Francisco Freire Vila
Xenética da educación
Está demostrado que os nenos non nacen iguais e, de feito, calquera persoa que teña varios fillos sabe que estes teñen distintos temperamentos e caracteres. Uns son máis torpes e outros son máis espelidos, uns teñen habilidades sociais e outros se retraen, uns son máis enxeñosos e outros máis habilidosos...
Pois ben, o noso sistema educativo actual, malia atender as desigualdades, tende á homoxeneidade, algúns din que pola súa propia xenética, xa que a base do noso sistema educativo segue sendo a económica, exactamente igual que en tempos da Revolución Industrial. De feito, os colexios teñen a mesma estrutura que as fábricas: teñen timbres, instalacións separadas, materias independentes, edúcase por "lotes", segundo a idade do alumnado, é dicir, dáselle máis importancia ao grupo de idade, cal data de fabricación. En definitiva, o ensino semella unha "cadea de montaxe" na que se aplican exames estandarizados nos que as respostas válidas están tamén estandarizadas. Isto chega a tal extremo que ata as editoriais lle presentan ao profesorado exercicios coas súas respostas, así como outros materiais descontextualizados que algúns utilizan no grupo sen teren en conta as características individuais ou específicas do grupo. Polo tanto, con esta estrutura económica, non se ten en conta que hai nenos e nenas que traballarían mellor en grupos de idades heteroxéneas ou en grupos máis reducidos, ou de forma individual, ou en parella, ou con distinto horario lectivo, ou con outra metodoloxía...
Pero, no noso sistema educativo actual tamén perdura unha base intelectual que vén dende a Ilustración e que se centra no razoamento deductivo e no coñecemento xeral da cultura. Isto podería estar ben, no entanto, prímase o pensamento lineal ou converxente, baseado na memoria e na homoxeidade, e cuantifícase a través de exames estandarizados que fixan a capacidade académica de cada individuo. Os que demostren certa capacidade académica terán unha garantía económica de futuro (hoxe en día nin iso) e os que non, dedicaranse a subsistir.
Polo camiño, o sistema educativo, obsesionado ou marcado por esa herdanza xenética centrada no económico e no pensamento converxente, perde a oportunidade de ensinar aproveitando as grandes potencialidades do pensamento diverxente do alumnado, no que primen as ideas orixinais ou as que teñan valor, as múltiples respostas dende distintas perspectivas, non só unha; e por suposto, a creatividade, non a memorización.
Algúns especialistas teñen demostrado que temos esa capacidade na nosa primeira etapa educativa e que a medida que medramos vaise perdendo, isto é, os nenos e nenas de educación infantil teñen altos índices de pensamento diverxente, o 98%, e a medida que avanzan na educación primaria estes índices descenden por debaixo do 50%. Isto, curiosamente, tiña que ser ao revés, canto máis avanzamos na nosa etapa escolar debería de mellorar ou, cando menos, conservarse.
Non haberá maneiras de mellorar a xenética...! Ou quizais non interesa?