Marta Rodríguez Engroba
Degradación
Degradación en toda a súa esencia, degradación en xeral, pero, por riba de todo, das mulleres.
Unha degradación que sabía que existía, e, de feito, moitas veces, desde Si, hai saída, demos a voz de alarma, o que nos custou, coma en tantas outras ocasións, non poucas críticas, e que, lonxe de minguar, semella medrar cada día.
Con motivo dunha actividade que levaremos a cabo dentro duns días, unha das de Si, hai saída que algúns deses colectivos ou personaxes que teñen "posibles" critican e mesmo boicotean, para, posteriormente, clonala... que cousas, non si?, pero, ao que ía, estou a seguir, dentro do que podo, que non é moito, e do que soporto, que aínda é menos, certos programas desa canle que pasou de ser patrimonio de "frikilandia" e da que nin baixo tortura se podía confesar ser espectador, a oráculo, ao berce dos dogmas de fe do feminismo, da loita contra a violencia de xénero, algo avalado, e isto si que é máis que grave, mesmo polo Ministerio de Igualdade, en concreto pola Ministra, a señora Irene Montero, que agardo que un día, ía dicir antes de que sexa demasiado tarde, pero eso xa é imposible, porque esa liña xa se cruzou hai tempo, se decate do tremendo dano que están a facer, a canle e ela
Estou a falar de dous programas en concreto: "La isla de las tentaciones" e "Pesadilla en el paraíso", e, de verdade que pesadelos son os que teño eu despois de ver o que se coce nestes programas que é, creo, para que, a pouca conciencia que se teña, dar auténticos arrepíos.
No primeiro deles, amósannos como se pon a proba a fidelidade de varias parellas, illadas nunha luxosa mansión dunha illa da Republica Dominicana, creo, malia que eso, a localización, é o de menos, ante as que un grupo de exuberantes "tentadores" e "tentadoras", exhibíndose coma pedazos de carne con ollos, e desculpádeme se soa mal, pero, lamentablemente, creo que é a imaxe que están a dar, despregan todos os seus encantos, tentando que os e as concursantes caian nas súas redes, para demostrar así, en función de se o conseguen ou non, esa fidelidade.
Para comezar, o primeiro que chamou a miña atención, foi a imaxe das concursantes mulleres.
Semellan feitas en serie, tanto que as veces non é doado distinguir unhas das outras.
Todas co mesmo look, lixeiras de roupa, por suposto, idénticas longas melenas, que alisan e axitan constantemente, idénticos ademáns, expresións, xestos.....da medo!.
Eles, "guaperas", por descontado, lucindo pectorais, pero no seu caso non é tan evidente. O mellor e obrigado escaparate do seu corpo son elas. Toda unha oda ao feminismo!.
Do que se trata, como xa dixen, e de que os "tentadores" e "tentadoras" utilicen todas as súas armas de sedución,que consisten básicamente en amosar cantas máis partes da súa anatomía, mellor, e tentar iniciar o que, e perdoádeme a expresión, podería cualificarse tranquilamente de "ritual de apareamento", mentres as parellas das súas potenciais presas observan, e agardan ata comprobar se caen ou non na tentación.
Namentres isto sucede, podemos observar todos os elementos que permiten cualificar unha relación de tóxica, cando non mesmo de violenta.
Dependencia psicolóxica, celos totalmente compulsivos, saloucos, berros, e actitudes totalmente fora de control por mor deles, comportamentos submisos delas e machistas deles.....e todo fomentado e alentado por unha presentadora a que, no seu día, mesmo admirei pola súa valentía ao facer pública a súa identidade sexual e o que sufrira cando se soubo e foi, segundo ela, cruelmente criticada e discriminada, e a que, francamente, teño que admitir que hoxe desprezo profundamente, máxime cando en segundo e que actos e apoiando segundo e a quen, vai de feminista e de abandeirada da loita contra a violencia de xénero,cando ela é a primeira que está a contribuír a normalizala e a fomentala e que non dubida en participar nestes programas nos que se trata a muller coma a un obxecto, e, as veces, mesmo moito peor.
Todo isto, por suposto, acompañado de escenas de sexo máis ou menos explícito, das que eu, francamente, que a estas alturas da miña vida nas que xa vin case de todo, non é que me escandalice polos actos en si, se non por como se levan a cabo, porque son, repito, apareamentos..... sen máis, que, ollo, non son o mesmo que sexo libre e desinhibido, pero ese é outro tema no que hoxe non vou entrar.
O segundo programa, "Pesadilla en el paraiso", unha especie de híbrido entre aquela serie que algúns dos que xa temos uns anos lembramos, "Granjero último modelo" e "Gran hermano", máis do mesmo, malia que algo máis disimulado, e protagonizado case sempre por "famosos" de segunda, terceira ou quen sabe que categoría, buscando algúns recuperar a fama que algún día tiveron, e outros, ademais de gañar cartos fáciles, deixando de lado todo escrúpulo, dar o salto aos platós da canle en cuestión para falar das súas leas amorosas, ou da vida e milagres doutros "famosos" de segunda orde, que, a súa vez, participan noutros realities, ao mesmo tempo que se van facendo retoques estéticos, e vendendo exclusivas que lles pagan por amosar os novos beizos, as extensións do cabelo, ou as dúas novas tallas máis de arriba e menos de abaixo, algo, ademais, do que moitos espectadores máis novos toman boa nota, vendo na participación este "tele lixo"un xeito rápido e doado de acadar fama e cartos, sen necesidade de formarse, algo que todos os que se supón que temos, ou deberíamos ter, dous dediños de fronte, xa sabemos como adoita rematar, e, por desgraza, hai moitos xoguetes rotos que son unha boa mostra disto.
Pero, por se todo isto non abondara, para min o peor de todo son os debates posteriores a emisión dos realities, nos que participan, ademais dalgúns dos seus predecesores, amigos ou familiares, mesmo pais e nais, dos concursantes.
Eu, coma nai, non quero nin imaxinar ver a meu fillo en certas tesituras, e non estou a referirme mantendo relacións, que todos sabemos que o fan, obviamente, malia que non sexa un prato de gusto velo, supoño, se non perdendo os papeis, como vin onte a un rapaz, posuído polos celos e totalmente fora de control, ou a miña filla, se a tivera, sendo tratada coma un xoguete sexual, ou, no mellor dos casos, totalmente sometida por un individuo que claramente non a quere.
Máis grave aínda me parece, se cabe, a participación de certos profesionais, ou que din selo, analizando e sempre xustificando e normalizando estas graves condutas, que, obviamente, de normais non teñen nada, como é, por exemplo, no caso de "Pesadilla en el paraíso" a dunha señorita que di ser Doutora en Psicoloxía, Licenciada en Psicopedagoxía e Analista Transaccional e Experta en terapias de Parexa... Aí é nada!
Mellor non opino. Tan so me vou limitar a suxerir que tal vez algúns Colexios Profesionais deberían comezar a plantexarse a posibilidade de tomar algunha medida con estes "profesionais", e non se me escaparon as aspas, porque terán moitos títulos, pero moi poucos escrúpulos, que, ademais de ser calquera cousa menos unha honra para a profesión, están a facer un dano enorme, principalmente aos máis novos, aos que lles están a transmitir que este tipo de relacións malsanas, tóxicas, son normais e contribuíndo, porén, a perpetuar a violencia de xénero.
É ou non é todo isto a mostra dunha triste e grave degradación?
Asociación Si, hai saída