Marta Rodríguez Engroba
Que se sente sendo cómplices?
"La voz de alerta la dieron los vecinos cuando sucedieron los hechos. Refirieron a la policía que estaban escuchando gritos y golpes en el piso de la pareja, un estruendo más fuerte del que solían estar acostumbrados, pues expresaron a la prensa que las discusiones y los gritos eran el día a día de la pareja. De hecho, el círculo vecinal de la pareja en Vigo calificó directamente a Ángel de maltratador habitual".
Non son quen de reprimir a indignación ante estas manifestacións que recollían algúns medios de comunicación onte mesmo, feitas polos veciños de Clotilde, de 82 anos, presuntamente acoitelada polo seu marido, Ángel, de 83, tanto polos de Los Cristianos (Tenerife), onde tiñan unha casa e pasaban tempadas e na que foi cometido o salvaxe crime, como polos de Vigo, onde residían e que agora, cando Clotilde é a tráxica protagonista dunha nova longamente anunciada, cualifican ao "presunto" asasino, que non se pode esquecer esta condición!, de "chulo" e "malencarado".
Todos estes veciños, que agora non dubidan en estenderse a pracer ante os medios de comunicación, eran, porén, coñecedores do calvario que estaba a vivir a muller, e todos e cada un deles calaron.
Dito doutro xeito, todos e cada un deles son cómplices de Ángel, o presunto asasino de Clotilde, e todos e cada un deles puideron, de ter cumprida a obriga que todos os cidadáns temos, evitar o seu asasinato.
Todos e cada un deles incorreron, como en tantos e tantos crimes machistas, de feito na maioría, nun delito de omisión de socorro, que, como sempre sucede, será ignorado, tapado cunha cortina de fume, camuflado, unha vez mais, polos minutos de silencio, polas frases de "condolencia" que os nosos políticos repiten e que dan xa, e perdoádeme a expresión, auténtico noxo, e, nuns poucos días, ninguén recordará xa quen era Clotilde, de feito para moitos hoxe xa forma parte do esquecemento máis absoluto, nin moito menos recordarán que foi asasinada, porque, ademais, Clotilde, como tantas outras mulleres, a inmensa maioría, vítimas da violencia machista, non era famosa, nin ela nin ninguén da súa contorna, non saía na tele, a súa traxedia non xera ingresos, nin suscita interese para encher horas e horas de Tv. nin moito menos para ser defendida polos "expertos famosos" aos que a audiencia premia coa súa atención e cos seus "likes" en redes, que é o que conta.
A quen lle importa Clotilde? A quen lle importa o resto de mulleres, de nenos e nenas anónimos, asasinados por mor da violencia machista?
Por isto, desde a Asociación Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero do que formo parte, desexamos manifestar, non soamente a nosa dor e a nosa condena por tan terrible crime, se non tamén, e con tanta ou mais rotundidade se cabe, o noso absoluto rexeitamento, a nosa máis profunda repulsa, para vós, para todos aqueles que, sabendo, calastes, para todos aqueles que, podendo evitar unha morte, non o fixestes.
Para todos aqueles, que, queirades ou non admitilo, sodes cómplices dun asasinato, porque calar, sabendo, converte a quen o fai, nin máis nin menos, que en cómplice.
E tamén a vos, queremos preguntarvos: Que se sente sendo cómplices?
Que se sente cando un día eses golpes, eses berros, que tantas veces escoitastes e que optastes por ignorar xa son historia, se tornaron en silencio para sempre, porque culminaron cun asasinato, porque lle custaron a vida a unha muller, unha muller que, tal vez, se vós, sinxelamente tivésedes levantado un teléfono a tempo, seguiría viva?
Sodes quen de mirarvos ao espello, de durmir tranquilos cada noite, de seguir coa vosa vida, coma se nada tivera pasado?
Sodes quen de pararvos a pensar que, quen sabe, tal vez un día a que berre, a que estean a golpear, pode ser a vosa filla, a vosa nai, a vosa amiga, vós mesmas, e que, quen está a o outro lado da parede, non vai facer absolutamente nada para evitar que unha vida se perda?.
Unha cousa está clara, e aproveitamos para lanzar tamén unha mensaxe as Institucións, aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, a xustiza, aos que pregamos que tomen, dunha vez por todas, as medidas pertinentes.
Non abonda con castigar o executor material do feminicidio, senón tamén a quen é coñecedor de que unha muller está a ser maltratada e non da a voz de alarma, e é evidente que, en tanto non lles traía consecuencias, seguirán calando.
De nada serven todos os recursos, orzamentos, campañas, que se cheguen a empregar nesa tamén, coma o asasino, presunta, mentres non se demostre o contrario con resultados, e, para eso aínda falta moito, de feito imos cara atrás, loita contra a violencia de xénero, se quen omite socorrer a quen está a ser agredido, non é castigado como merece e como corresponde.
Non se pode tolerar que ninguén fique impasible mentres un ser humano está a ser destrozado ao seu carón e teña, aínda por riba, a desvergoña e o sangue frío de relatalo diante dos micrófonos, das cámaras, sen o menor escrúpulo,e, por suposto, sen consecuencias.
Xunto con esas declaracións que reproducín ao comezo deste artigo, aparecían tamén as da Policía, co consabido "non existían denuncias previas", e engadían a notable invisibilidade do maltrato en mulleres de avanzada idade, e de novo cito literalmente, "aunque si existan razones de sobra para denunciar".
Razóns de sobra existen tamén para que aqueles que, dun ou doutro, xeito foron testemuñas desas agresións e non prestaron o seu auxilio nin pediron axuda de ningunha clase paguen por isto. Que non lles saia gratis.
Tanto ten que nos dean números de teléfono aos que chamar, direccións de correos, whatsapps... o mesmo ten, se, quen pode, e case nunca é a propia vítima, por razóns obvias, non fai uso deles.
É absolutamente desoladora a crueldade da nosa sociedade, mentres se segue a truncar unha vida tras outra.
Hai que ter unha pedra, en lugar dun corazón, para, podendo, non tentar axudar a quen está sendo tan cruelmente maltratada, e, por iso, unha vez máis vos preguntamos: que se sente sendo cómplices?
Asociación Si, hai saída