Marta Rodríguez Engroba
O raposo coidando das ovellas
Presidenta da asociación Infancia Libre que, supostamente, loita por defender os dereitos integrais dos menores, entre os cales se atopa o seu propio fillo, ao que non dubidou en manter secuestrado durante dous anos, illado, sen escolarizar, sen asistencia médica, sen poder socializar con outros nenos nin con ninguén, para mantelo afastado do seu pai, ao que chegou a acusar, ademais de por malos tratos, ata en seis ocasións de abusos sexuais, no atopándose sinais disto e sendo absolto en todas elas, por non tratarse, en ningunha das ocasións, de feitos probados, incumprindo, obviamente, o réxime de visitas imposto polo xuíz, é, grosso modo, o retrato que amosa o perfil de María Sevilla.
Por todos estes delitos, foi condenada a 2 anos e medio de prisión por subtracción de menores e 4 de perda da patria potestade, séndolle concedido esta mesma semana un indulto parcial, non pola inexistencia dos delitos, ollo!, se non, tal como explicou a ministra de xustiza, Pilar Llop, porque "non tiña antecedentes penais" "e existían informes favorables", aínda manifestando que non se arrepinte en absoluto.
Pois ben, tal como xa nos ten acostumados ante calquera caso mediático que se prece, e facendo gala dese perfecto coñecemento de todas e cada unha das circunstancias da vida en común, ou das relacións de parella, familiares, etc, etc, tan pormenorizado, como xa amosou no seu día nos de Rocío Carrasco ou o de Juana Rivas, por poñer tan so dous exemplos, ata o punto que eu chego a preguntarme se é que conviviu con todos eles, se goza de dotes de clarividencia ou algo semellante, porque, do contrario, non se explican nin teñen xustificación algunha os seus posicionamentos tan radicais e tan fora de lugar, porque, opinar é unha cousa e ditar sentencia outra moi distinta, e para isto xa están os xuíces, de inmediato saíu a palestra a ministra de Igualdade, ignorando olimpicamente todos os delitos cometidos pola Sra. Sevilla, e cualificándoa, por cometelos, de "nai protectora", a vez que se gababa deste indulto parcial, que é, segundo ela, "patrimonio do movemento feminista", declarando que o Estado está en débeda coas mulleres que exercen este tipo de condutas, as que ten que ser, di, "capaz de protexer".
Dito doutro xeito, segundo a ministra de Igualdade, subtraer un menor, mantelo secuestrado durante dous anos nunhas condicións algo máis que cuestionables, sen escolarizar, e privalo, non soamente do contacto co seu pai, se non coa sociedade en xeral, é, segundo a Sra. Montero, unha conduta exemplar, a imitar, e que, desde o propio goberno, cumpre alentar, saltándose a lei á toureira, non dubidando en acusar publicamente de maltratador ao pai do menor, malia, que, repito, nunca foi condenado, sen que lle supoña consecuencia de ningunha clase.
Por non mencionar o feito de que, aínda no caso de que o home fose culpable, secuestrar o neno non sería, nin de lonxe, o camiño a seguir e que o que ela está a facer, apoiando este tipo de condutas, é inducir ao delito, causando, ademais, un gravísimo dano nos menores.
Pero, por se isto non abondase, a cousa non remata aí, e resulta que a asociación Infancia Libre, presidida por esa "nai protectora" a que tanto favor lle debemos, seica, asesora ao partido que representa a Sra. Montero en temas relacionados cos menores, algo que teño que recoñecer que eu descoñecía e que é para dar auténticos arrepíos... Alguén da máis?
Para que seguir? A conclusión é sinxela, e nestas mans, nas dun ministerio dirixido por alguén que fai do despropósito, da total carencia do máis elemental sentido común, da prudencia máis básica, do desprezo mais absoluto da xustiza, a súa folla de ruta, está, presuntamente, a chave para a loita contra a violencia de xénero.
Unha "loita" rebaixada a categoría de "reality", de espectáculo, practicamente desde o primeiro momento no que esta señora tomou posesión do seu cargo, que fai gala, ademais, dunha desmesurada ansia de poder, dunha mestura entre fanatismo e sectarismo, que lapida aos homes en xeral, poñendo en grave risco a vida de moitas mulleres e menores vítimas de violencia de xénero que para nada se senten representadas por ela, nin polos seus desatinos, ante os cales optan por desistir de tentar escapar do seu inferno, porque o futuro que albiscan non pode ser mais desalentador.
Unha "loita" liderada por unha muller que, claramente, posúe, e, o que é peor, transmite, un concepto do feminismo, que nada ten que ver co auténtico, a que xamais se lle escoita nin unha soa palabra acerca desas mulleres anónimas que, en moitos casos, malia ter unha orde de afastamento, son asasinadas, desas mulleres descoñecidas, as que, case semana tras semana, mentres tentan escapar do seu inferno, lles é salvaxemente truncada a vida.
Como moito, un chío "tipo", igual para todas elas, emitido polo seu ministerio, é toda a "empatía" que deixa entrever, que contrasta de xeito notable coas súas manifestacións, exposicións mediáticas e mesmo aparicións públicas cando a presunta vítima ou ben é coñecida ou o seu caso adquire sona.
Unha muller que, malia ser evidentes as eivas que existen na protección tanto das mulleres como dos menores vítimas da violencia machista, semella ficar indiferente a elas, máis pendente do seu propio lucimento, das súas aparicións públicas e nos medios, non sempre nos escenarios máis adoitados, e de seguir trepando, demostrando un máis que notable descoñecemento da violencia de xénero, da realidade das súas vítimas, decantándose abertamente polo populismo que lle garante ese poder que tanto desexa e que agora que o acadou non está disposta a deixalo escapar, en detrimento das necesidades reais das vítimas e do traballo real que aínda queda por facer e que é moito, moitísimo, como amosan esas listas de mulleres, de menores asasinados, que non deixa de medrar, ademais, por suposto, das que están a vivir o seu particular inferno ás agochadas, en silencio, detrás de tantas portas pechadas.
Unha muller que lapida miles e miles de euros desde o seu ministerio en "prioridades" coma unha nova sede de luxo que suporá un desembolso mensual de nada máis nin nada menos que de 100.000€ ao mes, ademais dos máis de 45.000€ investidos en acondicionar os despachos desta, mentres centos e centos de vítimas teñen que resignarse a ficar co seu verdugo, xogándose a vida cada día, para que os seus fillos poidan ter un teito e un prato de comida, e que, polo visto, non son merecedora da categoría de "irmáns" que outorga as que lle proporcionan titulares.
É para dar medo, e cantos tentamos facer o que boamente podemos para tentar loitar contra esta letal lacra que é a violencia de xénero nos preguntamos ata cando se van seguir tolerando tantos despropósitos, ata cando o goberno vai seguir ollando a outro lado, finxindo que non pasa nada, que o dano tan grande que se está a facer desde o Ministerio de Igualdade da man desta muller e das súas acólitas, que, lonxe de traballar para que a lei, a xustiza melloren, e, porén, a protección as vítimas, mulleres e menores, tamén o fagan, non dubidan en elevar o delito a categoría de virtude, non existe.
Namentres, no que a violencia machista atinxe, estamos a ter ao raposo coidando das ovellas.
Sinxelamente terrible.
Asociación Si, hai saída