Pedro J. Peón Estévez
Vostede mesmo
"Sírvase vostede mesmo, léveo vostede mesmo, fágao vostede mesmo pero, iso si, páguenos a nós, contante e soante; en metálico, con tarxeta, co móbil, como queira pero pague; venda un ril, faga un pacto co dianho ou pida un crédito (que vén a selo mesmo) pero pague sen demora e váiase axinha sen molestar que hai máis xente... que canto dura a garantía? ata que saia por esa porta...ai ! e non se admiten devolucións. E que saiba que non entregamos, nin montamos, nin mantemos, nin nos responsabilizamos de nada" Decatouse vostede que, mentres merca ou contrata ou solicita, trátano como a un deus e que despois de pagar pasa vostede a ser o último mono da manada ? Non se alporice; son cousas do capital. E cando xurda o primeiro problema, ponha os lentes e lea a letra pequena. Verá que de sorpresas.
A piques estiven de titular isto "Crónica dun despistado integral". Quen máis, quen menos ten un "cuñao" listísimo que lhe chame inadaptado, demodé, antigo e, por suposto, analfabeto informático. Está claro que o cunhadísimo esconde o seu analfabetismo clásico, arcaico, é dicir: o de toda a vida. Ben; vexamos pois o que se atopa un desfasado coma min por este mundo tan "modelno" que lhe toca sufrir.
Na caixa do súper dime @ caixeira que pase pola caixa automática pero, como queira que me ve maior e con aceno desorientado, ela dime moi amable que o funcionamento e moi fácil, que todo o malo é a primeira vez, que despois vai coma unha seda...Eu dígolhe que prefiro que me cobre ela e, pondo cara de ferreiro, dime: "Ai, é vostede deses que queren unha criada que os sirva..." Non -corteilhe- O que eu quero é que a súa empresa xere emprego contratando caixeir@s para que vostede, e outros coma vostede, tenhan trabalho toda a vida. Outro tanto pasa neses restaurantes 'self service' onde, despois de servirse un mesmo, hai carteis que avisan de que recolhas a bandexa, cousa que eu non fago. Unha vez chamáronme a atención e eu contestei: "Dígalhe ó seu xefe que contrate persoal para recolher porque nin a vostede lhe paga máis nin a min me cobra menos por recolher". Porque, iso si, ti fas un trabalho, pero non por iso che van a facer un desconto.
E o mesmo nas gasolineiras self-service, e no "pago fácil". ( Se vexo unha persoa humana nunha cabina da peaxe, paso por ela, pago en cartos e doulhe as grazas por estar ahí ) E xa non nos metamos no teléfono de cita previa do segas ou non digamos o terrorífico caixeiro dos bancos, que iso merece capítulo aparte. Caixeiros, os poucos que hai e onde os hai, pois se nas cidades é un caos, nas aldeas é unha traxedia. Despois falan da Galiza vaciada... A Galiza que vén, a dos recortes peperís, terá un litoral atixolado, asfaltado e un interior despovoado para ledicia de enerxéticas, mineiras, celulósicas e cinexéticas ( mentres non rematen con todo bicho vivinte, que xa pouco falta ) Pero vaiamos ó que vamos.
Estamos no tempo das citas previas telefónicas, das colas interminábeis, do "vostede mesmo". Non hai lei que lhe obrigue a domiciliar pagos ou cobros pero os mesmos pagadores e cobradores (empezando polo propio Estado) obrígano a vostede a entrar polo aro. Non está vostede obrigado a mercar móbil ou ordeador ( baratos non son ) pero non lhe deixan outra vía, dando por sentado que vostede dispón deses cachifalhos e que sabe usalos. Na minha familia hai profesores e eu vin como os ían forzando, pouco a pouco, a meterse na informática e ponher o seu dinheiro, trabalho e tempo libre ó dispor do sistema tódolos días do ano. Non descubro nada que non saiba todo o mundo; os profesionais do ensino e da sanidade son do melhorcinho que hai pero tamén é verdade que os xestores son nefastos. A maioría dos problemas espanhois son de xestión e, mentras ninguén aplique a lei, seguirán a selo.
O ordenador, o summum, a panacea, a pedra filosofall, o santo grial, a repanocha. Cantos remedios trouxo o ordenador. Lembro que fun autónomo unha tempada (é dicir: autoexplotado). Cando me mandaban algún material errado e reclamaba que me volvesen os cartos, dicíame o comercial: " Non se pode tío: é "que xa está no ordenador...." Nunha ocasión, un garda municipal estábame sancionando cando me acheguei a el e lhe dixen: "Non me multe xefe, que ahí pon quince minutos e eu só tardei tres" e contestoume el, contrariado: "Xa, home xa. Eu sacar sacábacha pero é que "xa está no ordenador..."Ai ordenador ordenador; canto se leva mangado no teu nome ! E cando se "colga" o cachifalho e ponhen o cartel de "vuelva usted manhana" que ? E que non lhe entre un virus. Daquela non hai corentena que lhe vaia. O máis bonito é que as "súas senhorías" deputados autoagasálhanse cun ordenador polo morro. Calquera cousa para que non se aborrezan no hemiciclo. Meus pobres !
Pois máis nada, marcho porque tenho que marchar. Vou a un conhecido hipermercado a mercar un moble. Chegarei, mirarei o que quero, colherei o kit (que palabrinha!) no armacén e montareino na casa con só unha chave Allen. O chisme sáeme baratinho ( Claro que non conto o colhelo no armacén, os portes e o trabalho e tempo da montaxe ) Pero non está mal. Se non fose por iso da "obsolescencia programada" que me obrigará a mercar outro cangalho non tardando moito. De calquera xeito, sempre poderei fachendear diante o cunhado dicíndolhe: FÍXENO EU MESMO !