Manuel Pérez Lourido
Uy, que carallo
Todos escoitamos isto algunha vez nas nosas vidas. Coa súa morna ameaza, co seu aceno impaciente. "Uy, que carallo" é unha expresión que ten certas semellanzas cunha bomba de racimo, semellanzas que podería explicar perfectamente un experto en bombas de racimo, cousa que eu non son. "Uy, que carallo" é a consecuencia lóxica dunha conversa que está chegando moi lonxe, dunhas preguntas que non tiñan que ter sido pousadas no ar dunha conversa, dunhas verbas que non deberon formar parte de preguntas que tiñan que morrer antes de nacer. Non sei se me estou a explicar. Uy, que carallo.
Os galegos e moito galegos somos quen de sortear situacións "uy, que carallo". Sabemos poñer cara de póker, acender un misto (isto sabe calquera, vale) e poñer o escarvadentes no lugar axeitado para apuntar ao futuro. Todo iso é o que convén facer nunha situación "uy, que carallo", en conxunto ou por separado, para amosar naturalidade… aínda que a procesión vaia por dentro. Sempre vai por dentro, a procesión. Non hai como simular espontaneidade para pareceres espontáneo. Argumentos coma este fan de min un rara avis das letras, seino, e gábome dabondo."Uy, que carallo" estará alguén pensando. Fai ben. Hai quen ten unha extraordinaria facilidade para meterse en situacións "uy, que carallo" e hai quen non lembra nunca onde puxo as chaves da casa. Hai de todo na viña do Señor, e na do demo xa nin te conto. Ou me para alguén ou isto váiseme.
Despois de moito considerar o asunto, darlle voltas e reviravoltas, consultar enciclopedias online, gurús, xuízas, costureiras, vicetiples, masoquistas, sexadores de polos e mestres de primaria, cheguei á conclusión de que a frase máis acaída en castelán para traducir a expresión coa que estamos a desbarrar é…. (redobre de tambor): "¡pero vamos a ver!". Dubidei, e dubido, se poñer unha coma despois do "pero" ou non. Agora xa vai sen ella, é máis unha cuestión fonética que semántica. As cousas teñen que soar ben, sobre todo se esas cousas son palabras, sintagmas, oracións simples ou compostas, cancións, sinfonías ou aturuxos.