Federación provincial de Confrarías de Pontevedra
As confrarías de pescadores de Pontevedra acusan de inmobilismo á Dirección Xeral de Pesca da Consellería do Mar
Cada vez son maiores as queixas que xorden nas reunións da Federación Provincial de Confrarías ante a pasividade e o inmobilismo dun dos departamentos da Consellería do Mar para darlle solución aos problemas do sector pesqueiro e marisqueiro galegos. Ditas acusacións ou críticas, subscritas pola maioría dos patróns e patroas maiores, apuntan á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, da que é titular Mercedes Rodríguez Moreda.
<< Percíbese unha sensación de despreocupación e obsérvase unha continua deixadez na resolución de cuestións de suma importancia para o sector pesqueiro e as que levan moito tempo sen obter solución, tales como, a modificación urxente e necesaria do Decreto de Artes e aparellos (demandada dende a lexislatura anterior), a regulación dos excedentes resultantes do marisqueo (oportunidade histórica á que se lle puxeron trabas incomprensibles dende a DX de Pesca), regulamentar o aviveiramento e/ou almacenamento de especies, solventar os problemas de balizamento de artes e aparellos, etc.>>.
Non se están a tomar decisións valentes para mellorar e facilitar o desenvolvemento da actividade pesqueira e así facela máis atrainte para a xente moza. Por iso é indispensable introducir cambios na normativa vixente e adaptala no posible á realidade existente no mar. Continuar nesta situación de inoperancia e "sempre dando largas" para non facerlle fronte aos verdadeiros problemas do sector, mesmo está a levar aparelladas actuacións inxustas do Servizo de Gardacostas, coa conseguinte apertura de expedientes sancionadores para os profesionais do mar. "Non é de recibo que quen ten as competencias e a obriga de dar solucións, faiga caso omiso continuamente ás demandas das organizacións representativas do sector".
Trátase pois dunha clara falta de iniciativa por parte desta Dirección Xeral, a que podería redundar a curto prazo nunha decepcionante xestión da Consellería do Mar.
En consecuencia, e dunha vez por todas "hai que poñerse a traballar" para garantir o futuro da pesca artesanal e salvagardar a calidade de vida dos nosos pescadores.
No que lle toca, a Federación de Confrarías de Pontevedra está disposta a traballar arreo a través da coxestión coa Consellería do Mar, cun obxectivo prioritario que pasa polo perfeccionamento da normativa actual en materia marítimo-pesqueira, de todo necesario para asegurar o benestar dos/as profesionais do mar, avanzar na sustentabilidade dos recursos mariños e consolidar a viabilidade das confrarías de pescadores e as súas federacións como interlocutoras válidas na defensa dos intereses dos sectores produtivos da pesca artesanal, do marisqueo e parte da acuicultura.
José Manuel Rosas.
Presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra