Ainhoa Fervenza Celestino
Carta á veciñanza de Vilalonga
Vilalonga é a terceira parroquia en número de poboación de Sanxenxo. Tamén é o terceiro centro urbano, non só polas dimensións do núcleo, senón polas dotacións e infraestruturas públicas por metro cadrado.
Se o digo así semella que todo é marabilloso, ¿verdade? Pero basta con darse un paseo polo centro para corroborar que Vilalonga, dende xa fai anos, é calquera cousa menos marabillosa. Negocios pechados, falta de vida na rúa, veciñanza con nostalxia dos anos de bonanza, poucas familias mozas e poucos menores.
Esa si é a fotografía de Vilalonga, e é exactamente a que reflexan os datos.
Os datos dinnos que é a única parroquia que perdeu poboación. Un Concello que no seu conxunto medrou, dende o ano 2000 ata agora, en mais de 1400 habitantes, en Vilalonga descendeu en setenta...quizais vos pareza pouco...pero isto marca unha tendencia perigosísima, non só pola perda senón porque no baremo de idade de 0 a 40 anos é onde tivemos unha hemorraxia alarmante, transvasáronse mais de 250 persoas a franxa de maiores de corenta, e incrementouse a poboación maior de setenta, envellecendo este núcleo que foi un dos motores económicos deste Concello Temos, polo tanto, unha perda de poboación e unha poboación maior. Esa é a situación.
Non temos infancia que asegure o relevo xeracional, nin temos xuventude que vexa a Vilalonga como o lugar onde poder realizar o seu proxecto de vida.
¿É porque aconteceu isto? Poderíamos falar de moitos elementos conxunturais, da falla de xestión política, do abandono e da incapacidade de ver as consecuencias reais dalgunhas decisións do noso alcalde; pero aquí voume centrar no principal motivo que non é outro que a falla de vivenda para que se fixe poboación.
Por suposto que existen mais problemas colaterais que axudan a elo. Tamén existen moitos motivos polos que non hai vivenda asequible, pero nesta carta voume a centrar en plantear solucións e en pensar que inda estamos a tempo.
O que sí sabemos é que o principal motivo de que marchen de Vilalonga os mozos e mozas, o de que non sexa interesante para calquera doutra parroquia, é a falla de vivenda, e eu digo:
haberá que darlle solución, ¿non vos parece?
A realidade é que, por diversos factores o empurre privado non conseguiu equilibrar esta balanza dun xeito natural, polo que dende meu punto de vista a cousa está clara: “a administración ten que chegar onde non chega a iniciativa privada”.
O Concello ten de ser o que free esta sangría en Vilalonga porque por moitos colexios que se creen ou se xeren postos de traballo no parque empresarial, seguirá condenada a unha morte
lenta xa que non hai sitio onde poder establecerse.
Temos un problema, pero tamén temos unha oportunidade.
Temos terreos no Revel, nos que tras unha modificación puntual no PXOM serían excelentes para promover, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, vivendas oficiais. Poderían dar cabida a 60 vivendas, mais de 200 persoas que revitalizarían esta parroquia.
Non analizar o problema, ou mirar cara outro lado fai que esteamos a perder as oportunidades que farían que estas problemáticas quedasen diluídes ou desapareceran, converténdoas en opcións de futuro.
As veces só hai que querer facer as cousas Señor Martín, pero se vostede non as quere facer non se preocupe, eu voulle a pedir a veciñanza de Vilalonga que confíen catro anos en min, catro para demostrar que querer es poder.
Ainhoa Fervenza Celestino