Xerardo Torrado Agulla
Unhas verbas arredor do peso da argumentación
Na magnífica película musical O violinista no tellado, dúas persoas discuten e cando o protagonista pide escoitar ó primeiro, unha vez escoitados os argumentos, lle di: "tes razón", cando escoita ó segundo, igualmente lle di: "tes razón", e é entón cando aparece in terceiro que manifesta que os dous non poden ter razón á vez, ante o cal o protagonista está obrigado a contestar: "tamén tes razón". Eu como historiador vinme moitas veces atrapado entre argumentos de historiadores antagonistas, seducido pola argumentación de ambos, que era impecable. Así foi o caso de España na sua Historia, de Américo Castro (1885-1972) escrita no ano 1948, que xerou unha polémica con outro gran historiador, Claudio Sánchez Albornoz (1893-1984), que lle contestaría a xeito de réplica cunha obra máis voluminosa, España. Un misterio histórico, no 1956. Eran varios os puntos de fricción entre ambos historiadores no que se refire á evolución histórica de España, sobre todo no papel do Islam e dos xudeus. Para Claudio Sánchez Albornoz, o sentir, o feito hispánico, xa estaba patente durante o período pre-román, e en nada se alterou ese espíritu hispánico pola convivencia co Islam e dos xudeus. De feito, para Sánchez Albornoz, e nixo debemos darlle a razón, nada tiña que ver o pensamento da España islámica co pensamento islámico de Damasco. Na súa voluminosa obra, Sánchez Albornoz argumenta ademais que na mesma Granada, a mezquita, que fora comezada por un compañeiro do propio Muza, tardou un século e medio en ser rematada, algo que Ibn Al-Jatib (1313 -1374) explica polo escaso número de musulmáns que durante ese tempo tan longo houbo na cidade, na cal había ata catro igrexas. Outro punto de fricción entre ambos xigantes da historiografía hispana era a interpretación do culto xacobeo e das súas orixes, que para Américo Castro estaría relacionado co culto ós dióscuros Cástor e Polideuces/Polux, irmáns de Helena, aquela que sería raptada polo pérfido troián Paris.
Pero lendo a Américo Castro dis "ten razón", e lendo a Sánchez Albornoz igualmente dis: "ten razón", ¿poden ter ambos razón?... Aí está o valor da argumentación da reconstrucción histórica. Xa pasaron uns quince anos, polo menos, dende que lin á Historia social e económica do Imperio Román de Mijaíl Rostovtzeff (1870-1952), escrita cara o 1926, dous grosos volumes que me convenceron de xeito apabullante a pesares de defender a existencia do Capitalismo na antigüidade, quizá como resposta á marxismo, rachando con toda a dialéctica do materialismo histórico. Sabía un que o que pretendía defender o historiador ruso era algo difícil de soster, pero os seus argumentos eran plenamente convincentes. E é que na Historia, a argumentación, como nunha defensa dun avogado, é fundamental. Outra cousa distinta é que teñas razón ou non. A Historia ten moitas interpretacións, pero as cousas só aconteceron dun xeito posible.
Fai uns anos, deuse o caso que se defendera unha tese na cal se mostraba que ós castrexos galegos eran belixerantes e belicosos, convenceu ó tribunal e tivo unha matrícula de honor. Tamén se defendera outra tese que, de xeito totalmente contrario, demostraba que os mesmos castrexos eran pacíficos agricultores, tamén convenceu ó tribunal e optivo igualmente unha matrícula de honor. A pregunta é: ¿poden tener ambos a razón ó mesmo tempo?. Son Xerardo, un especialista en Historia Antiga, nado en Pontevedra hai uns 48 anos. Agardo que vos gustaran as miñas reflexións sobre o papel da argumentación na construción (ou reconstrución) do pasado.