Marta Rodríguez Engroba
Non todo vale
De todos é sabido que, se hai alguén que non goza da miña simpatía, é a Ministra de Igualdade, Irene Montero, pero, evidentemente, cando digo isto, estou a referirme a súa xestión nun cargo que creo que lle ven un tanto grande, e que está a constituír un serio perigo para as vítimas de violencia de xénero.
Ao seu máis que evidente descoñecemento da auténtica e dura realidade das mulleres que están a sufrila, hai que engadir unha máis que evidente actitude soberbia, unha nula capacidade para autocrítica e para asumir erros, ademais dunha "intoxicación" provocada por unha "sobredose" de poder que non sabe xestionar, nin ten interese ningún en aprender, alentada polas súas acólitas, que padecen exactamente do mesmo mal.
Pero, por suposto, en ningún momento estou a referirme a nada persoal, o cal, para comezar, sería totalmente ilóxico, porque non a coñezo nesa faceta, nin moito menos a ningún aspecto da súa vida privada, xa que, ademais de non interesarme o máis mínimo, non sería de recibo que o fixera.
O que me preocupa é a súa xestión como ministra, e todo o que vaia máis alá disto, o certo é que me trae absolutamente sen coidado, algo, penso, que, por outra banda, é o máis lóxico.
Confeso, iso si, que a imaxe que, no meu xuízo, proxecta, de persoa arrogante, convencida de estar sempre na posesión da verdade, pechada ao diálogo, e sempre belixerante con quen ouse levarlle a contraria, prodúceme un profundo rexeitamento, pero nela e en calquera.
Penso que o respecto, tanto polas persoas, como ante as diferentes opinións, concorden ou non coas nosas, é o primeiro, e isto reza para todo o mundo, ministra ou pintor de brocha gorda, tanto ten.
E precisamente por isto, porque creo que o respecto é o primeiro de todo, o fundamental, non podo por menos que condenar e amosar o máis rotundo rexeitamento, tanto en calidade de voceira de Si, hai saída como a título persoal, dos insultos e descualificacións vertidos esta semana contra a súa persoa, primeiro por parte de Carmen Herrarte, edil de C’s en Zaragoza, que dixo, e cito textualmente: "Está donde está porque la ha fecundado el macho alfa", e poucos días despois, no Congreso, por Carla Toscano, deputada de Vox, e igualmente cito de xeito textual: "Su único mérito es haber estudiado en profundidad a Pablo Iglesias".
Absolutamente desprezable. Máis baixo non se pode caer.
Criticar, cuestionar, a súa xestión como política, é unha cousa, e as alusións, ou máis ben, os ataques a súa vida privada, outra moi diferente, e mesmo os primeiros, por máis que atinxan a súa faceta profesional, deberían facerse, reitero, desde o respecto.
A falta deste, os insultos, as descualificacións, nunca, e repito, nunca, teñen xustificación e quen recorre a eles o único que amosa é a súa miseria moral, e a súa ignorancia, porque demostra que non ten argumentos, e agredir verbalmente é o único e miserento xeito que coñece para tentar facerse valer.
O peor de todo é que estes "excesos" dialécticos son, estou convencida, tan só a punta dun iceberg do que está a acontecer na sociedade en xeral, e no eido político en particular, e que insultar, degradar, e tentar humillar e rebaixar ao "inimigo" xa se converteu no modus operandi habitual e aceptado, coa única diferencia de que no segundo, na contorna da política, unidos a ansia desmedida de poder, aínda se fan mais evidentes se cabe, porque quen os comete, corre o risco, e de feito aquí temos dous exemplos perfectos, de perder o control e deixar ver quen e como son en realidade.
Foron moitos e moitas os que salientaron a gravidade de que tales insultos foran dirixidos por mulleres a outra muller, e, certamente, isto é grave, pero eu mesmo lle atopo un lado "positivo", por dicilo dalgún xeito, que é a ver se, dunha vez por todas, comeza a quedar claro que hai certo "feminismo" ao que se lle pode chamar calquera cousa agás iso, feminismo, e que non soamente se atopa nas altas esferas políticas que se gaban de practicalo, se non, como xa dixen moitas veces, a pé de rúa, como é o exercido por tantas e tantas presuntas "feministas" ou "activistas" que tampouco dubidan, coma Carmen Herrarte e Carla Toscano, en botar lixo por riba de quen non abraza os seus dogmas radicais nos que impera calquera cousa agás o que predican.
Ninguén merece ser obxecto duns ataques tan crueis e tan noxentos, pero, por outra banda, desexaría, malia que me temo que é moito pedir, que lle serviran a ministra Montero para pararse a reflexionar por un momento, e que, no futuro, ademais de tentar rebaixar o ton desa soberbia que xa a caracteriza, de admitir que, como humana que é, tamén erra e que recoñecelo e rectificar en lugar de enrocarse na prepotencia, a honraría e a dignificaría, o pensara dúas veces antes de lanzarse a cualificar de machista e de facha a todo aquel e aquela que non pensa coma ela.
Que ela non é o oráculo, nin de nada, nin de ninguén.
Que é sinxelamente, unha muller, unha persoa á que o destino lle outorgou un poder que pode durar ou non, e que, malia que, insisto, ninguén merece os ataques coma estes dos que ela foi obxecto, ás veces, quen sementa ventos, acaba por recoller auténticas tempestades, por moi ministra que sexa, e que tamén ela tente ter presente que, na procura do poder, non todo vale.
Asociación Si, hai saída