Marta Rodríguez Engroba
Cando o delito se dilúe
Desde a formación política, a través da súa conta de Twitter manifestan ter tomado esta decisión ante a gravidade das informacións aparecidas na prensa, mentres, din, continúan recabando información, coa finalidade de estudar as medidas a adoptar.
O político, ademais de negar rotundamente os feitos, dos que manifesta terse enterado pola prensa, e que a suposta denuncia en cuestión, de existir, se debería a que se encontra en proceso de divorcio da súa parella desde o mes de Xuño, estaría relacionada co proceso, puntualizando aspectos coma a pensión, custodia, casa, etc, etc, e engadindo que a súa baixa cautelar de militancia, tanto en IU coma no PCE, é unha decisión tomada voluntariamente para tratar de non danar politicamente a ambas organizacións, en clara contradición co manifestado polo partido, porque, evidentemente, non é o mesmo ser cesado que unha marcha voluntaria, engadindo, e cito textualmente, "no he dado un puñetazo en mi vida".
Pola súa banda, o Tribunal de Xustiza de Andalucía confirma a existencia da denuncia.
Coma en tantos outros casos, unha vez máis, teño que dicir que eu, nin creo, nin deixo de crer a este señor, porque, evidentemente, non vivía con él e coa súa parella, e, é máis, teño que confesar que non sabía nin que existía.
Non deixa de chamarme a atención, iso si, que diga que se enterou pola prensa da existencia da denuncia, algo que él cuestiona, xa que, independentemente de que sexa ou non culpable, resulta máis que raro que, segundo di, non se lle notificara nada, algo que, dou fe, se fai de inmediato desde o momento no que a vítima interpón a denuncia, agás que non consigan localizar ao presunto agresor, algo que sucede ás veces, en cuxo caso, lóxicamente, tardan máis.
De feito, a inmediatez desa comunicación é o momento que as vítimas máis temen, ante a previsible reacción do seu presunto agresor, xa que as deixa cunha escasa ou ningunha capacidade de manobra, especialmente se non teñen máis opción que volver ao domicilio que ambos compartían.
Di, ademais, o Sr. Bustamante, "no he dado un puñetazo en mi vida".
Sería bo que alguén lle aclarara que, para cometer un delito de violencia de xénero, non é necesario andar a golpes, que hai moitos xeitos de maltratar sen poñer unha man enriba.
En calquera caso, non é isto o que eu quería destacar, se non a reacción do partido ao cesalo, que é, creo, a única posible se se ten un mínimo de ética e de escrúpulos, ademais dunha obriga moral, que, por suposto, os dignifica, como tamén o será a de apoialo no caso de que se demostre que é inocente.
Por desgraza, non en todos os partidos se actúa do mesmo xeito, e, cando se producen situacións coma esta, porque se producen, as formacións políticas adoitan actuar de dous xeitos diferentes pero igualmente ambos deleznables, algo que en Si, hai saída, despois de máis de 8 anos de actividade no eido da violencia de xénero, nos que levamos visto de case todo, e vivido situacións de todo tipo, sabemos ben.
Hai partidos que optan por non darse por enterados, consentindo que o presunto agresor continúe nas súas filas, ás caladiñas, finxindo que nada aconteceu, por moito que se lles advertira de tal circunstancia, poñendo cara de susto e de sorpresa se o tema transcende e se lles advirte, prometendo tomar unhas medidas, coma as adoptadas neste caso, que nunca chegan.
Como moito, procuran colocar o aludido nun discreto lugar nas fotos e demais actos, e a tirar millas.
Outros fan todo o contrario e exhiben ao "presunto" coma se fora unha mascota, con perdón, mesmo especialmente naqueles actos relacionados coa violencia de xénero, nun claro intento por demostrar que as acusacións feitas contra él son falsas, e de manter, ademais, limpa a imaxe do partido, algo que é mais evidente canto máis coñecido é o acusado, mais relevante o cargo que ocupa... ou máis "segredos de familia" coñece!
En calquera caso, todos teñen unha nota común, que é que, unha vez sorteado do mellor xeito posible o "bombazo" da noticia, e o impacto dos primeiros días, cunha abraiante rapidez, o caso cae no esquecemento mais absoluto, silencio total... É coma se se tivera diluído e nunca xamais se chega a saber nin cal foi a resolución do caso, nin, en moitos deles, que foi do acusado.
Naturalmente, isto se fai notar mais canto máis coñecido ou máis relevante é a posición dos presuntos, en cuxo caso, o único que se chega a saber é o arquivo ou o sobresemento dalgunha das causas, alegando, por exemplo, motivos de saúde.
Todos lembraremos (ou non...!), casos como o do xuíz Fernández Valdés, ou o do eurodiputado Juan Fernández López-Aguilar que, paradóxicamente, tramitou a lei integral de violencia de xénero no ano 2004.
Por suposto, isto tamén sucede en eidos que nos tocan máis de preto, na nosas cidades, por exemplo, e, como moito, estas situacións acadan a categoría de "rumor", sen que nunca cheguen a confirmarse de todo... ou si, pero os intereses, o toma e daca de favores e prebendas, transforman en ocasións, en demasiadas, unha realidade por todos coñecida, nun hipócrita "ruxe ruxe".
Eu preguntaríalles, se tivese oportunidade, a moitos responsables políticos, se nunca se pararon a pensar que, se en vez de tentar demostrar, mesmo cando a existencia da comisión dun delito por parte de alguén que forma parte das súas filas é evidente, a súa inexistencia, e, porén, a súa complicidade, nos demostraran que son quen de ser obxectivos, de tomar as medidas preceptivas, máxime cando estamos a ver, en non poucos casos, a utilización que fan da violencia de xénero coma unha ferramenta política que manexan sen escrúpulo, poderían recuperar, polo menos unha parte da credibilidade que deixaron de ter para unha gran parte da cidadanía, na que me inclúo?
Finxir que os delitos non existen, contribuír a que se dilúan, non é, desde logo, a solución.
Asociación Si, hai saída