Marta Rodríguez Engroba
Ordes de afastamento, papel mollado?
Nin idea, non si?
Porque M. Carmen López non éra famosa, nin filla ou nai de ningún famoso, nin de ningunha "grande" e nunca foi, porén, obxecto de desexo dos programas do corazón, nin a súa historia espertou ningún interese mediático, malia merecer todo o do mundo, coma a de tantas e tantas outras mulleres pero non axudou a encher petos, nin a elevar audiencias.
Nin sequera mereceu facerse viral e promover unha campaña desas de "apoio", que se fan tan ricamente acomodados no sofá, sobre todo no verán, nesas horas da sesta na que darlle ao dediño é o único exercicio recomendable e, semella que non, pero hai quen chega a crerse, por facer tal "esforzo", solidario ou solidaria e todo, ficando a súa conciencia, ou o que sexa que teñen no seu lugar, grande e limpa, moi limpa.
É máis, mellor esquecela, porque historias como a de M. Carmen non soamente non interesan, se non que molestan, non hai que volver a mencionalas unha vez que rematan.
Mellor finxir que nunca existiron para seguir mantendo a grande, a inhumana e cruel mentira na que vivimos desa falsa loita contra a violencia de xénero.
M. Carmen López tiña 71 anos, e dando unha maxistral lección de valor, tentou poñer fin ao seu cárcere de medo, e demostrar ao mundo que non hai idade para comezar de novo.
Denunciou a súa ex parella, e tiña, desde hai un ano, unha orde de afastamento, nada máis nin nada menos que de 500 metros, o cal quere dicir, como sabemos os que tratamos con vítimas de violencia machista a diario, malia que non teñamos despacho, non sexamos "expertos", nin cobremos, que a súa valoración de risco, o tan nomeado e laureado polos que se supón que si o son, ou, a lo menos, cobran coma se o foran, e algo máis que cuestionado polo que non o somos tanto, pero que nos mergullamos de cheo na realidade da violencia de xénero e das súas vítimas, test VioGén, arroxou un resultado elevado, algo bastante sorprendente porque case sempre o fai a baixa, pero ese é outro debate.
M. Carmen fixo o correcto, o que se nos vende que hai que facer, e que realmente así é, pero que de nada serve se todo remata aí, na sinatura dun papel, cunha prohibición ao maltratador de achegarse a vítima, e se mete nun caixón, dando por sentado que o presunto agresor, non esquezamos que os agresores sempre son "presuntos", queda automáticamente "redimido" e vai cumprir a orde rigorosamente.
De feito, cando un maltratador é denunciado, agás que sexa detido de inmediato, o risco para a vítima multiplícase notablemente, xa que a súa agresividade inicial se une a rabia, o desexo de vingarse, e non soamente pola denuncia en si mesma, se non porque a muller xa non é un obxecto da sua propiedade, coma el a considera e a tratou, ao que ten todo o dereito a manexar e maltratar a pracer, senón unha persoa independente, que demostrou moito valor, e que vai continuar a súa vida lonxe súa.
Dito doutro xeito, de nada serve unha orde de afastamento se non se fai un seguimento posterior do agresor, e, naturalmente, da propia vítima, para tentar, no posible, que este a cumpra, xa que, do contrario, os reiterados quebrantamentos, agás en casos excepcionais, están asegurados, culminando, como xa todos sabemos, en moitos casos, en demasiados, co asasinato da muller, sucedendo isto especialmente, algo constatable... e constatado!, nos meses de verán e demais períodos vacacionais, nos que as xa máis que escasas medidas e persoal policial de... protección?, se volven practicamente inexistentes.
M. Carmen, esa M. Carmen da que ninguén se lembra xa, a que ninguén, probablemente volverá a nomear, agás, naturalmente, os que a queren, correu a mesma tráxica sorte, e, mentres durmía na súa casa de Escatrón (Zaragoza), onde comezara unha nova vida, foi salvaxemente agredida pola súa ex parella, que se desprazou varios kilómetros, desde Zaragoza, e saltou a valla da vivenda da muller para cumprir o que era, sen dúbida, o seu obxectivo desde había moito tempo: ASASINALA, porque a orde de afastamento existía, si, pero a vixilancia do seu cumprimento... esa xa é fariña doutro costal, e menos aínda nunha noite de verán, en plena fin de semana... era boa!
Pero non todo vai ser malo, nin moito menos.
M. Carmen faleceu como consecuencia do brutal ataque, apenas dous días despois, pero tivo a consabida concentración, co seu "eficaz" minuto de silencio... Ou non, perdoade, estou a mentir, M. Carmen foi especialmente "privilexiada", porque foron dúas concentracións e dous minutos de silencio, xa que a primeira foi convocada pola veciñanza da muller, e tal vez nesa algo de sentimento sincero habería, non digo que non, e a segunda asistiron as autoridades, faltaría máis!, para non defraudar, e deixar, unha vez mais, constancia do seu xesto compunxido na foto, e expresar a súa repulsa, que creo que grazas a iso, a súa repulsa, e, por suposto, aos minutos de silencio, moitos maltratadores se están rehabilitando, non si?
E rematou o conto.
Unha semana despois, ninguén lembra a M. Carmen, nin, por suposto, ninguén asumiu responsabilidade ningunha tras ser asasinada cunha orde de afastamento en vigor.
Silencio total e absoluto, na procura dun esquecemento, que está, por outra banda, máis que garantido.
Outra cousa sería se ela, padecendo, por desgraza, esa dependencia do seu agresor que moitas mulleres vítimas de violencia de xénero senten, lle franqueara a entrada, porque, nese caso, lonxe de entendela, ou, a lo menos, tentalo, os "expertos" non dubidarían en culpala reiteradamente e deixar claro que eles non tiñan nada que ver.
Se a matou, a culpa foi dela. A nós que nos rexistren.
E, por se alguén non se decatou, a historia, a tráxica historia de M. Carmen, lévanos, de novo, a ollar ao eido policial.
O xuíz ditou unha orde de afastamento, é dicir, quedou claro que era consciente do perigo que corría a muller, pero, de que serviu se estaba totalmente desprotexida?
Porque, e por enésima vez o repetimos, unha sinatura nun papel, sen posterior vixilancia, nin protexe, nin salva vidas, e, por enésima vez, se fixo evidente que, desde os FCSE, en materia de violencia de xénero, algo está a fallar estrepitosamente. De feito, o máis importante, a base.
E namentres, desde o Ministerio de Igualdade, seguen a investir miles e miles de euros en campañas que, tal vez, de facer as cousas con sentidiño, comezando por xestionar o máis básico, como tentar garantir todo o posible a protección das vítimas, facendo algo tan obvio como reunirse co Ministro de Interior e esixirlle esa protección poderían chegar a servir de algo, pero que, namentres, son, ademais dunha evidente dilapidación, cuxa principal utilidade é o lucimento da ministra e a súa cohorte, coma tantas e tantas ordes de afastamento, papel mollado.
Asociación Si, hai saída