Marta Rodríguez Engroba
Son xuíces, non adivinos
Moito me temo, é máis, o teño claro, que, agás os seus seres queridos, practicamente ninguén.
Cando aínda non se cumpriu unha semana desde que o seu marido lle propinara tan salvaxe malleira que a piques estivo de custarlle a vida, unha vida pola que segue loitando no Chuac, e de que a súa traxedia servira, unha vez máis, como escusa para a foto de rigor e que máis dun político, entre outros, tivera, de novo, o seu momento de gloria, reclamando tras o solemne e "efectivo" minuto de silencio, ese que tanto lles afecta aos maltratadores, a vista está, cun discurso que xa nos sabemos de memoria, que sempre acaba por traducirse en termos económicos, finxindo, coma sempre fan, descoñecer a orixe desta letal lacra, ou, a lo menos, unha gran parte dela, porque, de certos estamentos mellor non falar, por moi de esquerdas que se sexa, e, demostrando o moitísimo que saben de violencia de xénero, e o ben que o aplican desde os seus despachos, que non se poden deixar baleiros,porque xa se sabe que hai moito espelido e espelida que, ao mínimo descoido, rapidamente se colan dentro e ocupan as súas cobizadas cadeiras, Alejandra xa é unha descoñecida, se acaso un número máis nunha estatística, ou nin eso, porque, afortunadamente, segue viva... de milagre, pero viva, e non, por suposto, grazas ao que se fixo para protexela, malia que, en torno a isto, e como era de agardar, xa se correu un tupido velo, silencio total.
É certo que se descoñecen moitos pormenores do caso, e, porén, hai que ser prudentes, pero si que hai un feito irrefutable, que bota por terra ese "non había denuncias previas" que fai a muller responsable da súa desgraza, e é que Alejandra si denunciara, hai un ano, por insultos e vexacións.
Alejandra fixo o que non cesan de recomendarnos nesas campañas nas que o Goberno inviste miles e miles de euros: Denunciou un maltrato psicolóxico que sempre, e repito, sempre é a antesala dun maltrato físico, se é que este non se produciu xa no momento da denuncia.
Malia isto, ninguén fixo nada.
Ningún seguimento, ningún control, porque, polo visto, quen recolleu esa denuncia e que, se supón, tería esa formación tan esmerada en violencia de xénero que tan ben nos venden cando nos falan dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, e, en particular, dos axentes encargados de asistir as vítimas, debeu de faltar a clase o día que se falou disto, do maltrato psicolóxico, ese maltrato que eles mesmos instan a denunciar ante os primeiros sinais da súa existencia, decidiu que eso non era violencia, que o máis habitual do mundo é que, cando unha parella discute, e se lanza algún que outro improperio, algo que é bastante habitual, a muller acuda a denunciar ao seu home, porque é un transo tan agradable, que todas devecemos por pasar por el, non si?
Alejandra, ademais, non amosaba sinais de golpes, nin feridas... Onde está o maltrato?
Para que tomarse a molestia de indagar un chisco máis, de ter unha conversa con ela procurando que se sentira confiada, arroupada, para tentar pescudar o que estaba a suceder, o motivo que realmente a fixo acudir a esa comisaría?
Claro, eso pode levar horas, moitas, e tamén esforzo, ademais de precisar sensibilidade para saber ler nos xestos, nas olladas, na linguaxe corporal, o medo, a dor, a petición calada de auxilio, mesmo a negación deses malos tratos coas palabras, pero non co ton, cos ollos, aos que tal vez non asomen as bágoas, pero si o terror, a tristura, a impotencia...
Así que, a casa, e a outra cousa, cun home denunciado e impune, unha auténtica bomba de reloxería, unha casa da que estaba tentando fuxir cando a sua parella, ese malnacido que "soamente" a insultou e vexou, pero que non maltratou, seica, case conseguiu matala.
Tampouco, que se saiba, posteriormente se preocuparon de tentar enterarse de como estaba, e se non é así que me desculpen, pero moito me temo que non estou errada, porque, de non selo, xa se terían apresurado a facelo público, que se soubera, pero non, polo cal, a bos entendedores...
Se se apresuraron a aclarar, sen embargo, que a parella continuaba convivindo pero, por suposto, ninguén se parou a pensar que isto non é raro nas situacións de violencia de xénero, e que os motivos poden ser moitos: dependencia emocional ou económica do agresor, as falsas promesas del de que vai cambiar, a falta de apoio por parte da contorna da vítima, a vergoña polo qué dirán nunha sociedade que segue, con demasiada frecuencia, a condenar a vítima.... moitos, pero é mais doado culpala por seguir aí e trasladarlle a ela, a vítima, a responsabilidade da súa desgracia.
O caso de Alejandra está agora a ser investigado pola policía xudicial de Carballo, onde reside a parella e onde sucederon os feitos, e polo resto das partes implicadas neste procedemento, tentando encaixar o delito cometido por ese malnacido, e a condena que, porén, se lle vai aplicar dependendo de como este se tipifique o que nos leva a outra cuestión.
É posible que, cando isto se dilucide, haberá, coma en tantos outros casos, quen berre, tal vez mesmo nas portas do Xulgado, maldicindo a xustiza e ao xuíz, porque eso é doado, condenar así, en abstracto, ao xuíz e a xustiza, pero ninguén, polo visto, se decatou do mais importante, malia ser algo obvio.
Os xuíces teñen que aplicar a lei baseándose en feitos probados, non en conxecturas, nin en impresións, nin en presentimentos, moitas veces en contra dos seus propios sentimentos, e algunhas co corazón encollido, porque tamén son seres humanos.
E, para isto, é fundamental o que sucede no primeiro chanzo deste proceso, e dicir, o que recolle a denuncia, o atestado policial, a valoración de risco, repito, o primeiro e FUNDAMENTAL chanzo.
Se esta valoración é de risco baixo, ou inexistente, é obvio que o xuíz non ten argumentos legais para ditar unhas medidas de protección, porque é xuíz, non adivino ou vidente.
Se desde a comisaría, o cuartel, se lle traslada que non hai risco, algo que moitas veces avala a propia vítima, esgotada despois de horas de declaración, aterrorizada, e desexando que ese pesadelo remate canto antes,e sen outras testemuñas, que, por moito que existan, case sempre optan por gardar un silencio cómplice e finxir que nada saben, a que se agarra o xuíz?
Porque a culpabilidade hai que demostrala, e, se non hai probas, non hai delito, agás nalgún plató de Tv. claro, que aí tanto ten.
Pero disto ninguén fala, non interesa. Ninguén ten o valor de chamarlle as cousas polo seu nome, malia ser tráxicamente evidente que algo está a fallar estrepitosamente, algo que sabemos o que é, pero que é innombrable.
Nin os políticos, nin a sociedade, nin ese "feminismo" que nada ten que ver co de verdade que tanto berra contra a xustiza e a reclama, pero que non dubidan en ignorala cando lles interesa....e tampouco ninguén, polo visto, se decata de que de moi pouco ou nada serve que a estas institucións das que non se fala se vaia incorporando sangue nova, tal vez cunha sensibilidade e uns principios totalmente diferentes, porque, lles guste ou non, van ter que pregarse a unhas normas trasnoitadas, e claramente machistas.
É moito mais doado seguir culpando aos xuíces, entre os que, como en todos-los eidos da vida, hai de todo, pero que non son, nin de lonxe, os maiores culpables desta masacre contra as mulleres que estamos a sufrir e isto é algo que sabemos ben os que vivimos o día a día, a realidade da violencia machista.
A orixe está máis que localizada, e todos o sabemos, pero non hai cegos mais cegos que os que non queren ver.
Namentres, as vidas de moitas mulleres seguen, e, desgraciadamente, seguirán, a poñerse, cada día, aos pés dos cabalos.
Asociación Si, hai saída.