Carlos Regojo Solla
Marcelino
Co seu pasamento, Marcelino, amais de deixar orfa a partida de tute na tasca "A Rula", foi causante, entre outros, de tres deixados importantes: primeiro, deixou de sufrir ( que xa era tempo), segundo deixou sen servizo de arranxo do calzado aos seus veciños, e terceiro deixou á súa dona "Pura" na máis negra miseria, aínda que a viúva seguira recibindo do estado aquela pequena compensación de corenta e cinco pesetas mensuais por méritos de guerra, no fronte de Asturias, do seu home, coma consecuencia da perda de case que toda a perna dereita que o deixou inválido e mal curado cun toco ferido, por riba do xeonllo, embutido nunha perna de pau que el mesmo deseñara; toco que nunca dera curado e que finalmente lle provocou nunha infección xeral que o mandou ó alén en pouco máis de dúas semanas.
Marcelino vivía coa súa dona nunha casiña baixa. Pasaba a vida sentado no seu taller de traballo entre ferramentas, zapatóns, zocas... Traballaba nunha pequena habitación que daba á rúa e despachaba aos clientes pola fiestra. Era un home puntual. Abría sempre ás nove da mañá e, fora verán o inverno, sempre poñía unha chaqueta, que tiña colgada dunha percha, cunha medalla,prendida na ampla solapa esquerda, outorgada a Marcelino polo seu valor na batalla onde o feriran. Así, sentado no traballo, tiña un aire de xeneral vido a menos.
Colocaba o toco enriba dunha pequena almofada e poñíase a traballar ata as dúas da tarde cando facía un alto para chantar. Ás tres , retomaba o traballo ata as nove, hora en que pechaba a fiestra, poñía a perna de pau, collía o coxín e ía xogar a partida de tute á tasca de "Duardiño", o dono da "Rula" , a pouco máis de cen metros do taller, traxecto que a el parecíanlle quilómetros porque a ferida sen curar doíalle ao rozar co coiro da cazoleta, o que lle provocaba un andar forzado cunha coxeira acentuada que lle facía botar un bufido cada vez que o peso do corpo recaía na perna enferma.
Na tasca, facía o mesmo que no traballo, sacaba a perna artificial descansando o toco no coxín, tomaba unha cunca xeitosa dun ribeiro turbio de terceiro cocemento que axiña subíalle á cabeza e de cando en vez; co ceo pedreiro (cando ía cambiar o tempo), ou cando perdía a partida, poñíase solemne, ollaba a perna mutilada, daba dúas ou tres palmadas na coxa ferida e rosmaba entre dentes:
_ É que nós non tivemos a Trueta coma tiñan os roxos, ¿ verdade, bonita?
Tras a desaparición do seu home a "Pura" non lle quedou máis remedio que poñerse a traballar e decidiu facelo nas feiras, vendendo trapalladas de segunda man que mercaba á súa vez por catro patacos: roupa usada, chaves vellas, moedas doutros países e doutro tempo, candados,… Nin que dicir ten que nas primeiras feiras a maior parte dos artigos que tiña á venda foron as pertenzas do seu defunto, pouca cousa: algúns pantalóns coa marca dos dobradillos na perna dereita imposibles de desengurrar, cintos, algúns zapatos vellos que quedaran no taller sen reclamar (os zapatos del eran todos do pé esquerdo e Pura deixábaos na casa), ferramenta de zapateiro que vendeu case que dunha tirada, a mesmiña perna de pau (un encordio para ir e vir no Castromil con dúas maletas) que conseguiu vender moi barato, pasado un ano, a un pobre desgraciado que camiñaba apoiado nunha muleta vella, …, e a chaqueta, unha prenda de catro botóns ,de solapas grandes (como xa dixen), cun brillo céreo e casposo no pescozo que a pouco te acercaras botaba un cheiro mareante a sebo rancio e alcanfor. Tiña dous bos petos laterais a altura das cadeiras e outro arriba na esquerda fondo e estreito onde, noutro tempo lucira un pano branco bordado e dobrado en pico.
Aínda que a chaqueta estaba tamén á venda, por aquelo da conciencia, cada vez que alguén tiña intención clara de mercar a prenda, "Pura", case que de xeito inconsciente, poñíalle un prezo alto.
- Canto? Lle preguntaba a xente sinalando a prenda
-Corenta reais, non vai menos, ¡e sen a medalla!
- Boh!, ti non pensas o que dis – lle respostaban- Esa chaqueta non pasa de 15 ou 18 reais. Amais é dun finado. Xa se nota ben.
-Pois por menos non a levas, muller – dicía "Pura"
E así quedaba a cousa, de xeito que a muller sempre voltaba á casa coa chaqueta.
Pasou o tempo e "Pura" fíxose vella para andar nas feiras e retirouse. Un día atoparonna morta na cama, cuberta coa chaqueta, cos beizos bicando a medalla.
Contan que un feirante de Moaña, ao que chaman Alemán, que vende cousas variadas coma facía Pura, que vai os Milagres de Amil, é o actual propietario daquela condecoración.