Manuel Pérez Lourido
Punto final
Teño que deixalo, teño que deixar de facer isto. Tiña razón miña nai. Tiña razón meu pai. Tiña razón a miña moza. Todos tiñan razón, carallo, todos. Isto é de tolos. E agora que lle pasa a este. Miñaxoia, que es un miñaxoia, non me mires así, que foi culpa túa. Por que serei tan testán? Por que? Outro ano mais metido nesta lameira. Fai falta ser pailaroco!.
Mira que xa... e agora ti, que becho te picou? Sácateme de diante! Non, non tes razón, paspán. A culpa foi túa... a culpa foi miña, sempre. Foi o afán de protagonismo, ou se cadra non. Se cadra un masoquismo conxénito. Por que o fixen? Por que? Tiven que estudar, aprender de memoria parágrafos e parágrafos, bastante mal redactados, por certo. E suar como un cabrón, baixar de peso. E tamén pensei que era bo para isto, que tería psicoloxía. Que merda de psicoloxía. Ti, para o carro, que pensas que estás a facer? Que merda de psicoloxía se aquí todo é primitivo, atávico, visceral. Que frío vai, mecaghona!
E agora que berrades vós?, pallasos, ovellas, que sodes como ovellas. Por unha miseria, todo isto por unha miseria, que non sei como non montamos un sindicato, tanto como se está a mover e só nos chegan unhas migallas... o peor é cando remata o día e queres durmir, e pechas os ollos e comezas a ver as facianas outra vez. Crispadas, iradas, ollos que te querer trabar. E das unha volta, e outra, e lembras os pasos en falso, as dúbidas. Todo envolto nun cansazo que non é deste mundo, o cansazo da incomprensión e da inxustiza. Vai, xa vai. Si, tedes razón. Xa esta, agora asubío. Xa é a hora. Punto final. Ala, aos bestiarios, digo, vestiarios!