Alarma na Terra de Montes
A veciñanza de Terra de Montes organízase fronte á nova oleada de proxectos eólicos
A Asociación Alarma na Terra de Montes convoca unha charla informativa sobre o proxecto do parque eólico Cabanelas que se atopa en fase de exposición pública para a presentación de alegacións ata o día 13 de outubro. A xornada terá lugar en Valadelo (Castrelo, Forcarei) o vindeiro domingo día 11 de setembro as 11:00 horas da mañá.
A convocatoria ten un dobre obxectivo informar e organizar á veciñanza afectada para afrontar o proceso de tramitación do mesmo, así daranse a coñecer as características deste novo parque e as afeccións que producirá na zona de implantación, a relación con outros proxectos da zona, o estado de tramitación do proxecto e as estratexias para que este se faga con garantías e de xeito transparente.
Aínda que o chamamento está dirixido a calquera persoa sensibilizada ou preocupada pola implantación masiva de parques eólicos na comarca de Terra de Montes-Tabeirós, a convocatoria centrase en toda a veciñanza da zona de afectación, parroquias de Liripio, Codeseda e Sabucedo (A Estrada), Quintillán e Castrelo (Forcarei) e Tomonde (Cerdedo-Cotobade). A invasión eólica na comarca de Tabeirós-Terra de Montes é unha realidade á que fai máis dun ano a veciñanza afectada se ven enfrontando sen tregua. Porén, nas últimas semanas estamos asistindo a un alude de parques eólicos concentrados sobre unha mesma zona do territorio, a Serra de Cabanelas e as chamadas Baiucas. Un punto xeográfico simbólico para moitos, no que se unen os concellos de Forcarei, A Estrada e Cerdedo e no que conviven os seus especiais valores naturais e paisaxísticos cun importante legado patrimonial arqueolóxico e cultural, así como con outro recursos que se foron convertendo en símbolo e atractivo da nosa bisbarra como a Rapa das Bestas de Sabucedo, O Camiño da Geira e dos Arrieiros ou o Observatorio Astronómico de Levoso.
O parque eólico Cabanelas é un proxecto que xa se ven tramitando dende hai anos e que agora se recupera transformado pola promotora Greenalia. Sitúase a continuación do parque eólico Pedra Longa (Greenalia), que estivo en fase de alegación apenas fai dúas semanas recibindo unha clara oposición por parte dos afectados, e dos parques eólicos As Penizas (Greenalia), Ampliación As Penizas (Greenalia) e Borreiro (Naturgy), en distintas fases de tramitación. En conxunto forman unha liña de 21 aeroxeradores e todas as demais infraestruturas asociadas (torres meteorolóxicas, gabias de cableado, plataformas de cimentación, apertura de novos viais e sobre anchos, centros de seccionamento e subestación, liñas de media e alta tensión, etc.) que supoñerán unha sobrecarga absolutamente insostible dende moi distintos eidos e unha merma da propia calidade de vida dos veciños.
Tendo en conta a magnitude da problemática a Asociación Alarma na Terra de Montes ten previsto continuar ao longo das vindeiras semanas desenvolvendo máis actividades informativas e reinvindicativas e instalación de puntos de información e recollida de alegacións. Así mesmo manteranse reunións cos representantes das corporacións municipais dos tres concellos afectados A Estrada, Cerdedo e Forcarei co obxectivo de acadar unha implicación real pola súa parte e o cumprimento dos compromisos adquiridos.