Marta Rodríguez Engroba
O estigma de querer ben
Semella que non hai causa, ou dereito, por elemental que este sexa, ao que se lle dea o seu sitio, ou se respecte como xa non deberíamos dubidar nin por un segundo en facer, se non é reivindicado por un famoso ou famosa.
Nesta ocasión está a ser a quenda dunha cantante, concretamente Mª. Del Monte, que, no pregón do Orgullo de Sevilla, declarou publicamente a súa condición sexual e presentou a súa parella, que non dubidou en subirse ao escenario e arrancarse a bailar con ela, mentres soaban os aplausos, as aclamacións, e o frenesí popular ía en aumento, nacendo así unha nova "referente", das que abundan cada vez mais, e que, ao día seguinte, ocupou titulares nos medios de comunicación, e mesmo minutos nos informativos, creando así unha nova heroína social por exercer un dereito elemental para calquera ser humano: Querer como e a quen se desexe.
Que ninguén me interprete mal. Non lle quito valor ao seu xesto, faltaría mais, e tampouco dubido de que tal vez a alguén, produto da euforia do momento, se lle pasara pola cabeza confesar dunha vez por todas o que tal vez levaba toda unha vida agochando, pero claro, despois dese "subidón" hai que volver a realidade, a poñer os pes na terra, e as cousas non son sempre tan doadas como semellan ser, ou, a lo menos, non para todo o mundo.
Porque digo isto?, porque, lamentablemente, e eso todos o sabemos, non é o mesmo ser Mª. del Monte, cantante e famosa, que Carmen, Ana,Antonio ou Pedro, xente anónima, coma vos, coma min, e confesar, abertamente, a súa condición sexual, e tal vez a súa relación cunha persoa de seu mesmo sexo, porque, mentres a primeira, a famosa, vai ser elevada a condición de icona, malia que, tal vez, moitos dos que contribúen a eso, no seu foro interno, estean a pensar todo o contrario, hai moitas posibilidades de que Carmen, Ana, Antonio ou Pedro sexan rexeitados, e non soamente pola súa contorna, se non por unha gran parte da sociedade, dunha sociedade que se gaba de aberta de boca para fora, pero que aínda segue cargada de prexuízos e sinalando a quen non se prega as súas normas, que son súas, si, pero que non quere dicir que sexan as correctas, malia que as impoñan como tales.
Falar abertamente de homosexualidade, declarar que te sentes atraído por persoas do teu mesmo sexo, e xa non digo nada se isto se materializa nunha parella, se es unha persoa anónima, coma vos, coma min, como calquera dos que nos cruzamos pola rúa, ou cos que coincidimos cada día no noso traballo, tomando o café ou mercando no supermercado, pode chegar a ser o comezo do fin de quen o fai, malia que se sospeitara, ou mesmo se chegara a albiscar algún sinal, mentres non pase de ser eso, sospeita, e o leve con discreción.
En tanto isto sexa así, vai ser "tolerado", por moito que nos gabemos de ter avanzado, pero que un bo día chegue o noso fillo, a nosa irmán, a nosa amiga, e non soamente o confese, se non que tome a decisión de deixar de agocharse, de vivir a súa relación, o seu amor, libremente, ou, sinxelamente, amosarse tal é como é e vivir en consecuencia, a situación pode, en moitos casos, mais dos que podemos imaxinar, dar un xiro radical, e non para ben precisamente.
E mesmo nese eido, no dos "anónimos", dependendo da condición social, do estrato económico, mesmo do sector profesional no que a persoa se mova, o resultado da confesión non vai ser o mesmo, porque non se vai aceptar ou tolerar de igual xeito se se trata de xente ben relacionada, que se move en ambientes mais "glamourosos", ou, sinxelamente, nos que pode ser beneficioso ter nas súas filas a alguén que se considera case "exótico"e moi moderno, cunha parella do seu mesmo sexo, que ao que descarga camións ou a que frega portais, e isto todos o sabemos, por mais que finxamos o contrario, porque unha cousa e ir de moderno pola vida, e mesmo participar en actos como os do Día do Orgullo, e saltar, e bailar e dar apertas a cantos teño ao meu carón, sobre todo se hai fotos e política polo medio, e outra moi diferente aceptalo na propia vida.
E, de feito, a propia Mª. Del Monte, que, segundo ela nunca ocultou a súa condición nin a súa relación que, declara, xa se remonta a mais de 20 anos, e se ela o dí así será, non sei, con todo, non o fixo público ata agora, afirma que por protexer a súa familia, que faleceron varios dos seus irmáns e súa nai.
Obviamente, esta é unha decisión sua que tomou cando considerou oportuna, pero se o fixo así, por algo sería, e non fai falta ser moi listo para decatarse de que nun ambiente como é o dos típicos "señoritos andaluces", no caso dos irmáns, e con todo respecto o digo, tan so me limito a salientar unha realidade social, e cunha nai maior que viviu nesa contorna toda a súa vida, que a súa filla, a súa irmán, fixera pública a súa condición de lesbiana non era unha opción.
Tampouco é o mesmo se falamos dunha parella de dous homes ou de dúas mulleres.
Non sei por que razón, pero a parella masculina é mellor "tolerada" que a feminina.
De feito, convídovos a que fagades un pequeno exercicio de "observación".
Supoño que vos decatariades, coma min, de que, desde hai tempo, nos espazos de publicidade dos medios de comunicación, aparecen, as veces, familias nas que hai parellas do mesmo sexo.
Se a parella a forman dous homes, o seu aspecto, o seu look, non ten nada de particular, os dous son mais ou menos iguais.
Agora ben, se a parella a forman dúas mulleres, agás escasas excepcións, de feito creo que eu aínda non vin ningunha, unha das dúas ten un aspecto claramente andróxino, co cabelo curto, unha vestimenta un chisco masculinizada, mentres que a outra presenta unha imaxe mais... "feminina", co pelo longo, cun vestido ou unha saia, cun maquillaxe mais evidente...
É dicir, e coma se unha delas tivera, necesariamente, que asumir o rol masculino na parella.
Por que razón non poden ir as dúas vestidas, ou peiteadas do mesmo xeito, igual que nas parellas formadas por homes?.
En resumo, non avanzamos tanto como dicimos, nin de lonxe e eu, a medida que van pasando os anos, sigo sen entender como algo tan natural, como é namorarte, querer, a outra persoa, poida servir para que te sinalen.
Sigo sen entender que querer, queren ben, co corazón, que é o que conta, poida ser un estigma.
Asociación Si, hai saída