Marta Rodríguez Engroba
Unha vez máis, a dor dun neno vendida ao mellor ofertante
Malia que é unha expresión moi manida, é moi certa esa que di que os nenos non veñen ao mundo cun manual de instrucións para a súa crianza ou a súa educación, e, porén, cometer erros, por moi boa vontade que se teña é inevitable.
En circunstancias normais, isto non vai causar danos irreparables, porque o que si se da por sentado é que queremos o mellor para eles, e, afortunadamente, os erros case sempre se ven superados polo amor que se lles brinda e que eles captan perfectamente, convertendo eses erros case en anécdotas que acaban por pasar ao esquecemento.
Non obstante, hai circunstancias que requiren dun cuidado especial, e se hai algunha que así o deixa patente é cando se produce unha ruptura entre ambos proxenitores, máxime se esta non se produce nunhas circunstancias non vou dicir cordiais, porque iso é francamente complicado, agás rarísimas excepcións, pero si civilizadas e tentando que sexan o menos traumáticas posibles, por suposto para a parella, pero, por riba de todo, para os menores.
É inevitable que a separación das dúas persoas as que mais queren xeren inseguridades e temores neles, pero acaban por ser superadas se, día a día, se lles demostra que seguen a contar con ambos, que os queren, e que nunca deixarán de ser a súa prioridade, facendo así que eles continúen sentíndose queridos e protexidos.
Por desgraza, isto non sempre é así, e son moitas as separacións nas que, lonxe de tentar que todo transcorra do xeito mais amigable posible, acaban por adquirir un cariz problemático, ou, segundo os casos, algúns francamente rocambolescos, nas que os proxenitores, demasiado embebidos en arroxarse lixo mutuamente, acaban non soamente por relegar a un plano secundario ou esquecer o sufrimento dos seus fillos, se non que non dubidan en utilizalos coma moeda de cambio para tentar danarse mutuamente, ou mesmo para tentar sacar rendemento da situación, sen ter en conta o enorme sufrimento, a dor tan grande que lles están a causar, e as pegadas que isto lles vai deixar para sempre.
E, se hai algún caso que deixa patente o que acabo de expoñer é o que, por desgraza, saltou de novo á actualidade nas últimas semanas, protagonizado por María Sevilla, ex presidenta da asociación Infancia Libre, indultada parcialmente despois de ter ao seu fillo secuestrado durante máis dun ano, impedíndolle o contacto non soamente co seu pai, co que compartía a custodia, ao que acusou de malos tratos e abusos sexuais, algo que, obviamente, descoñezo se é certo, pero que non puido ser probado, non sendo, en consecuencia, condenado, un indulto apoiado polo goberno, e ao que a Ministra de Igualdade, engadindo un despropósito máis e un exemplo de irresponsabilidade a longa lista dos que xa acumula, cualificou de vitoria das feministas, e a propia María de "nai protectora" a que, segundo ela, debemos estar agradecidas, instando ela, membro do goberno, claramente, a moitas mulleres nesa situación, a saltarse a toureira esa xustiza pola que tanto clamamos, e pretendendo ignorar que esta non é, nin de lonxe, a maneira de loitar, nin de avanzar.
Non é difícil imaxinar o calvario que ese neno tivo que pasar, illado de todo o mundo, sen escolarizar, sen relacionarse con ninguén... e, evidentemente, calquera cun mínimo de humanidade, desexaría proporcionarlle a paz, a protección que ata agora non tivo, e, por suposto, unha vida normal, a que lle corresponde a un rapaz da súa idade, máxime se é sangue do teu sangue.
Pero non.
Aínda quedaba por aparecer outra "estrela convidada" que non estaba disposto a perder a súa parte da torta, e que non tardou en asomar a patiña.
Non se fixo agardar, e a pasada semana fixo a súa aparición estelar.
Estou a referirme ao pai do neno, Rafael Marcos, que anunciaba a súa intención de demandar a ministra de Igualdade, a secretaria de estado de igualdade, e a unha xornalista que non dubidaron en acusalo de maltratador e abusador as dúas primeiras, e de pederasta a terceira.
Naturalmente, está no seu dereito, e, con independencia de que estas acusacións sexan ou non certas, algo que eu, repito, descoñezo, mesmo me parece ben, xa que non se pode ignorar a lei, a xustiza, do xeito que estas tres señoras o fan, e lanzar acusacións a torto e a dereito, acusando publicamente a alguén a quen a xustiza non condenou, semellando que están por riba do ben e do mal e que as leis non van con elas.
Pero, polo visto, nos tempos que corren, pedir xustiza é, para algúns, sinónimo de show e de negocio, e, nunha clara demostración, ademais, de que, no que atinxe a este señor e a súa ex parella, tanto monta, monta tanto, e ese suposto amor ao seu fillo é, a lo menos aparentemente, como mínimo dubidoso, xa que, de ser así, entendo que a prioridade sería procurarlle, despois de todo o que lle tocou sufrir, a maior tranquilidade e estabilidade posibles na súa vida, Rafael Marcos non dubidou en acudir aos medios para informar das súas intencións e, arroupado por unha asociación supostamente sen ánimo de lucro, convocar a poboación a unha manifestación diante do Ministerio de Igualdade, co fin de recadar fondos para levar adiante as anunciadas demandas.
Polo que se ve, este señor, e tamén a asociación "sen ánimo de lucro" que o apoia, descoñecen que, para el, como para todo cidadán, se non dispón de recursos, existe a xustiza gratuíta, e que se non lla conceden é porque conta cos recursos suficientes como para costeala de xeito privado e contratar a quen lle pareza oportuno, pero, por suposto, esta xustiza, a gratuíta, non vai nun "pack" co espectáculo, nin enche petos, nin tampouco procura aparicións nos medios de comunicación.
Cen mil euros é a nada desprezable cantidade que este "abnegado pai" e a "altruísta" asociación a que pertence, e perdoádeme a ironía, pero é que me ferve o sangue, conseguiron recadar.
Agora, o seu equipo xurídico, porque, ollo!, os personaxes desta catadura non contratan a un avogado, coma o común dos mortais, non, senón a equipos enteiros van reclamar, nun acto de conciliación, ademais dunha rectificación, 85.000€ a Irene Montero, ministra de Igualdade.
A Ángela Rodríguez, Secretaria de Estado de Igualdade, por acusalo de maltratador e abusador, unha rectificación e 65.000€.
A terceira persoa chamada ao acto de conciliación, a xornalista Ana Pardo de Vera, é, no seu caso, previa a interposición dunha querella por un posible delito de calumnias despois de que afirmase, nun programa de televisión, que Rafael Marcos é un pederasta.
Creo que, ante isto, pouco se pode engadir.
Pola miña banda, soamente dúas cousas:
Como nai, se sobre min se vertesen tales acusacións sen ser certas, esixiría, por suposto, unha rectificación e que as tres implicadas sexan castigadas pola lei como merecen pero a paz, a felicidade do meu fillo, serían o primeiro, e eso non hai diñeiro que o pague, non ten prezo, e, porén, nada aceptaría.
Como membro dunha asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero, realmente sen ánimo de lucro, e como voceira da mesma, non podo por menos que lamentar que o "pseudoaltruísmo" de certos colectivos semente as dúbidas sobre cantos soamente queremos traballar en paz e axudar en todo canto sexa posible e mesmo nos salpique suscitando dúbidas sobre as nosas auténticas intencións.
Sinxelamente vergoñento,e, por suposto, imperdoable, e isto é o peor de todo, que se estea a tentar vender, unha vez máis, a dor dun neno ao mellor ofertante.
Asociación Si, hai saída