Marta Rodríguez Engroba
A alguén lle importa como se senten as vítimas?
Non somos proclives a pronunciarnos a golpe de titular, nin moito menos de campañas nas redes sociais, algo, entendemos, non só moi aconsellable, senón que debería ser unha premisa sempre básica, pero máis aínda cando se trata de temas tan dolorosos e tan graves como é a violencia sobre as mulleres, o que nos custa non poucas críticas, ben o sabemos, porque se algo se valora nesta sociedade efectista nosa é precisamente iso, os golpes de efecto, que, por norma xeral, non pasan de aí, e antes de opinar, se consideramos que debemos facelo, procuramos recopilar toda e a máis fiable información posible, e, de non poder conseguila, preferimos optar por calar.
De sobra hai quen fale por nós, por eles e por cantos se tercie.
Non obstante, hai ocasións nas que, sen chegar a meternos no fondo da cuestión, polas razóns que xa expliquei, si nos permitimos opinar sobre as formas, porque, moitas veces, o mesmo problema, segundo a actitude, os modos, cos que se enfoque ou se explique, pode tomar un ou outro cariz, e algo disto cremos que é o que está a pasar co tsunami provocado pola polémica lei do "solo si es si" e o xeito de afrontalo que, desde as instancias competentes, se nos está a trasladar a cidadanía en xeral, e, especialmente, ás mulleres.
Quero deixar claro, como sempre fago, que vou, sinxelamente, a expoñer unha opinión, non a sentar cátedra, nin a alardear duns coñecementos que estou moi lonxe de ter, algo, por certo, que tamén desentona nun país no que, de súpeto, semella que media poboación naceu cunha toga posta, de serie, e, o que é peor, crendo que ten os coñecementos que isto implicaría, así, sen mais, por xeración espontánea.
Vexamos.
Eu non dubido que esta lei fora concebida coa mellor intención do mundo, que é, se supón, protexer as mulleres, pero, polos motivos que fora, entre eles intúo que unha certa premura por aprobala nun momento no que o aumento da violencia machista se estaba a facer moi evidente, ainda mais!, está claro e demostrado que os efectos conseguidos son, sexa polos motivos que sexa, desgraciadamente, ben diferentes, tendo, polo momento, como resultado, 14 revisións de condenas e 5 excarcelacións de condenados por delitos sexuais.
É obvio que a lei en cuestión ten, como mínimo, algunha fenda, e importante, ademais, porque o que ninguén pode negar é que está a poñer a moitas mulleres aos pés dos cabalos, cando se supoñía que a finalidade era xustamente a contraria.
Eu, na miña, non sei se por ignorancia ou inxenuidade, sempre dixen que as leis son feitas por seres humanos, e, porén, susceptibles de ser modificadas ou, como mínimo, revisadas, se algo nelas non funciona correctamente, pero, obviamente, para isto hai que ter vontade, iso é o primeiro, e se alguén errou, recoñecelo, porque non é delito ningún, e, lonxe do que algúns e algunhas semellan crer, honra a quen o fai.
Desgraciadamente, neste caso, coma en tantos outros dos que é protagonista, a Sra. Ministra de Igualdade está instalada na súa soberbia, na súa incapacidade para o diálogo e xa non digamos para a autocrítica, e usando o único "argumento" que semella coñecer, que é culpar a unhos e outros e tachar a cantos non lle dan a razón de machistas e de fascistas:
Aos avogados, os xuices, e, para acabar de rizar o rizo, tamén a os medios de comunicación. Todo, agás recoñecer que tal vez se equivocou e deixando ben claro, iso si, que os intereses políticos son os que mandan.
E todo isto, reitero, enrocada nunha actitude soberbia, déspota e pechada a todo diálogo, algo moi perigoso en quen ostenta poder e semella xestionalo dun xeito un tanto dubidoso, dando mostras bastante evidentes de que se lle subiu notablemente á cabeza e ignorando, por unha banda, que os avogados de violadores, coma ela os denomina, están a cumplir coa súa obriga, facendo o seu traballo, lles guste ou non a título persoal, e que se hai unha mínima fisura pola que se poida rebaixar a condena dos seus defendidos, obviamente van aproveitala, e, pola outra, que, en non poucas ocasións, os xuíces ven condicionadas as súas actuacións polas propias leis… Branco e en botella.
Pero non é a única que se centra en levar a auga ao seu rego, nin moito menos.
Apenas hai un par de días que a ministra de Facenda, Mª. Jesús Montero, se aviña a revisar a lei, para, de súpeto, mudar de tercio, e manifestar que, de revisión, nada de nada, que está todo moi ben como está, apoiando así o posicionamento do Presidente do Goberno Pedro Sánchez e da Vicepresidenta, Yolanda Díaz, que, por certo, e molla menos que se fora vestida de vinilo.
De novo, a política manda.
E,por suposto, non podemos esquecer a oposición, que clama esixindo o cese ou a dimisión da ministra de Igualdade, algo, por certo, que poden agardar ben sentadiños, porque e bastante dubidoso que cheguen a velo.
Total, uns polos outros, a casa sen barrer, pero si hai algo no que todos coinciden, independentemente da cor política:
A todos eles, e a todas elas, que se lles enche a boca falando de revitimización, semella importarlles tres pitos como se senten estas mulleres que foron vítimas de delitos sexuais, e que están a ver os seus agresores na rúa, ou coas suas condenas considerablemente minguadas, pero, iso si, faltaría máis, o 25N estarán na rúa suxeitando pancartas, encabezando concentracións con cara de circunstancias, e lanzando consignas contra a violencia machista.
A quen lle importa como se sinten as vítimas? O "business" é o "business", non si?
A eles e a elas, desde logo, a vista está que non.
Asociación Si , hai saída