Nova Escola Galega
Condena do intento de uso partidista do profesorado que acaba de aprobar as oposicións
O Movemento de Renovación Pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA manifesta publicamente o seu rexeitamento do intento de manipulación do profesorado en prácticas por parte da Consellería de Educación, obrigándoo a asistir a un acto -carente de significado académico- que só cabe cualificar de propagandístico.
O proceso de selección do profesorado leva consigo unha serie de probas (as "oposicións") ás que segue, durante un ano, un período de prácticas que tamén debe ser avaliado. A Consellería de Educación decidiu programar senllos actos -para profesorado de Primaria e de Secundaria, respectivamente- de benvida, contra os que Nova Escola Galega non ten nada que dicir, pois poderían formar parte dun protocolo de boas prácticas de acollida ao profesorado que se incorpora ao sistema.
Ora ben, cando este, en aparencia ben intencionado acto se converte, como parece evidenciarse, nunha montaxe propagandística partidista, semella claro que non pode ser asumible que se intente manipular todo un colectivo para sacar réditos políticos. E iso parece que foi o que sucedeu porque á primeira das convocatorias acudiu un número ínfimo de opositores/as, e ese feito semella o desencadeante de que a Consellería decidise OBRIGAR o colectivo de profesorado en prácticas de Secundaria a acudir ao segundo dos actos, pensado para a mañá deste 2 de setembro.
Nova Escola Galega considera intolerable, caciquil e incluso mesquiño este proceder. Considérao así por entender que é un acto reprobable por si mesmo, pero tamén porque, tanto o día 1 como o día 2 de setembro, os centros educativos están reunindo os seus claustros para a programación do curso e para a distribución da docencia. A Consellería, no canto de facer posible que os seus traballadores/as cumpran co seu traballo nun momento tan delicado, obrígaos a trasladarse desde calquera punto de Galicia a un acto intranscendente que, dito sexa de paso, non aparece regulado na normativa sobre os procesos de oposición.
Cabe recordar, por último e paralelamente, que a educación en Galicia se atopa nun transo delicado en extremo, con necesidades -sobre todo de dotación de persoal- que a Consellería debería intentar solucionar dedicándolle todos os seus esforzos, no canto de programar actos con nula transcendencia.
Nova Escola Galega