amigas da policía".
Este era o apelativo que, en ton claramente pexorativo, utilizaron durante moito tempo para aludir a Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero ao que pertenzo, os detractores que, sen coñecernos absolutamente de nada, comezaron a arremeter contra nós practicamente desde o mesmo día no que iniciamos a nosa andaina, aludindo a que era, sen dúbida, unha fluída e excelente interacción entre esa institución na nosa cidade e o noso colectivo, que redundaba, por suposto, en beneficio das vítimas, que era o obxectivo, e que se detectaba perfectamente, como elas mesmas nos transmitían, no clima de confianza, de colaboración, cando as acompañabamos a denunciar, o que facía que se sentiran moito máis cómodas nuns momentos tan difíciles, e que tamén servía de gran axuda para que non esqueceran algún episodio ou detalle que previamente nos contaran a nós por mor dos nervios, do seu precario estado emocional ou mesmo físico, e que podería ser fundamental para a posterior adopción de medidas destinadas a súa protección e, en moitos casos, tamén a dos seus fillos.
Obviamente, nunca o tomamos coma un insulto, que era o que pretendían, primeiro, porque de todos é sabido a gran verdade que é iso de que non ofende quen quere, se non quen pode, e segundo, porque, como xa dixen, a nosa prioridade estaba moi clara, como segue a estar, e era a de prestar ás vítimas a maior e máis efectiva axuda posible, e non bailarlles a auga a aqueles que, en non poucas ocasións, falan moito, pero fan bastante menos, se é que fan algo, pero aos que, obviamente, molesta, e moito, que deixen en evidencia, basicamente, e entre outras razóns, porque algún "negocio" perigaría, e con iso non se xoga, non si?
Por outra banda, lamentablemente, unha preocupación moito maior e bastante máis grave, fixo acto de presenza.
Co paso do tempo, comezamos a detectar que, se ben, aparentemente, esa colaboración era tamén ben recibida por esa parte da institución encargada da asistencia e protección ás vítimas da violencia machista, a medida que se ía facendo máis cotián, e que, ás veces, non podiamos evitar que se fixera notar algunha eiva que sempre tentamos transmitir coa maior educación e respecto e na procura, repito, de axudar as vítimas do xeito o máis efectivo posible, algúns xestos, comentarios, e mesmo algunha actitude observada cando algún axente, que non todos, conste, baixaba a garda, nos fixo decatarnos de dúas cousas.
A primeira, de que esa aparente "entrega" e vocación que case todos os que se encargaban deste servizo semellaban ou dicían posuír dependía, en gran parte, no caso dalgúns, da implicación que con esta causa tivera o responsable da comisaría o que se reflectiría, obviamente, nas pautas de comportamento, de atención e de acción que marcaría, e que non afectaría para nada, ou, se acaso, o faría positivamente, aos que a compartiran, pero que si faría que, nos casos nos que non era así, que, lamentablemente, non son illados, acabase por repercutir no trato coas vítimas, e, por suposto, con nós.
A segunda, da cal solicitamos información, foi dos requisitos precisos para que un policía fose destinado a Ufam (Unidade de Atención a Familia e Muller), xa que malia esa formación que se supón todos teñen, e da que, como xa dixemos en reiteradas ocasións, nunca dubidamos, botabamos en falta, en moitos casos, a sensibilidade, a empatía e a humanidade máis elementais, así como tamén amosamos a nosa inquedanza ante as evidentes eivas que ás veces se dan na posterior protección a denuncia que moitas das vítimas requiren.
A resposta foi, como xa explicamos máis veces, que esta selección se baseaba, segue a basearse, única e exclusivamente, en méritos policiais.
Pouco se pode dicir que non dixeramos xa, pero, para resumilo, e por se alguén aínda non o sabe ou non se decatou, baixo estas premisas, pode suceder perfectamente que un policía veña de maltratar a súa parella, e se poña a tomarlle declaración a unha vítima de violencia machista, ou que a outro en idénticas condicións se lle encomende a súa protección, e tal vez a dos seus fillos.
Todo moi lóxico. Un xeito mais de maltratar a quen xa ten calvario máis que suficiente.
Foron moitas as veces que, a partir dese momento, desde Si, hai saída, pedimos a revisión urxente deses criterios de selección no seo das FCSE, e, ata onde sabemos, que curioso!, soamente nós, as "amigas da policía", fixémonos eco en moitas ocasións, de numerosas deficiencias que se estaban a dar principalmente na protección as vítimas, e que quedaron traxicamente demostradas en non poucos casos, estendidos por toda a nosa xeografía, nos que malia tendo denunciado, a muller era novamente agredida ou mesmo asasinada, ou se produciron eses terribles casos de violencia vicaria, que, vaia casualidade!, semella acabada de descubrir.
Nunca obtivemos resposta, silencio este secundado polo "feminismo" que tanto nos criticou, e nos critica, e, por certo, rectifico, si obtivemos resposta, que foi, aproveitando o cambio de responsable, afastarnos por completo da comisaría e retirarnos toda colaboración, cos lóxicos e graves prexuízos que isto supón, certo, pero deixando tamén en evidencia unha realidade tantas veces denunciada e nunca asumida, o que implica a nula intención de tentar mellorar e emendar o que non se está a facer ben e que podería traducirse en salvar máis dunha vida.
As últimas semanas deixaron, desgraciadamente, cumprida testemuña do que estou a dicir, con titulares, entre outros, coma:
- "Detido un policía de Madrid por agredir a súa ex parella nun colexio"
- "A Fiscalía pide 7 anos de cárcere a un Mosso por espiar a súa parella na base de datos policial".
- "Condenado un militar por ensinar mensaxes da súa parella e dicir que zorreaba".
Ademais das xa coñecidas declaracións da ex comisaria de Pontevedra, "Ya les gustaría a algunas que las violase un antidisturbios" ou a noticia de que o "edificante" programa "Sálvame" investigou ilegalmente a 140 famosos coa axuda dun policía.
Penso que sobran os comentarios.
A gravidade do que está a acontecer é máis que obvia, por máis que se tente negar a evidencia.
Non se trata de demonizar a ninguén, pero é un feito que existe un grave problema.
E unha vez máis, soamente as "amigas da policía" perdón, debo dicir "os amigos da policía", porque, na actualidade, e seguindo na liña de ser o peor do peor para certos sectores, contamos cun compañeiro no noso equipo, un "argumento" máis para criticarnos, falaron, esixiron explicacións, que, naturalmente, non se deron, rodeando todo este lixo dun muro de silencio cómplice, en tanto os eidos mais "comprometidos", incluídos aqueles aos que atinxe directamente, calaron.
Non houbo présas, coma tantas outras veces, por saír á rúa a berrar, a manifestarse, malia quedar en evidencia que o elemento máis importante para a loita contra a violencia machista, a base,é, a día de hoxe, tan sumamente precaria, tan cuestionable, que o único que provoca, coma toda base feble, é un derrubamento tras outro, e dor, moita dor.
Coma tantas outras veces ao longo de todos estes anos, cando se trata de algo que afecta aos "innomeables", soamente nós, os "amigos da policía", falamos.
Soamente nos chamamos as cousas polo seu nome, porque isto, chamar as cousas polo seu nome, pode salvar moitas vidas, e de todos os que colaboran para que así sexa, si somos amigos, e contarán co noso incondicional apoio, sempre.
Asociación Si, hai saída