Tribuna Viva
PONTESÁN A feira das oportunidades perdidas
Estívose a celebrar, na cidade de Teucro, unha III Feira da Saúde e do Benestar de Pontevedra durante esta fin de semana. Todo parecía indicar que o tema central desta edición ía ser A Saúde Mental (2022, do 20 ao 22 de maio), pero non foi así. Non puiden, como cidadá afectada, saber o motivo dese cambio.
A primeira proba desta ausencia de saúde mental chegoume a través dos pequenos e deslucidos carteis que había nos comercios, como querendo ocultar algo. A segunda, chegou da man dos folletos da programacións que repartiron en man o propio venres 20 de maio. E, segundo me dixeron certas asociacións involucradas na Feira, o programa chegoulles ás súas mans, este luns 15 de maio.
Se se observa ben este programa podemos constatar que só hai tres eventos (unha charla e dúas conferencias) relacionados coa saúde mental. As demais actividades forman parte da promoción do benestar e da prevención das enfermidades. Calquera persoa pode verse afectada por este gran cambio, pois era unha gran ocasión para tratar a dureza das depresións (nomeadas no Facebook como propósito para esta feira) e tamén afrontar o grande problema social dos suicidios cunha participación cidadá máis que interesada.
Mais non puido ser, quen sabe por que. Se cadra foi por falta de recursos, como a mesma saúde mental dentro do sistema sanitario. Ao mellor debeuse a medos fundados polos tabús e prexuízos centenarios. Por que ía Pontevedra e o seu goberno, con Tino Fernández como principal responsable da actividade, a atreverse a poñer na mira de toda a súa cidadanía un problema frecuente que sempre se agochou?
Por que somos todxs refugallo que non serve de nada e ninguén nos quere ver? Por que ninguén nos quere entender?
***Patri Sorei, socia do GAM de Saúde Mental Rías, Pontevedra.