Marta Rodríguez Engroba
Prevención. Nomeala, sen máis, non fai que funcione
Se hai algún eido no que isto se fai especialmente evidente é, por desgraza, no da violencia de xénero, no que aumentan os "expertos" na mesma proporción na que esta lacra medra e medra, e se hai un termo que se usa e do que se abusa, pero non se practica, agás moi raras excepcións, é prevención.
As institucións, os políticos, os colectivos que se acubillan debaixo das súas alas benfeitoras, especialmente cando toca aparecer neses minutos de silencio, e nesas fotos das que tanto gustan, non deixan de ser, por mais que tenten amosar o contrario, a demostración viva e patente da mentira que nos están a vender.
Outra cousa é que non se queira admitir, porque, obviamente, nin interesa, nin é rendible para ningún deles.
Boa e tráxica proba do que estou a expoñer son o elevado e terrible número de mulleres e mesmo menores agredidos e asasinados, especialmente nos últimos meses malia ter unha orde de afastamento en vigor, que invalida totalmente ese manido "argumento" co que tentan xustificarse cando un novo nome pasa a engrosar a lista de feminicidios ou de vítimas de violencia vicaria, esa violencia que semella estar acabada de ser descuberta, de "non existían denuncias previas", co que se lle traslada a responsabilidade as vítimas sen o menor escrúpulo.
Son cada vez mais numerosos os casos nos que SI existía denuncia previa, pero que se produciu un tráxico desenlace porque nin se protexeu as vítimas en condicións e como procedía, nin se fixo un seguimento adoitado do seu asasino, malia ter sido concedidas unhas medidas que, obviamente, de nada serviron.
E todo isto, mentres se nos bombardea continuamente falando de prevención, prevención e prevención.
Un bo exemplo do que estou a dicir é o que esta a acontecer na nosa comunidade nas últimas semanas, concretamente en Sanxenxo, e que é o exemplo palpable de como unha muller é posta aos pes dos cabalos e da gran mentira que é esa suposta prevención.
Unha rapaza desta localidade denunciou en varias ocasións as reiteradas mensaxes con ameazas de morte dirixidas tanto a ela coma a súa familia,así coma un intento de atropelo, por parte dunha ex parella, un home co que mantivo unha relación sentimental durante os pasados meses de Novembro e Decembro.
Malia que, inicialmente, no mes de Febreiro, o Xulgado número 2 de Cambados ditou unha orde de afastamento e que as ameazas de morte a través das redes sociais, desde perfís falsos se seguen sucedendo, na actualidade, e na espera de que a Audiencia de Pontevedra resolva se a causa continúa no Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, se as maxistradas consideran que non se trata dun delito de violencia de xénero ou se, pola contra, é considerado coma tal e se traslada ao nº. 3, como solicita a defensa da vítima, a Audiencia Provincial deixou sen efecto o auto existente, e, porén, a orde de afastamento queda automaticamente anulada.
É esta a prevención da que tanto nos falan?
Francamente, e sempre desde a prudencia, como adoito facer, xa que, como é lóxico, descoñezo os pormenores do caso, creo que non lle cabe na cabeza a ninguén con sentido común que, ante o máis mínimo indicio de perigo, ante a máis pequena dúbida de que esas ameazas poidan chegar a consumarse, esa orde de afastamento se deixe sen efecto.
Como se pode supeditar a seguridade dunha persoa, a integridade da súa vida, a algo que non deixa de ser burocracia?
O mesmo ten, inicialmente, que este delito sexa considerado violencia de xénero ou non a efectos do risco que esta rapaza e mesmo a súa familia semellan estar a correr.
As ameazas, o perigo, están aí.
Se, finalmente, se chegase a demostrar que non existen, unha orde de afastamento sempre é reversible. Unha vida que se trunca non ten volta atrás.
Poñámonos por un momento no peor dos escenarios: Que a rapaza ou a súa familia estivesen a mentir.
Aínda así, nese suposto, non habería xustificación algunha para, en tanto exista o mais mínimo indicio de dúbida, ficase desprotexida e, de demostrarse esa mentira posteriormente, sería o momento de que se lle deixase claro que todo acto ten a súa consecuencia, de que esa mentira merece un castigo, e de que se lle aplicase, pero o que nunca, e repito, nunca, se debe facer, e xogar a ruleta rusa cunha vida.
É inconcibible que, a estas alturas, cando as cifras de mulleres, de nenas e nenos vítimas da violencia de xénero, son cada vez máis arrepiantes, se lles expoña a estes riscos, tendo as ferramentas, se non para eliminalos, si para, polo menos, diminuír a súa probabilidade.
Por desgraza, son moitos os casos nos que, por múltiples causas, non se pode protexer as vítimas como sería de desexar, desde o pánico ao seu maltratador que lles impide contar a ninguén o que lles está pasando, e, por suposto, denunciar, ata, en numerosos casos, a falta de probas que impide que se poida tomar algunha medida, xa que a violencia de xénero é, como todos sabemos, ou deberíamos saber xa, un delito que se comete sobre todo de portas adentro, no ámbito mais privado, sen testemuñas, pero o que é sangrante é que, cando existen sinais de que esta violencia existe, cando hai evidencias de que a muller corre perigo, se lle deixe totalmente indefensa.
Non quero nin imaxinar como se deben sentir esta rapaza véndose totalmente desprotexida, a súa familia, ante as ameazas dun presunto agresor que se sabe denunciado, impune polo momento, o que implica que se sinta máis encoraxado e sexa, porén, máis agresivo, mentres nos Xulgados debaten a quen se lle pasa a pataca quente.
Esta é a prevención que temos no noso país, da que tanto se gaba o noso sistema, a que se nomea unha e outra vez, pero que raramente se fai efectiva, porque eso, limitarse a nomeala, non fai que funcione.
Asociación Si, hai saída