Marta Rodríguez Engroba
Valorar opcións non é prohibir nin impoñer
Case con toda probabilidade, o vindeiro Martes será aprobada no Consello de Ministros a nova lei por mor da cal se permitirá abortar as menores de 16 e 17 anos sen o permiso paterno ou titores legais, e teño que confesar que hai un matiz que me preocupa, e que, sorprendentemente, nunha conversa con alumnas dun centro de ensino, descubrín que tamén a moitas delas se lles pasa pola cabeza, e non o teñen de todo claro.
Vaia por diante, antes de continuar, que se hai alguén que defende o dereito de toda muller a elixir libremente interromper ou non o seu embarazo son eu, sen ningunha dúbida, e calquera que me coñeza minimamente pode dar fe, así como o de facelo con todas as garantías, e que, como xa dixen, e destaquei, vou falar de algo que me preocupa, non que condene ou rexeite, por suposto, pero que si creo que se está esquecendo e se debería ter en consideración.
Con 16 e17 anos, por moito que a lei as autorice a facer certas cousas, non deixan de ser adolescentes, sen formar totalmente, como é lóxico, e todos sabemos que a adolescencia é un período complicado, de sensacións moitas veces encontradas, de vivencias novas, de vaivéns emocionais, e de dúbidas, de moitas dúbidas, que case sempre cren que non son entendidas, ou, polo menos, non por aqueles alleos ao seu círculo de idade, entre os que se encontran, agás rarísimas excepcións, e de xeito especial, os pais, aos que consideran nas Antípodas, e uns estraños aos que, por máis que tenten explicarlles o que senten, non os van entender, e isto non mudou co paso do tempo.
Pola contra, é algo que perdura de xeración en xeración, por moito que aos pais e nais nos amole recoñecelo, esquecendo, ou querendo esquecer que nós sentimos, no seu momento, exactamente o mesmo.
Naturalmente, isto é algo que se fai extensivo, e de xeito especial, a todo o que atinxe as relacións sexuais, e máis se se trata de rapazas, xa que no caso dos varóns mesmo se celebran, mentres que no delas, non soamente non están a cotío ben vistas, se non que moitos proxenitores aínda prefiren pechar os ollos a realidade e finxir ignorar que existen, que están aí, e que as súas fillas as manteñen.
Non é de estrañar, porén, que, aínda en moitos fogares o sexo siga a ser un tema tabú, do que non se fala, porque do que non se fala, xa se sabe, non existe, polo cal, agás a información que se lles poida dar nos centros de ensino, a inmensa maioría de rapaces e rapazas son "autodidactas", e van obtendo esa información uns dos outros, entre eles, non sendo esta sempre, como é lóxico, a máis atinada.
Por iso, cando unha adolescente descubre que está embarazada, ademais do natural desconcerto, de non saber que facer, nin a quen acudir, máis alá das súas amigas, que na maioría dos casos terán moi boa intención, pero non serán as mellores conselleiras, por razóns obvias, o máis probable será que o mundo se lle veña enriba, que non saiba onde nin a quen acudir, e que o seu desexo sexa que o problema desapareza coma por arte de maxia, canto antes, conte ou non co apoio da parella, se a ten, e que, de ser así, probablemente estará tan perdido coma ela.
O aborto semella ser a única opción, porque soamente de pensar en chegar as súas casas e contarlles aos seus pais que están embarazadas senten auténtico pavor.
Tal vez é por isto que tendemos a crer que todas as adolescentes que se atopan nesta situación desexan abortar, e así é en moitos casos, tal vez na maioría, non digo que non, pero non en todos, e a conversa con estas rapazas as que aludía ao comezo así mo confirmou, pero, dando por sentada unha reacción negativa dos seus pais, optan por calar, e tomar a que cren que é a única decisión posible: abortar.
Que sucede cando a rapaza desexaría seguir adiante co embarazo, algo inviable sen o apoio familiar, presupoñendo que non o vai ter, que vai ser rexeitada, se pecha unha porta que, tal vez de tentalo, se abriría sen maior problema?
Non se está negando un dereito tan lexítimo como o de interromper o seu embarazo? Non merece, acaso, unha decisión tanto respecto coma a outra?
Evidentemente, a reacción deses pais ou titores vai ser crucial, e, en ningún momento deberían confundir aconsellar, apoiar, con impoñer.
Do que se trata, penso, é de valorar opcións, e, tome a decisión que tome a rapaza, apoiala, sen recriminacións, sen imposicións, sen chantaxes, e, por suposto, sen prohibicións, sen que nada nin ninguén a condicione, facéndolle saber que están aí, pero respectando a súa liberdade para tomar a que tal vez sexa a decisión máis importante da súa vida, e que a marcará xa para sempre.
Se, finalmente, despois de considerar todas as posibilidades, opta por abortar, será o momento de que teña todas as facilidades para facelo, sen trabas de ningunha clase e con todas as garantías.
Creo, sinceramente, que é o xusto.
Hoxe mesmo falaba co meu fillo deste tema, e comentáballe que, como nai que son, de ter unha filla, ou de que el e unha parella súa se tivesen atopado no seu momento nunha situación así, dando por sentada unha mala reacción miña ou un intento de presionalos, nin sequera mo contasen, doeríame na alma, e que, por suposto, sempre, e creo que el me coñece ben e sabe que non minto, contarían co meu apoio, decidiran o que decidiran, pero sopesando todas as opcións, sen presións, sen imposicións.
E, precisamente por isto, non decidamos por elas.
Reitero, sei que a maioría optarían polo aborto, e paréceme ben, pero tamén sei que outras non, e sería moi lamentable que a falta de diálogo as levara a tomar unha decisión que non desexan.
E, por suposto, creo se hai algo que todos debemos ter moi claro é que valorar opcións non ten nada que ver con prohibir, nin apoiar con impoñer.
Asociación Si, hai saída