Francisco Freire Vila
Por que tantas leis de educación?
LGE (1970), LODE (1985), LOGSE (1990), LOCE (2002) LOE (2006), LOMCE (2012)... Señorías, non van ter siglas para denominar futuras leis de educación!
A situación é preocupante e ao mesmo tempo debe causarlles algunha gargallada aos nosos socios e socias comunitarios: nos 12 últimos anos tivemos tres leis de educación, unha cada catro anos, isto supón que moitos dos nosos fillos e fillas se van ver afectados na súa etapa en idade escolar polos cambios de tres leis a LOCE, LOE e LOMCE. Esta curta vida dunha lei demostra a súa ineficacia ou a incompetencia das persoas que a fixeron e a aprobaron. Eu inclínome por esta última.
Señores diputados e señoras diputadas, xa basta! Se queren xustificar os seus soldos, non fagan e aproben leis coma churros, traballen nunha lei de educación seria, realista, moderna e duradeira. Para iso, é fundamental que se realice un diagnóstico pormenorizado e serio do sistema educativo (por profesionais) e coa participación de todos os sectores implicados, sobre todo, pais e nais, profesorado e estudantes.
Os pais e as nais estamos fartos dos continuos cambios normativos, non queremos que con cada goberno haxa unha nova lei de educación baixo intereses e pareceres partidistas, queremos unha boa lei que dure no tempo, goberne quen goberne, que estea consensuada por toda a comunidade educativa, que todos os sectores aposten por ela e que sexa avalada e respectada por todos os grupos políticos. Só así será efectiva e terá unha longa vixencia.
15.11.2012